Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 11 de decembro de 1996 Páx. 11.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cambre.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cambre, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-9-1996, subscrito en representación da parte económica polo alcalde, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 5-8-1996 de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto

1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de setembro de 1996.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cambre

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

As partes que concertan este acordo son o Concello de Cambre e o seu persoal laboral, representado polo delegado de persoal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

1. O presente convenio será de aplicación ó persoal laboral que preste os seus servicios no Concello de Cambre.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste convenio:

a) O persoal contratado para a realización de traballos específicos e concretos, non habituais, de carácter excepcional e os contratos de asistencia, regulados pola Lei 13/1995 do 18 de maio Boletín Oficial del Estado do 19 de maio de 1995

b) O persoal incluído no ámbito da aplicación do R.D. 1382/82, do 1 de agosto, que regula a relación laboral do carácter especial do persoal de alta dirección.

c) O persoal que sexa contratado para a execución de plans de fomento de emprego, formación de parados/as, programas de servicios sociais ou similares, en desenvolvemento de convenio ou con cargo a subvencións nas que interveña outra entidade, xa sexa da Administración central, autonómica, local ou institucional.

d) O persoal que realice traballos de colaboración social.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O propio da corporación municipal.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O propio da súa demarcación territorial e ó que puidese estenderse en comisión de servicios.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A vixencia das normas contidas no presente convenio estenderase desde o 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997, dous anos, salvo no concernente ós importes das cláusulas salariais, que terán unha vixencia anual e revisable con efectos do 1 de xaneiro de cada ano de eficacia do convenio.

Artigo 6º.-Denuncia.

Terá que formularse por escrito dirixida á outra parte concertante e, se procede legalmente, á autoridade laboral, durante o mes de outubro de 1997. No caso de non denunciarse na forma e período citados, entenderase prorrogado de ano en ano e revisaranse unicamente os importes dos conceptos salariais, ata que formalmente se denuncie nos sucesivos meses de outubro das anualidades de prórroga.

Artigo 7º.-comisión paritaria.

Un mes despois do asinamento do convenio, as partes negociadoras designarán unha comisión paritaria para entender da interpretación e vixilancia das cláusulas do texto convencional.

Esta comisión estará integrada por dous membros elixidos libremente por cada parte concertante. Calquera discrepancia sobre a interpretación das cláusulas do presente convenio, terá que someterse con carácter previo e obrigatorio á comisión paritaria, sen prexuízo do dereito posterior de acudir ás pertinentes instancias administrativas ou xudiciais correspondentes. Así mesmo, a comisión paritaria estará facultada para estudiar e acordar na aplicación do convenio, cantas modificacións normativas se puidesen requirir por cambios da lexislación actualmente vixente.

Á petición de calquera das partes, por escrito, e cunha antelación mínima de tres días hábiles, a comisión paritaria estará obrigada a reunirse; de non prestarse a isto a outra parte, a parte convocante poderá adopta-las medidas legais que considere máis oportunas.

Logo da consulta á comisión e interpretación, tódalas condicións establecidas no convenio deberán ser interpretadas e aplicadas da forma que resulte máis beneficiosa para os empregados do concello, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade en canto ó seu sentido e alcance.

Na sesión constitutiva procederase a designar, por acordo da comisión, as persoas que exercerán a súa presidencia e a súa secretaría.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas representacións e serán recollidos en acta, e daráselle-la publicidade nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo ou se a súa transcendencia o aconsella, publicaranse no BOP.

Artigo 8º.-Indivisibilidade do convenio.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados global e conxuntamente

en cómputo anual. No suposto de que a xurisdicción administrativa e/ou laboral competente, no exercicio das súas facultades, deixasen sen efecto ou modificasen algunha das estipulacións deste convenio, este deberá adaptarse o mesmo, facultándose para isto á comisión paritaria necesitando para a súa eficacia a preceptiva aprobación do Pleno da Corporación.

Artigo 9º.-Pacto de arbitraxe.

