Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 11 de decembro de 1996 Páx. 11.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de decembro de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Antonio López Rodríguez.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Antonio López Rodríguez, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Antonio Masdías Quintela, na súa calidade de vicepresidente do padroado da fundación, en escrito do vintetrés de abril de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día trece de marzo de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Federico Maciñeira Teijeiro co número setecentos trinta e tres do seu protocolo, por Antonio López Rodríguez, Lucía López Sánchez, Antonio Enrique Masdías Quintela, María del Carmen Bonome Sánchez, interveñen todos no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais Antonio Enrique Masdías Quintela como mandatario verbal, en nome e representación de María del Rosario Castells Vila, Angel Padín Panizo e Manuel Rodríguez Maneiro.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a conservación e exaltación do patrimonio do pintor e escultor Antonio López Rodríguez, para elevar así o acerbo artístico e cultural da Coruña e de Galicia en xeral e o fomento da cultura a través de conferencias, cursos, publicacións, exposicións permanentes e itinerantes e calquera outra actuación encamiñada a este fin.

4. O padroado da fundación estará constituído por Antonio López Rodríguez como presidente, María del Rosario Castells Vila como presidenta de honra, Antonio Enrique Masdías Quintela como vicepresidente, María del Carmen Bonome Sánchez como secretaria, Manuel Rodríguez Maneiro como tesoureiro e Lucía López Sánchez e ángel Padín Panizo como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antonio López Rodríguez, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego,

e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dous de decembro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Antonio López Rodríguez e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9140