Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 11 de decembro de 1996 Páx. 11.232

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de Hijos de Ignacio Tabarés, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma da empresa Hijos de Ignacio Tabarés, S.L., que se subscribiu coa data do 6 de setembro de 1996, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo da empresa Hijos de Ignacio Tabarés, S.L.

Artigo 1º.-Partes contratantes.

Subscriben o presente convenio a totalidade dos representantes de persoal e a patronal da compañía Hijos de Ignacio Tabarés, S.L., ámbalas dúas con lexitimidade suficiente para a súa sinatura nos termos do artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio afectará á empresa Hijos de Ignacio Tabarés, S.L., e así mesmo ás relacións laborais entre a empresa e os traballadores que nela presten os seus servicios, en calquera dos seus centros de traballo.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entra en vigor o día 1 de setembro de 1996 con independencia da data do seu rexistro ou publicación no BOP.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio terá unha duración ata o 31 de decembro de 1997. Prorrogarase automaticamente por un período dun ano se non se denuncia por algunha das partes cunha antelación de polo menos sesenta días á data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que establece o presente convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual conforme a lexislación vixente, respectándose en todo caso as situacións persoais que a xeito de complementos varios viñeran percibindo os traballadores á entrada en vigor do presente convenio, conxelándose a súa contía e concepto e consolidándose na estructura do salario.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

Será de corenta horas semanais distribuídas de luns a sábado.

Artigo 7º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará un período de vacacións de trinta días naturais. O período de desfrute fixarase de común acordo entre a empresa e os traballadores, conforme dispón a lexislación vixente. Como consecuencia da actividade productiva da empresa, queda establecido que en ningún caso os traballadores poderán desfruta-las vacacións nos meses de xullo, agosto e decembro.

Artigo 8º.-Condicións económicas.

Os salarios do presente convenio son os establecidos na táboa salarial anexa.

Artigo 9º.-Antigüidade.

O persoal abranguido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio consistentes no aboamento de cuadrienios na contía de 5% do salario base correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade de salario base e maila antigüidade. As ditas pagas serán aboadas:

a) Paga de verán. Dentro da segunda quincena de xullo.

b) Paga de Nadal. Dentro dos primeiros vintedous días de decembro.

c) Paga de beneficios. Dentro da segunda quincena de marzo.

Artigo 11º.-Plus de transporte.

Tódolos traballadores recibirán un plus de transporte de 7.800 pesetas mensuais aplicándose a dita cantidade por doce mensualidades.

Artigo 12º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para tódolos traballadores contratados durante a vixencia do presente convenio, que será o seguinte:

-Grupos de tarifa 1 e 2: 6 meses.

-Grupos de tarifa 3 a 8: 3 meses.

-Grupos de tarifa 8 e seguintes: 15 días laborables.

Artigo 13º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións cás esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional.

Para estes efectos entenderanse como grupos profesionais asimilados os 6, 7 e 8.

Artigo 14º.-Mobilidade xeográfica.

Desprazamento: a empresa poderá desprazar a outros centros de traballo distintos a aquel no que presten os seus servicios durante calquera prazo de tempo, fundamentando o citado desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial.

Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo do novo destino diste máis de sesenta quilómetros do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Artigo 15º.-Contratos de duración determinada.

(Regulados polo artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, debido ás circunstancias do mercado ás que se refire o citado precepto, ámbalas partes acordan que poderán asinarse este tipo de contratos cunha duración mínima de seis meses e máxima de trinta e seis meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido no que respecta a goce de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de preaviso escrito con 15 días polo menos de antelación e sen ningunha indemnización ó rematar cada unha das prórrogas. No suposto de non producirse a extinción ó remate do tempo máximo de duración dos 36 meses, se o traballador seguise prestando servicios na empresa o contrato transformarase en indefinido.

Artigo 16º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión paritaria para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado no convenio formada por tres membros, un da parte empresarial e dous dos traballadores.

Artigo 17º.-Disposicións transitorias.

No non previsto no presente convenio observarase o que dispoña a lexislación vixente.

Artigo 18º.-Disposición derradeira.

Acórdase que a comisión paritaria a que alude o artigo 15º quede formada por José Antonio Novoa Álvarez pola empresa e polos traballadores, Fernando Rodríguez Pérez e Manuel Santeiro Torres.

ANEXO

Táboa salarial

Categoría profesionalSalario base mensual

-Grupo 1
Director xerente103.000 ptas.

-Grupo 2
Xefe de administración96.400 ptas.
Xefe de compras96.400 ptas.
Xefe de vendas96.400 ptas.
Supervisor96.400 ptas.

-Grupo 3
Xefe de almacén84.600 ptas.
Encargado de establecemento84.600 ptas.

-Grupo 4
Viaxante80.600 ptas.
Oficial administrativo80.600 ptas.
Analista80.600 ptas.

-Grupo 5
Chofer78.000 ptas.

-Grupo 6
Auxiliar administrativo74.000 ptas.
Auxiliar ordenador74.000 ptas.
Auxiliar contabilidade74.000 ptas.
Mozo especialista74.000 ptas.

-Grupo 7
Dependente74.000 ptas.
Mozo supermercado74.000 ptas.
Auxiliar caixa-repoñedor74.000 ptas.
Auxiliar caixa-dependente74.000 ptas.
Mozo auxiliar chofer74.000 ptas.

-Grupo 8
Telefonista71.400 ptas.
Mozo reparto71.400 ptas.
Mozo repoñedor71.400 ptas.
Persoal de limpeza71.400 ptas.

8896