Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 25 de novembro de 1996 Páx. 10.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de outubro de 1996 pola que se convocan bolsas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o desenvolvemento de proxectos de investigación e desenvolvemento.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece, como unha das funcións do Igape favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas. Con tal finalidade, dentro das actividades de desenvolvemento da capacidade de innovación das empresas galegas, o Igape dispón dun progama de bolsas que pretende, por unha parte, apoia-los proxectos de I+D que as empresas leven a cabo e, por outra, facilitar unha formación tecnolóxica a xoves universitarios que lle permita un mellor acceso ó mundo laboral.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas de investigación e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria, que se inclúe no anexo I desta orde.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0399 71205 780 do orzamento do Igape 1996.

Autorízase o Igape para ampliar ou abrir novas convocatorias, dándolle a oportuna publicidade en prensa no caso de que para algunha das titulacións solicitadas polas empresas se esgotara a posibilidade de preselección por falta de candidatos, sempre e cando exista o oportuno crédito orzamentario.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de tres meses. Cumprido o dito prazo, entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 1996.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bolsas de investigación e desenvolvemento

A finalidade destas bolsas é favorece-la modernización e innovación tecnolóxica das empresas de Galicia, promovendo a través das axudas do Igape que un bolseiro posgraduado na titulación adecuada colabore no desenvolvemento dos proxectos de investigación con aquelas empresas beneficiarias das axudas do Igape que así o soliciten.

Bases da convocatoria.

1. Requisitos dos solicitantes.

1.1. Entidades: poderán solicitar esta axuda todos aqueles empresarios individuais, sociedades, asociacións, agrupacións de empresarios e entes públicos e privados que realicen actividades determinadas no artigo 4 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento das actividades empresariais, que teñan o centro da súa actividade ou algún centro de traballo en Galicia, así como as institucións de investigación e desenvolvemento de Galicia, e presenten un proxecto de investigación que reúna os requisitos establecidos nestas bases.

1.2. Titulados: poderán solicitar esta axuda aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

A. Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

C. Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

D. Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) outorgada por unha institución docente dalgún país membro da Unión Europea ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e ter obtido o título con posterioridade ó 30 de xuño de 1993 (salvo que se acredite ter realizado o servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria, neste caso ampliaráse o prazo de finalización de estudios na mesma medida que a duración da prestación dos ditos servicios).

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia previamente á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

E. Non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en anos anteriores.

F. Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Número.

Establécese un máximo de 10 bolsas para conceder segundo a presente convocatoria.

3. Instancias.

Segundo anexo III para empresas ou entidades e segunde anexo V para titulados.

4. Documentación.

Segundo anexos II (empresas e entidades) e IV(titulados).

5. Duración, contía e forma de pago.

O período de desfrute da bolsa será de doce meses a partir da data da aceptación ou da data de incorporación definitiva á entidade. Poderase prorroga-lo período de duración da bolsa de forma potestativa para o Igape, a proposta razoada e conxunta do bolseiro e da entidade á que se lle aprobou o proxecto, e nunca por un prazo superior a 6 meses.

A dotación de cada bolsa será de 1.500.000 pesetas. No caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga, tomando como base o importe anterior.

A dotación da bolsa abonaráselle ó bolseiro segundo o seguinte detalle:

-O 30% do importe da bolsa abonarase ó comezo.

-O 60% será aboado nos oito meses seguintes (30% ó remate de cada cuatrimestre), previa entrega dun informe de actividades según o plan do proxecto.

-O 10% abonarase ó remate do período de desfrute e logo do informe final de actividades.

6. Presentación de solicitudes.

6.1. Regras comúns:

As solicitudes, nos modelos oficiais que se publican no anexo III (empresas e entidades) e no anexo V (titulados) deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo II (para empresas e entidades) ou anexo IV (para titulados) e presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A. Santiago: r/ Frei Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701.

B. Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C. Vigo: r/ Príncipe, 43 - 2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia deberá ir traducida por un intérprete xurado.

6.2. Presentación de solicitudes polas empresas ou entidades:

As empresas ou entidades terán un prazo de quince días desde o día seguinte ó da publicación no DOG destas bases para presenta-las súas solicitudes, indicando unha titulación e especialidade preferente.

Dentro dos quince días seguintes á finalización do prazo de solicitudes o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes de empresas ou entidades admitidas e excluídas, sinalando, se for o caso, as causas de exclusión. Abrirase un prazo de dez días para que os interesados poidan corrixi-la súa solicitude, e aportar, se for o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a corrección procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de corrección, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes de empresas ou entidades admitidas á selección.

As solicitudes presentadas polas empresas seleccionadas serán estudiadas e valoradas por un comité de avaliación presidido polo director da Área de Innovación, Formación e Información, e integrado polos seguintes membros:

-O director de Tecnoloxía do Centro de Innovación e Servicios.

-O xefe da Unidade de Innovación e Formación Tecnolóxica.

O comité de avaliación poderá solicitar asesoramento de especialistas das diversas áreas tecnolóxicas dos proxectos, incorporándoos temporalmente a el. Dentro deste proceso de selección o comité poderá solicita-la información que considere necesaria para unha adecuada comprensión do proxecto.

6.3. Presentación de solicitudes polos titulados:

Os titulados poderán presenta-la súa solicitude dentro dos quince días seguintes á publicación no Igape da lista definitiva de empresas.

Unha vez rematado o prazo de solicitude de titulados e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes de titulados admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso as causas de exclusión. Abrirase un prazo de dez días para que os interesados podan corrixi-la súa solicitude, e aportar, se fose o caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a corrección, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de correccións, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes de titulados admitidas á selección por titulación, especialidade e baremo.

Non se admitirán aquelas titulacións que non fosen solicitadas por algunha empresa.

7. Criterios de selección de empresas e titulados.

7.1. Selección de empresas ou entidades.

Os proxectos que poden solicita-la incorporación dun bolseiro deberán reuni-las características seguintes:

I. Estar destinados a:

-Incorporar tecnoloxías avanzadas nas empresas industriais.

-Facilita-lo acceso das Pemes ás actividades innovadoras.

-Promoción do uso de tecnoloxía nas empresas.

-Potenciación das unidades de I+D en empresas e centros tecnolóxicos.

II. Presentar, na memoria, un esquema de proxecto que inclúa polo menos dous dos tres actores seguintes do desenvolvemento tecnolóxico.

1. Un centro tecnolóxico galego que aporte a tecnoloxía, entendéndose por centro tecnolóxico: un centro de I+D dunha empresa que non sexa Peme, un centro que conteña nos seus estatutos a consideración de centro dedicado ó desenvolvemento tecnolóxico, un departamento universitario sempre que o proxecto estea ligado coas súas liñas de desenvolvemento actuais.

2. Unha empresa que será a beneficiaria última da implantación do desenvolvemento tecnolóxico que se consiga.

3. Un centro tecnolóxico estranxeiro que aporte os coñecementos tecnolóxicos adicionais para a realización do proxecto.

No proceso de selección valoraranse con prioridade os seguintes criterios:

1. Incluír no proxecto os tres elementos indicados anteriormente e fundamentalmente unha empresa que explote os resultados comercialmente.

2. Compromiso dalgunha das entidades participantes de incorporar ó bolseiro ó seu cadro de persoal ó final da bolsa.

3. Que a empresa beneficiaria última da implantación do desenvolvemento tecnolóxico que se consiga sexa unha Peme, segundo criterio da Unión Europea, a saber: unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

-Que teña menos de 250 traballadores.