Na hipótese de que, como consecuencia de non poder alcanzar acordos interpretativos respecto da aplicación e/ou desenvolvemento deste convenio, as partes chegaran a algún tipo de conflicto colectivo, unha vez esgotadas as vías administrativas e antes de acudir, se fose o caso, á instancia xudicial, sométense voluntariamente a arbitraxe do director provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Só no caso de grave desacordo coa resolución arbitral, poderase, excepcionalmente, acudir a instancias xudiciais.

Capítulo II

Cobertura de postos e cadro de persoal

Artigo 10º.-A oferta de emprego.

As necesidades de recursos humanos que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público. Unha vez determinadas as vacantes comunicaráselles ós representantes dos traballadores a relación delas.

Artigo 11º.-A selección.

Decidida polo alcalde a convocatoria, o contido das probas selectivas será posto en coñecemento dos representantes dos traballadores antes da súa publicación en calquera medio que lle poida corresponder. Nos tribunais que xulguen as probas garantirase o respecto ó criterio de especialización. En calquera caso garantirase a presencia dun representante dos traballadores, que poderá delegar noutro traballador do concello para así cumpri-los requisitos de especialización.

En todo caso, o número de membros do tribunal nunca será inferior a cinco aplicando para o caso os criterios xerais de selección previstos para as administracións públicas.

Artigo 12º.-Contratos.

Os contratos de traballo formalizaranse por escrito incluirán unha cláusula de que o contrato é subscrito polo traballador con coñecemento das obrigas que se derivan da normativa vixente de incompatibilidades, inhabilitación ou separación do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme. En calquera caso o concello subministrarlle información ó traballador, antes da sinatura do contrato, das normas que o afecten.

Para a fixación do período de proba, establécense os seguintes períodos:

-Grao superior: 6 meses.

-Resto persoal: 3 meses.

Artigo 13º.-Promoción profesional.

Os ascensos dentro do sistema de clasificación profesional negociaranse entre o concello e a representación dos traballadores.

En todo caso os ascensos produciranse tendo en conta a formación, méritos e antigüidade do traballador.

Artigo 14º.-A contratación temporal.

Os postos de traballo que respondan á actividade regular, normal e permanente do concello serán atendidos por persoal laboral fixo. A contratación temporal empregarase nos termos recollidos nas distintas disposicións normativas que regulan este tipo de contratos.

Para a selección de traballadores contratados temporalmente, as convocatorias de prazas por quenda libre para persoal laboral fixo poderán preve-la constitución de listas de espera dos aspirantes proporcionais á puntuación obtida. Igualmente cando non existan listas de espera dispoñibles, e nos casos en que a singularidade da categoría ou praza o aconselle, poderase proceder á convocatoria dun proceso concursal para constituílas.

Tanto nun caso como noutro, as listas serán só para un ano e por un tempo máximo de contratación de tres meses, sendo o Pleno da Corporación o que establecerá as bases das distintas convocatorias que se poidan celebrar para a confección destas

Capítulo III

Xornada laboral, calendario, vacacións licencias e permisos

Artigo 15º.-Calendario.

O calendario laboral será o que os organismos competentes da Administración central, autonómica ou local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecten o municipio de Cambre.

Establécese, ademais, como festa propia dos empregados laborais do Concello de Cambre, con carácter non recuperable, a festividade de Santa Rita, 22 de maio.

Os días 24 e 31 de decembro serán, así mesmo, non laborables.

Cando, por razóns de servicio o traballador non puidese desfrutar algún dos anteriores días non laborables, compensaráselle cun día de descanso noutra data.

Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-los seus traballos en réxime de quendas ou non admitan o tratamento común en canto o calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza a concellería responsable, oído o órgano de representación dos traballadores.

Artigo 16º.-Xornada e horario.

A xornada laboral común obrigatoria para os contratados a tempo completo, tanto en xornada partida como continuada, será de 35 horas semanais.

O persoal a tempo parcial terá a xornada establecida no seu contrato.

O horario laboral xeral para poder cumpri-la xornada establecida será de luns a venres, de 8 a 15 horas.

Nos servicios onde non se poida establece-lo horario xeral, adoptaranse as quendas de traballo que serán fixadas pola concellería responsable, oído o órgano de representación dos traballadores.

