Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.378

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 25 de novembro de 1996 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Galicia-América.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia-América, con domicilio en rúa dos Feáns 1-3 baixo, Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

Primeiro.-Jesús Pérez Varela, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 3 de setembro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela o día 23 de xullo de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña José Antonio Montero Pardo, co número mil catrocentos do seu protocolo, por Manuel Fraga Iribarne e Avelino García Melle, este en representación do Centro de Galicia de Bos Aires.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural a Fundación Galicia-América, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das

Fundacións de Interese Galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 9 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro), clasificouse como de interese cultural a Fundación Galicia-América, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, promover especialmente todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten o achegamento da realidade galega a tódolos países americanos onde se atope vertebrada a comunidade galega.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Galicia-América, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social que será o presidente do padroado, un representante do Centro Galicia de Bos Aires que será vicepresidente, o conselleiro de Presidencia e Administración Pública, o conselleiro de Economía e Facenda, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas como vocais e catro vocais designados polo Centro Galicia de Bos Aires.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galega.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia-América, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación

e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recolla expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Galicia-América.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social