Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 26 de novembro de 1996 Páx. 10.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 19 de novembro de 1996 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 1996 en relación coa contabilización dos gastos públicos.

A regulación das operacións de cerramento do exercicio de 1996 en relación coa contabilidade dos gastos públicos, fai necesario dicta-las oportunas instruccións. Na súa virtude,

DISPOÑO:

1) Sinalamento de haberes no mes de decembro.

1.1. As nóminas para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 12 do dito mes e remitiranse o día 13 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e tramitación dos documentos contables correspondentes antes

do día 17 dese mes; para o cal, os partes do mes de decembro deberán recibirse no C.P.D. antes do día 30 de novembro cando se trate de altas ou baixas, e antes do día 26 de novembro nas demais alteracións ou modificacións.

1.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ó mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 20 dese mes.

2) Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

O último día do exercicio de 1996 no que se poderán satisfacer libramentos de pagamento pola Tesourería da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o 30 de decembro. O primeiro día hábil do mes de xaneiro de 1997 as ditas dependencias reanudarán o pagamento dos pendentes de satisfacer.

3) Recepción e tramitación de documentos contables.

Os documentos contables en fase A, D, O, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor, o día 30 de decembro, sen prexuízo do previsto na disposición adicional oitava da Lei 11/1995 de 28 de decembro de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Para os documentos con fase K, a data límite de entrada nas ditas oficinas será o 17 dese mes ou o día 11 se fosen para xustificar.

A data límite para que as intervencións delegadas e territoriais tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro os documentos OK para xustificar será o día 13, e o resto dos documentos con fase K, o día 23 dese mes. Non obstante naqueles casos excepcionais en que por razóns de prazo sexa ineludible a realización do pagamento, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la entrada e contabilización de documentos con fase K con posterioridade ás ditas datas.

Os interventores territoriais e os interventores delegados do interventor xeral da Comunidade Autónoma coidarán moi especialmente o cumprimento desta norma.

4) Procedemento en fin de exercicio.

4.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro realizará procesos de ordenación de pagamentos como última data válida de 1996 o día 26 de decembro, e manterá aberta a contabilidade de recepción de tales propostas ata o día 23 inclusive, data na que as oficinas de contabilidade dos centros xestores deixarán de expedir propostas de pagamento con imputación á contabilidade do exercicio de 1996. Non obstante, desde principios de 1997 e con imputación á contabilidade deste, poderá expedir ordes de pagamento por conta das propostas recibidas en calquera momento.

4.2. A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conte-la

dobre columna tanto os resultados correspondentes ó cerramento do exercicio de 1996, coma do 1995.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con abono á conta 100 «Patrimonio».

As intervencións delegadas, con data límite do 31 de xaneiro de 1997, deberán remitirlle á Subdirección Xeral de Contabilidade copia das actas de recepción provisional que se produciran durante o exercicio de 1996 correspondentes a proxectos de investimento que se lles imputasen ós artigos 60 e 61 da clasificación económica do orzamento de gastos, co obxecto de que poida realizarse o traspaso á conta 109 «Patrimonio entregado ó uso xeral» dos investimentos que entraran en funcionamento durante o exercicio.

En tanto non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

5) Operacións de fin de exercicio.

Os créditos que o derradeiro día do exercicio non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Polo tanto, o derradeiro día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como ás retencións de crédito existentes.

Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

Todas estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

6) Relacións nominais de acredores.

Conformarán a agrupación de orzamentos pechados aquelas obrigas debidamente contraídas e que por algunha causa xustificada non proceda efectua-la proposta de pagamento. Enténdese que unha obriga está debidamente contraída cando a correspondente prestación se encontra realizada e xustificada adecuadamente, conforme determina o apartado a).3 do Art. 73 da Lei 11/1992.

6.1. Cada oficina contable formará unha relación nominal de acredores clasificada por claves territoriais e seccións, que consignará para cada acredor o DNI ou NIF e o importe das obrigas contraídas con cargo ó presuposto de 1996.

Esta relación deberá xustificar integramente, no cerramento do exercicio, os saldos de obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento que figuran nos seus correspondentes estados de execución.

A relación clasificarase por aplicacións orzamentarias.

Un exemplar da relación de acredores enviaráselle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro exemplar unirase á xustificación que se remite á Intervención Xeral para o seu envío ó Consello de Contas co fin de xustifica-lo saldo de obrigas.

6.2. Polas obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento o 31 de decembro de 1996, correspondentes a orzamentos pechados anteriores ó dito ano e a anticipos de tesourería, formarán tamén unha relación nominal de acredores, coa mesma estructura.

6.3. A Subdirección Xeral de Contabilidade devolverá a cada oficina contable a devandita relación de acredores unha vez incluídos nesta a referencia e nº de operación correspondentes ó exercicio de 1997, co que se poderán, a partir de entón, contabiliza-las oportunas propostas de pagamento.

6.4. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, deberá formar unha relación de propostas de pagamento recibidas que estean pendentes de ordenar o 31 de decembro. Estas relacións xustificarán o saldo de propostas de pagamento pendentes de ordenar.

6.5. A Subdirección Xeral do Tesouro, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, formará unha relación de ordes de pagamento emitidas pendentes o 31 de decembro na caixa que xustificará o saldo das ditas ordes de pagamento pendentes. A estructura será:

1º) Relación de ordes de pagamento do exercicio de 1996.

2º) Relación de ordes de pagamento de exercicios anteriores.

Un exemplar das relacións sinaladas nos apartados 6.4 e 6.5 enviarase á Intervención Xeral (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro unirase á documentación que se lle vai remitir ó Consello de Contas por conducto da Intervención Xeral e un terceiro quedará en poder da devandita dirección xeral.

6.6. Tódolas listas definidas neste punto VI deberanse obter automaticamente polo sistema XUMCO.

7) Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, polo que respecta ós dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude de aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

8) Vixencia dos mandamentos de pagamento.

8.1. Os documentos "P" que non fosen satisfeitos o 31 de decembro conservarán a súa plena vixencia ata o momento en que se lles fagan efectivos ós acredores, se anulen ou se declare a súa prescrición.

8.2. As ordes de pagamento correspondentes ó exercicio 1996 ou anteriores que conteñan erros que impidan a súa realización e estean na caixa

pendentes de pagamento o 31 de decembro de 1996, pagaranse en formalización no exercicio 1997, e compensarán o dito pagamento cun ingreso en formalización ó concepto 100.393 «Outros ingresos. Recursos eventuais», que figurará como único desconto na orde de pagamento, e substituirá os que puideran figurar anteriormente.

9) Orzamentos pechados.

9.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, a partir do primeiro día hábil do mes de xaneiro de 1997, poderá ordenar pagamentos ata unha cantidade igual ó importe das obrigas recoñecidas pendentes de ordena-lo pagamento ó fin de exercicio.

9.2. Os pagamentos que se ordenen a partir da data indicada no número anterior, por propostas de pagamento pendentes de ordenar no cerramento do exercicio, serán contabilizadas na agrupación de presupostos pechados.

10) Créditos orzamentos.

Os expedientes de modificación de crédito que deba autoriza-lo consello ou a Consellería de Economía e Facenda deberán ter entrada na dita consellería antes do día 5 de decembro de 1996, agás os que afecten a créditos do capítulo I e os correspondentes ás transferencias a corporacións locais por participación nos ingresos do Estado.

Os expedientes autorizados polos titulares das consellerías deberán comunicárselle á Dirección Xeral de orzamentos para instrumenta-la súa execución igualmente, antes do día 5 de decembro de 1996.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8585