Estes horarios de traballo específicos de cada servicio serán confeccionados para cada anualidade dentro dos 15 primeiros días do mes de decembro do ano anterior a aquel en que se vaian o poñer en práctica. En todo caso, oirase a representación legal dos traballadores.

En circunstancias extraordinarias e para servicios determinados, a concellería de persoal, oído o órgano de representación dos traballadores, poderá realiza-las modificacións horarias que fosen necesarias.

Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido que, como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado e o día completo do domingo ou, se fose caso, a mañá do luns.

O horario flexible aplicarase ós seguintes postos de traballo: axente de desenvolvemento local, asistente social, informático, coordinador de deportes, así como aqueles postos que, oída a representación legal dos traballadores, poida fixa-la concellería responsable.

Para a súa aplicación teranse en conta as seguintes normas:

-A parte principal do horario, chamado fixo ou estable, será das 9 horas ás 14.30 horas.

-A parte variable do horario, constituída pola diferencia entre o horario anteriormente citado e a xornada semanal, poderase cumprir entre as 8 e as 9 horas da mañá, e entre as 14.30 horas e as 21, sen prexuízo de que por necesidades puntuais do servicio, deba cumprirse o horario xeral laboral.

Establécese unha marxe de flexibilidade para a entrada ó traballo de trinta minutos diarios para aqueles postos que teñan horario flexible, O tempo demorado terá que ser recuperado no mesmo día á hora de saída, co mesmo tempo có demorado á entrada.

Tódolos traballadores con xornada continuada disporán dun período de trinta minutos diarios de descanso, con carácter non recuperable, dentro da xornada laboral. O persoal deberase ausentar de forma gradual, co fin de que sigan atendidos os distintos servicios municipais. Cada xefatura da unidade administrativa distribuirá este período de descanso atendendo as necesidades do servicio e tendo en conta que non poderá estar ausente a un

mesmo tempo máis do 50% do persoal adscrito ó mesmo.

Nos postos de traballo nos que non sexa posible toma-lo descanso dentro do horario continuado por razóns de atención ó público permanente, sen suplencia posible, compensaráselle ó traballador este tempo conforme as disposicións da xefatura da unidade administrativa (exemplo: conserxes de instalacións deportivas de servicio ó público permanente).

Durante os meses de xullo e agosto o horario dos traballadores a tempo completo será de 8 a 14 horas.

Para os traballadores que se beneficien da reducción estival da xornada, as horas non traballadas serán compensadas por horas que se poidan traballar a maiores sobre a xornada habitual do resto do ano, cando as necesidades do servicio así o esixan.

Tódolos traballadores comprendidos dentro deste convenio están sometidos ó sistema de control de horario, ó comezo e ó final da xornada laboral diaria e de inicio e fin do descanso diario que estipule a concellería responsable.

Calquera ausencia do posto de traballo durante a xornada laboral que non estea directamente relacionada coas obrigas laborais propias e inherentes ó posto de traballo deberán ser fichadas, así como a posterior entrada.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais, non substituíble por compensación económica, será dun mes natural ou de trinta días naturais cando o inicio das vacacións non coincida co comezo do mes natural, ou, se é o caso, na proporción que lle corresponda de non prestarse o servicio o ano completo.

As vacacións desfrutaranse, preferentemente, no período comprendido entre o un de maio e o 31 de outubro de cada ano, podendo dividirse, se as necesidades do servicio o permiten, en períodos de 15 ou sete días, como norma xeral.

Poderán ser fixadas fóra daquel período por iniciativa e vontade do traballador, sempre que non sexa posible desfrutalas no período de tempo anteriormente citado, e non cause trastornos ó servicio.

Antes do 15 de abril de cada ano, cada unidade administrativa ou servicio deberá remiti-lo seu plan de vacacións á unidade de persoal, para a súa posterior aprobación por resolución da alcaldía.

O plan de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, logo de solicitude do interesado, sempre que non exista oposición por parte do xefe da unidade administrativa ou servicio correspondente, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non afecte a intereses de terceiros no ámbito de quendas preestablecidas.

