Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 26 de novembro de 1996 Páx. 10.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 15 de novembro de 1996 pola que se regulan as subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade.

As salas de exhibición cinematográfica son un foro cultural particularmente importante na sociedade actual. É sabido que no presente o sector da exhibición cinematográfica atravesa unha importante crise, que ten como principal efecto o crecente peche de salas, particularmente en zonas rurais. Na actualidade, son as Comunidades Autónomas a administración competente para convocar e concederlle axudas á exhibición cinematográfica, conforme os criterios establecidos no Real decreto

1282/1989, e a Orde do 12 de marzo de 1990, do Ministerio de Cultura.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade, con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.353C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º

Poderán optar ás subvencións os titulares de salas de exhibición cinematográfica situadas fóra de capitais de provincia, en localidades con poboación inferior a 50.000 habitantes, que durante 1995 tivesen actividade, cando menos, durante catro meses, que obtivesen unha recadación anual bruta inferior a 3.000.000 de pesetas, e que estean inscritos no rexistro de empresas do instituto da cinematografía e das artes audiovisuais.

Artigo 3º

A contía das axudas será proporcional ó número de semanas de actividade realizada por cada sala durante o ano 1995, sen que, en ningún caso, a contía da axuda poida ser superior á recadación bruta obtida no dito ano.

Artigo 4º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentaranas no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xuntaranse os seguintes documentos:

1. Instancia.

2. Fotocopia do DNI do solicitante.

3. Acreditación suficiente da súa titularidade sobre a sala.

4. Documentación acreditativa da inscrición da sala no rexistro de empresas do Instituto da cinematografía e das artes audiovisuais.

5. Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

6. Cédula de identificación fiscal.

7. Acreditación da actividade mediante a presentación dos partes-declaración de exhibición sema

nal debidamente cubertos pola Sociedad General de Autores de España.

8. Relación na que se indique o número de semanas de actividade e a recadación bruta por semana.

9. Para efectos de posibilita-la liquidación do importe da subvención que correspondese, deberán aportar certificación de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social así como de non ter débedas coa Xunta de Galicia. Así mesmo, deberán entregar certificado bancario da existencia da conta na que o solicitante sexa o titular.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual e o Director Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual elevará a correspondente proposta ó Conselleiro de Cultura e Comunicación Social, que resolverá.

Artigo 6º

Unha vez resolta e notificada a concesión da subvención librarase a cantidade adxudicada sempre e cando consten na Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual as certificacións descritas no punto 9 do artigo 4º.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Comunicación Social instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolucion das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o regulamento xeral de recadación.

Artigo 8º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente e poderá o solicitante a partir desa data retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións considere precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

8557