Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 10 de decembro de 1996 Páx. 11.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 15 novembro de 1996 pola que se convocan subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986 regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón no seu artigo 1.1º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse «no exercicio presupostario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de presupostos xerais da comunidade que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio presupostario no que se vai materializa-la contraprestación».

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social quere contribuír a un mellor desenvolvemento na promoción das actividades culturais realizadas por asociacións, federacións e institucións culturais, así como por particulares e dirixidas ó público en xeral. Co fin de canaliza-las diferentes propostas, a Consellería de Cultura e Comunicación Social creou a través do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais para acolle-las propostas de carácter cultural que formulen os particulares, asociacións e institucións de carácter cultural.

As asociacións e institucións culturais realizan unha serie de actividades nos máis variados campos da cultura, contribuíndo á conservación da nosa cultura e ó seu desenvolvemento.

Cómpre que a Consellería de Cultura e Comunicación Social, consciente da importancia do achegamento da cultura á poboación que realizan estas entidades no seu labor de dinamización cultural, colabore no labor que estas desenvolvan, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En virtude do disposto no artigo 6 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, convócanse subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais de Galicia, destinadas á realización daqueles proxectos de interés xeral que resulten preseleccionados pola Consellería de Cultura e Comunicación Social nos campos de promoción e cooperación cultural, e da difusión e animación sociocultural, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 2º

A contía de cada subvención non poderá sobrepasa-la cantidade de cinco millóns (5.000.000) de pesetas.

Artigo 3º

1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, asociacións e institucións culturais legalmente constituídas, sen ánimo de lucro con domicilio social en Galicia, así como que realicen a súa actividade, de interese xeral, na Comunidade Autónoma.

2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Comunicación Social e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 4º

Os solicitantes presentarán o seu proxecto segundo o establecido no artigo 2.3º do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social segundo modelo que figura como anexo desta orde, acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar indicando o seu ámbito territorial e social, así como a forma de executalas ben directamente, en colaboración coa Administración autonómica, asociacións ou institucións.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Breve memoria das actividades realizadas ata o ano 1996 polo solicitante.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, inscribiranse no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, e serán analizadas pola Comisión de Programación e Coordinación de Iniciativas Culturais, que elevará proposta ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º

Na valoración de solicitudes, de acordo co previsto no artigo 4 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, teranse en conta os seguintes aspectos:

A) Importancia e intererese cultural da correspondente proposta.

B) Novidade ou antecedentes dela.

C) Ámbito territorial e social da proposta, e posible repercusión na imaxe interior e exterior de Galicia ou da súa cultura.

D) Valoración económica da proposta.

E) Conveniencia de asumi-la proposta, con indicación do sistema máis adecuado para desenvolvela, ben directamente pola Administración ou ben polos propios autores da iniciativa, con ou sen colaboración doutros axentes culturais (asociacións e institucións).

Artigo 7º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos, debendo comunicarlle á Dirección Xeral de Promoción Cultural lugar, día e hora da actividade subvencionada, así como comunicar calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

3. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, no prazo dos quince días naturais posteriores á realización das actividades e en todo caso, antes do

1 de novembro do ano 1997, mediante a achega dos xustificantes acreditativos, o orixinal e dúas fotocopias, de que a actividade foi realizada.

4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Comunicación Social-Dirección Xeral de Promoción Cultural, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Comunicación Social instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º

A falta de resolución expresa por parte da Administración producirá efectos desestimatorios transcorridos seis meses desde a presentación no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, e poderá o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nun prazo de 30 días naturais. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámites.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

Sr. Director Xeral de Promoción Cultural

7642