O período vacacional poderá quedar suspendido por instancia do interesado cando polo mesmo se

presente unha baixa médica, sempre suxeito a decisión que poida adopta-lo concelleiro responsable.

Igualmente, e para o suposto de que a dita baixa fose con anterioridade ó inicio das vacacións e subsistise no día sinalado para o seu comezo, estas non comezarán a correr para o interesado.

Tanto nun como noutro caso, de producirse colisión de intereses entre o traballador que ve modificado o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueles outros, funcionarios ou traballadores, da súa mesma unidade administrativa ou servicio, que xa as tivesen programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel que, en todo caso, terán que suxeitarse ás necesidades do servicio.

Artigo 18º

En materia de licencias e permisos rexerá o regulado pola lexislación vixente e aplicable en cada momento e o que se dispón nos artigos seguintes.

Artigo 19º.-Licencia por matrimonio.

Por razón de matrimonio propio o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de 15 días naturais, que se poderán desfrutar con anterioridade ou posterioridade á data da súa celebración, incluíndo a dita data.

Artigo 20º.-Licencia por maternidade.

Aplicarase o disposto na Lei 3/1989, do 3 de marzo, pola que se amplía a 16 semanas o permiso de maternidade.

Artigo 21º.-Licencias por estudios.

Poderá concederse licencia para realizar estudios ou cursos en materia directamente relacionada co posto de traballo, logo de solicitude presentada no rexistro xeral.

Esta licencia poderá ser concedida polo alcalde-presidente e deberá contar co informe favorable do xefe da unidade administrativa ou do servicio correspondente. No caso de concederse, o traballador terá dereito a percibi-la súa remuneración e demais beneficios legalmente establecidos.

Artigo 22º.-Licencias para funcións sindicais.

O traballador, logo de aviso, terá dereito a ausentarse do traballo con dereito a remuneración para realizar funcións sindicais ou representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

Artigo 23º.-Licencia sen retribución.

Os traballadores con contrato laboral indefinido poderán solicitar licencia sen retribución, que non poderá ter unha duración superior a tres meses nun período de dous anos.

A solicitude será motivada por parte do traballador e a concesión corresponderalle á alcaldía, que terá en conta para a súa resolución as necesidades do servicio.

Artigo 24º.-Permisos.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, e sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en cada momento, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e períodos de tempo que a continuación se relacionan:

1. Tres días polo nacemento ou adopción de fillos ou pola morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, cando o suceso se produza na mesma localidade, e catro días cando suceda noutra localidade distinta, susceptibles en ámbolos casos de seren ampliados pola alcaldía ata a un máximo de 7 días, en atención tanto á distancia coma outras circunstancias que concorran no suceso.

2. Dous días por traslado de domicilio habitual.

3. O tempo imprescindible para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, no que o traballador non poida ser substituído por outra persoa.

4. Os permisos a que se refire o presente artigo serán solicitados por escrito e a súa concesión será efectuada pola alcaldía, logo de informe da concellería de persoal. Deberán ser solicitados con antelación suficiente e ser resoltos, así mesmo, con anterioridade ós días solicitados.

5. Nove días por asuntos propios, que terán o carácter de non recuperables. Os días sinalados poderán ser desfrutados sempre que o permitan as necesidades do servicio.

O persoal poderá distribuír estes días á súa conveniencia, logo de comunicación á xefatura da unidade da que dependa, e tendo en conta que nunca deberá estar ausente nun mesmo tempo, máis do 50% do persoal adscrito a un servicio, salvo naqueles casos onde só houbese un traballador. O desfrute destes días deberá comunicárselle á unidade de persoal.

Artigo 25º

Cando, por razóns de enfermidade ou accidente o traballador precise asistencia no consultorio médico da Seguridade Social, en horas coincidentes coa xornada de traballo ten a obriga de xustifica-la súa asistencia ó consultorio médico.

Artigo 26º

No non disposto na materia de permisos nos anteriores preceptos rexerá o establecido nas normas xerais de aplicación.

