Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 10 de decembro de 1996 Páx. 11.173

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 427/1996, do 29 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aéreo-subterránea, a 20 kV trazada entre a subestación de Teixeiro e o centro penitenciario, no termo municipal de Curtis, provincia da Coruña. (Expediente 96/13-1).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aero-subterránea a 20 kV de 3.488 m aéreo e 108 m subterráneo preparada para dobre circuito de LA-110 e R.H.V. de 3 (1.240 mm Al), con orixe en subterráneo na subestación de Teixeiro e final no apoio nº 22 da L.M.T. proxectada, afecta no seu percorrido o termo municipal de Curtis (A Coruña) (expediente 96/13-1).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública, e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 6-5-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 21-5-1996, no BOP da Coruña do 18-5-1996, e no BOE do 24-5-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-3-1996, no BOP da Coruña do 22-3-1996, no xornal El Ideal Gallego do 20-3-2996, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Curtis e no da delegación provincial, ó mesmo tempo na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formulou ningunha alegación de oposición á expropiación, se ben se formulou escrito por parte de José Mª Rodríguez Carballido, manifestando a

incorrección na titularidade do predio nº: 27, toda vez que o dito predio é propiedade de Explotaciones Ganaderas de Teixeiro, S.L., solicitando ademais información sobre a afección co obxecto de analiza-la magnitude desta. A citada empresa non acredita documentalmente a titularidade do referido predio, polo que as actuacións entenderán co titular que consta no expediente ata que se demostre a titularidade do predio, e procederase, no caso de ser necesario, a realiza-lo depósito previo á ocupación na caixa xeral de depósitos, a disposición de quen resulte se-lo titular do ben afectado, no momento do levantamento de actas previas.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, puídose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considerase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. con base na trascendencia social das instalacións, xa que con esta liña se pretende subministrarlle enerxía ó centro penitenciario de Curtis, partindo da subestación de Teixeiro, o cal redundará ademais na mellora das condicións de seguridade da subministración, así como das cousas e persoas, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para a súa execución.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aero-subterránea que une a subestación de Teixeiro co centro penitenciario.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Curtis (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu

a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9016