Capítulo IV

Regulacións económicas

Artigo 27º

Co fin de establece-las retribucións das distintas categorías de traballadores acollidos ó presente convenio sinálase que aquelas, que constan no anexo

I, refiren ó traballo desempeñado a xornada completa. Os que presten o seus servicios a tempo parcial percibirán a parte proporcional en relación á xornada efectivamente realizada.

Anualmente, e durante a vixencia deste convenio, procederase a unha revisión salarial individual na porcentaxe de incremento que se estableza para os funcionarios públicos nos orzamentos xerais do Estado.

Cando por unha disposición se estableza para os funcionarios da Administración do Estado unha revisión das súas retribucións por diferencias entre a inflacción real e os incrementos establecidos nos orzamentos xerais do Estado, tal revisión será aplicada automáticamente, e cos mesmos efectos que para os funcionarios.

As distintas categorías recollidas neste convenio poderán ser modificadas se, como consecuencia da aprobación do orzamento de cada ano, así fosen recollidas no correspondente catálogo de postos de traballo da corporación.

Artigo 28º.-Salario base.

Entenderase por tal o que figura para cada categoría na táboa salarial adxunta (anexo I).

Complementos salariais.

Artigo 29º.-Complemento persoal de antigüidade.

Os traballadores afectados polo presente convenio percibirán por este concepto as cantidades que figuran no anexo I.

O plus aboarase cando o traballador vaia cumprindo, sucesivamente, trienios e seguindo o mesmo réxime legal establecido ou que se poida establecer para os funcionarios municipais.

Os trienios devengaranse a partir do mes seguinte ó seu cumprimento.

Artigo 30º.-Complemento de destino ou plus de convenio.

Aboaráselles mensualmente a tódolos traballadores na contía sinalada na táboa de retribucións que figura no anexo I deste convenio.

Artigo 31º.-Complemento específico.

Aboaráselles mensualmente ós traballadores que o teñan asignado na contía que figura no anexo I deste convenio.

Artigo 32º.-Complemento de responsabilidade.

Poderáselles adxudicar este plus a aqueles traballadores que, polo posto de traballo que ocupan, realicen funcións de coordinación, mando ou xefatura, ou se lles esixa unha especial responsabilidade ou cualificación profesional ou técnica, a maiores das propias e innatas ó posto desempeñado.

A adxudicación do complemento de responsabilidade seralle comunicada á representación dos traballadores cun informe motivado.

A contía fíxase nunha porcentaxe do salario base correspondente, que será fixada polo Pleno da Corporación entre o 5% e o 50%.

Gratificacións extraordinarias.

Artigo 33º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores percibirán anualmente dúas pagas extraordinarias: unha no mes xuño e outra no mes de decembro.

O importe de cada unha delas será dunha mensualidade que se perciba nun mes ordinario.

Outros conceptos retributivos.

Artigo 34º.-Horas extraordinarias.

Acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extras, isto é, as realizadas fóra da xornada de traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias normais, supresión total e absoluta.

b) Horas extraordinarias estructurais, excepcionais ou orixinadas por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servicio, alteracións das quendas do persoal ou outras circunstancias de carácter puntual derivadas da actividade ou servicio de que se trate, que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

O número de horas extras individuais non superará, en ningún caso, o tope establecido na lexislación vixente.

A retribución que corresponda polas horas extraordinarias realizadas será incluída na nómina do mes seguinte á súa realización.

Non computarán, para os efectos do tope establecido, as horas extraordinarias compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Artigo 35º.-Gastos de mantemento e desprazamento.

Por estes conceptos os traballadores acollidos ó presente convenio percibirán as mesmas cantidades que os funcionarios, en categorías asimiladas, do Concello de Cambre.

Capítulo V

Regulacións socioeconómicas

Artigo 36º.-Situación de incapacidade temporal

As situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade común ou accidente non laboral darán dereito a un complemento das prestacións que lle corresponda recibir ó traballador, da Seguridade Social, ata alcanzar o 100% das retribucións ordinarias percibidas no mes anterior á baixa.

Enténdense excluídas expresamente, polo seu carácter de extraordinarias, as pagas de xuño e decembro e as horas extraordinarias, así como cal

quera outro concepto salarial que non se aboe habitualmente.

O complemento ata o 100% aboarase ata o noveno mes, inclusive, da situación de IT.

Cando a IT veña causada por accidente de traballo ou enfermidade profesional, o complemento das retribucións ata o 100% aboarase pola totalidade do período legal de IT.

Artigo 37º.-Presentación de partes de baixa, confirmación e alta por IT.

A situación de enfermidade ou accidente deberá acreditarse co parte de baixa expedido por facultativo da Seguridade Social. Tal parte de baixa, así como os partes de confirmación de baixa, será imprescindible presentalos antes do cuarto día hábil posterior á data da baixa e deberá ser entregado polo interesado ou outra persoa no seu nome na unidade de persoal.

A imposibilidade de asistencia ó traballo por enfermidade sobrevida deberá notificárselle ó xefe da unidade respectiva o mesmo día no que se produza; este, á súa vez, comunicarallo á unidade de persoal.

A alcaldía poderá efectua-la comprobación das baixas por enfermidade ou accidentes de calquera traballador cando o considere oportuno, a través dos servicios médicos que designe.

Artigo 38º.-Seguros de vida, accidentes e responsabilidade civil.

1.-O concello ten subscrita unha póliza de seguros colectivos de vida e accidentes, na mesma contía que para os funcionarios, sendo os asegurados os traballadores sometidos a este convenio en situación de activo, que cobre os seguintes riscos:

a) Falecemento por enfermidade común ou accidente non laboral.

b) Invalidez permanente ou absoluta derivada de enfermidade común ou accidente non laboral.

c) Invalidez permanente ou absoluta por accidente laboral ou accidente in itinere.

d) Falecemento por accidente laboral ou accidente in itinere.

2. O concello obrígase a cumprir posibles responsabilidades civís que puidesen derivar das actividades propias dos traballadores municipais, salvo en caso de manifesta neglixencia.

A estes efectos o concello subscribirá unha póliza de seguros que garanta unha adecuada cobertura por responsabilidade civil.

Artigo 39º.-Asistencia xurídica.

O concello obrígase a prestarlles asistencia xurídica ós traballadores no supostos de conflictos xurídicos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Capítulo VI

Axudas asistenciais

Artigo 40º.-Melloras voluntarias da Seguridade Social

Inclúense dentro do ámbito de aplicación deste concepto os gastos derivados de servicios sanitarios non concertados destinados a melloras da saúde física e mental do traballador e os seus beneficiarios ou que repercutan na mellora do traballador.

A axuda económica por estes conceptos terá un máximo de 30.000 pesetas por traballador e unidade familiar.

As presentes axudas terán como tope global a consignación que anualmente se estableza nos orzamentos municipais.

As solicitudes poderán presentarse durante todo o ano e con elas deberase achegar xustificación do gastos mediante factura debidamente detallada e, se fose o caso, a prescrición médica correspondente.

Artigo 41º.-Anticipos reintegrables.

Por petición do interesado o concello concederalles ós traballadores anticipos de ata catro mensualidades da súa retribución, cun tope máximo de 500 000 ptas.; a devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen que xeren ningún tipo de xuro.

O período máximo de devolución dos anticipos establecerase en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo. En calquera caso o traballador poderá solicitar un período menor para a amortización:

-6 meses para unha mensualidade

-12 meses para dúas mensualidades.

-18 meses para tres mensualidades.

-24 meses para catro mensualidades.

Cando se conceda un anticipo que alcance o tope máximo sinalado sen que coincida co importe exacto de mensualidades, devolverase no período de tempo que corresponda segundo as mensualidades.

O período máximo non poderá exceder, en ningún caso, da data en que se produza legalmente a xubilación do solicitante, debéndose ratear neste caso o seu importe nas mensualidades que resten ata a dita data.

No suposto de traballadores temporais, terase en conta o tempo que falte para o seu previsible cesamento.

Para facer fronte ás axudas asistenciais consignarase no orzamento municipal o 7% da masa salarial que corresponda a cada ano.

As solicitudes de anticipos reintegrables terán que ser xustificadas polos interesados e serán resoltas por decreto de alcaldía, logo do visto e prace por parte da comisión de seguimento deste convenio.

Capítulo VII

Formación e seguridade e saúde

Artigo 42º.-Formación e perfeccionamento profesional.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a ver facilitada a realización de estudios académicos ou profesionais.

O concello, en colaboración coas distintas administracións procurará a realización de cursos de formación e as actividades que cumpran para perfeccionar e actualiza-los coñecementos profesionais do seu persoal.

Artigo 43º.-Recoñecemento médico.

Cada ano poderán efectua-los traballadores municipais un recoñecemento médico integral por medio da mutua de accidentes que teña cubertas as incidencias deste concello.

Artigo 44º.-Réxime de vestiario e instrumentos de traballo.

O Concello facilitará roupa de traballo, calzado e instrumentos de traballo homologado e de uso obrigatorio para todo o persoal ó seu servicio cando as condicións e a natureza do traballo o requiran por razóns de seguridade e hixiene, uniformidade ou outro motivo xustificado.

O vestiario que proceda entregaráselle ós traballadores ó inicio das súas funcións e renovarase periodicamente segundo os prazos que fixen para cada elemento en cada unidade ou servicio.

Artigo 45º.-Normas de seguridade e saúde.

Serán de aplicación as normas de carácter xeral que estean en vigor en materia de seguridade e saúde.

Capítulo VIII

Dereitos e deberes xerais

Artigo 46º.-Dereitos lingüísticos.

Os traballadores do Concello de Cambre teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega e a recibiren formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo, recoñecendo o concello desa maneira a oficialidade da lingua galega e os dereitos lingüísticos dos traballadores recollidos no Estatuto de autonomía de Galicia, Lei de normalización lingüística e demais disposicións legais concordantes.

O Concello de Cambre fomentará o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións cos cidadáns e Administracións públicas en Galicia.

Artigo 47º.-Dereitos e garantía sindicais

Serán de aplicación ós traballadores do Concello de Cambre os dereitos recoñecidos no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais normas que puidesen ser de aplicación.

Artigo 48º.-Deberes e faltas.

Os deberes básicos do traballador recollidos no artigo 5 do vixente Estatuto dos traballadores son de especial aplicación neste convenio e, polo carácter de servicio público que ofrece o concello, os traballadores teñen a obriga de oferta-la maior calidade e productividade posible de servicio no seu posto de traballo.

Toda falta cometida por un traballador cualificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia ou intención, en leve, grave ou moi grave. A enumeración dos diferentes tipos de faltas, dentro de cada un dos grupos indicados que figuran nos epígrafes seguintes, é meramente enunciativa e non implica que non poidan existir outras, as cales serán cualificadas segundo a analoxía que garden con aquelas.

Artigo 49º.-Faltas leves.

a) A incorrección con superiores xerárquicos, cos compañeiros e o público en xeral.

b) O retraso, neglixencia ou descoido no cumprimento dos labores.

c) A presentación extemporánea de partes de baixa ou confirmación de IT, a non ser por causa de forza maior ou que se probase a imposibilidade de facelo.

d) De 3 a 5 faltas de puntualidade nun mes.

e) Neglixencia no coidado e conservación de materiais e utensilios de traballo e mobiliario de locais onde se presten os servicios.

f) A falta de asistencia inxustificada durante un día nun mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

Artigo 50º.-Faltas graves.

a) A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores ou compañeiros de traballo.

b) O incumprimento de ordes e instruccións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo, así como accidentes ou omisións neglixentes das que deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

c) A desconsideración co público no exercicio do traballo.

d) O incumprimento ou abandono das normas de seguridade e hixiene no traballo establecidas.

e) A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada, durante dous días ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

f) O abandono do posto de traballo.

g) As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de 5 días ó mes en menos de 10 días.

h) Simulación de enfermidade ou accidente.

i) A colaboración e encubrimento de faltas de calquera natureza cometidas por outros traballadores.

l) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas leves, nun prazo de seis meses.

m) O incumprimento dos prazos ou outra disposición de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoña mantemento dunha situación de incompatibilidade.

Artigo 51º.-Faltas moi graves.

a) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións ou no desempeño das funcións encomendadas, así como calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

b) O manifesto incumprimento das ordes recibidas dos superiores.

c) A diminución continuada e voluntaria do rendemento no traballo, normal ou pactado.

d) A utilización ou difusión indebida de datos ou informacións dos que se teña coñecemento por razón do traballo propio ou alleo.

e) O falseamento neglixente de datos e información do servicio solicitados polos superiores.

f) Os malos tratos de palabra ou obra cos compañeiros, superiores xerárquicos ou público.

g) O acoso sexual.

h) A reiteración ou reincidencia na comisión de faltas graves no prazo de vintecatro meses.

Artigo 52º.-Sancións e prescrición de faltas

As sancións que poderán impoñerse, en función da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por falta leve:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

b) Por falta grave:

-Suspensión de emprego e soldo entre catro e dezaseis días.

c) Por falta moi grave:

-Suspensión de emprego e soldo entre dezaseis días e corenta e cinco días.

-Despedimento.

As infraccións cometidas polos traballadores prescribirán: as leves, ós dez días; as graves, ós vinte días, e as moi graves os sesenta días, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Artigo 53º.-Condicións máis favorables.

As melloras establecidas noutras disposicións de dereito necesario que melloren as condicións de traballo ou as retribucións establecidas neste convenio aplicaranse de forma inmediata en beneficio do traballador.

Cláusula adicional

O persoal que, como consecuencia da aplicación do disposto no artigo 30 tivese que estar percibindo

o complemento de antigüidade, terá dereito a que no mes de maio do ano 1996 se lle aboe unha única paga polo importe que (a cada un dos implicados e para os efectos oportunos) se indica a continuación:

José Antonio Eiroa García: 32.760 ptas.

Horacio Torreiro Ramos: 32.760 ptas.

Luis Sanjurjo Morandeira: 29.484 ptas.

Manuel López Rivas: 13.104 ptas.

Cristina Armenta Vilariño: 13.104 ptas.

ANEXO I

Salario base e trienios

Equivalente
Categoríaco grupoSalario baseTrienios

Axente D. localA152.0375.838

Asistente socialB129.0384.760

Ad. S. informáticoC96.1893.505

Coor. deportesC96.1893.505

Mtor. 3ª idadeD

Aux. bibliotecaD

Aux. certamen P.D78.6512.340

Oficial IIE

Peón especialE

PeónE

Traballador familiarE71.8021.755

Complementos salariais

CategoríaComp. destinoComp. específico

Axente D. local104.40694.387

Asistente social67.88061.325

Ad. S. informático52.56140.416

Coord. deporte52.56126.740

Mtor. 3ª idade

Aux. biblioteca

Aux. certamen P.40.60318.870

Oficial II34.62223.230

Peón especial30.71524.479

Peón27.15017.908

Traballador familiar6.572762

Salario total mes/ano

CategoríaTotal mesTotal ano

Axente D. local350.8304.911.620

Asistente social258.2433.615.402

Ad. S. informático189.1662.648.324

Coord. deporte175.4902.456.860

Mtor. 3ª idade

Aux. biblioteca

Aux. certamen P.138.1341.933.876

Oficial II129.6541.815.156

Peón especial126.9961.777.944

Peón116.8601.636.040

Traballador familiar79.1361.107.904

Horas extraordinarias

CategoríaHora día normalHora festivos

Axente D. local3.4514.140

Asistente social2.9573.548

Ad. S. informático1.8072.168

Coord. deporte1.8072.168

Mtor. 3ª idade1.6421.971

Aux. biblioteca1.6421.971

Aux. Admtvo.1.6421.971

Oficial II1.2531.504

Peón especial1.2531.504

Peón1.2531.504

Traballador familiar1.2531.504

8067