-Que teña, ben un volume anual de negocios non superior a 40 millóns de ECUS, ou ben un balance xeral activo total non superior a 27 millóns de ECUS, e

-Que o seu capital non teña participación en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo se estas son empresas públicas de investimento, empresas de capital risco ou, sempre que non se exerza o control, se son investidores institucionais.

7.2. Selección de titulados:

A selección de titulados faraa en primeira instancia o Igape, segundo a titulación, especialidade e experiencia anterior en similar tipo de proxectos, de acordo co seguinte baremo de autoavaliación.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaínte: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias = (puntuación obtida x 10)/nº de materias.

Proxecto fin de carreira,

Grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

Unha vez feita esta primeira selección, o Igape remitirá a cada empresa ou entidade seleccionada unha relación dos candidatos, conforme a titulación solicitada, composta como máximo por 3 personas por proxecto, cos seus correspondentes currículos. Os ditos candidatos preseleccionados serán convocados a unha entrevista e/ou proba de selección con participación da entidade seleccionada.

8. Adxudicación.

Unha vez feita a selección, o director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa, asignando a cada bolseiro o proxecto correspondente que se desenvolvera na empresa ou entidade seleccionada.

Mentres dura a selección, o titulado preseleccionado estará transitoriamente excluído doutras convocatorias de bolsas do Igape.

Durante o seu período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

9. Aceptación da bolsa.

O Igape comunicará ó beneficiario a concesión da bolsa. Este, nun prazo de dez días desde a súa notificación, deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa considerarase que renuncia ós seus dereitos e arquivase o expediente sen máis trámites. A aceptación da bolsa deberá ser ratificada pola empresa á que se asigne o bolseiro, a cal se obrigará a colaborar dunha forma dilixente no desenvolvemento do proxecto para posibilita-la súa boa fin.

10. Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario poderá dar lugar á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento a dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ou, no caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

11. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape, de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puideran xurdir en aplicación da presente convocatoria.

O Igape poderá facer uso interno dos resultados do proxecto sempre que non xere ningún tipo de implicación comercial. O Igape reserva para si dereito de difundir ou comunicar, individual ou conxuntamente, por calquera vía, os resultados do proxecto.

ANEXO II

Documentación empresas ou entidades

-Instancia solicitude.-Anexo III.

-Fotocopia compulsada do DNI/NIF do solicitante.

-No caso de sociedades: copia compulsada de escritura de constitución e, se é o caso, adaptación á normativa vixente, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Copia compulsada do poder de representación do asinante da solicitude inscrito no Rexistro Mercantil.

-Copia compulsada do último recibo do IAE.

-Certificado actualizado de estar ó día nos pagos á Seguridade Social e obrigas tributarias.

-Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

-Memoria que indique o contido do proxecto: título, duración e planificación do proxecto, así como as tarefas que realizaría o bolseiro en relación co proxecto.

-Relación doutros axentes que colaboren no desenvolvemento do proxecto, se os houbese, xuntando carta compromiso de participación de cada un deles.

-Informe sobre a adecuación do proxecto con respecto ós criterios de prioridade do apartado II da base 7 desta convocatoria.

ANEXO IV

Documentación titulados

-Instancia de solicitude. Anexo V.

-Fotocopia compulsada DNI/NIF.

-Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

-Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte.

-Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

*Ter veciñanza administrativa en Galicia .-Acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

*Ser natural de Galicia.-Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

*Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.-Fotocopia compulsada do DNI do proxenitor que sexa galego.

-Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa. Xustificarase da seguinte forma:

*Ter realizado o servicio militar.-Fotocopia compulsada da cartilla militar ou documento de paso á reserva.

*Realizando o servicio militar.-Certificado expedido polo xefe da unidade no que conste a data de finalización do servicio militar. A dita data deberá ser anterior ó 30 de novembro de 1996.

*Non ter realizado o servicio militar.-Fotocopia compulsada do certificado de situación militar onde conste a exención ou concesión de prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

*Ter realizada a prestación social substitutoria.-Fotocopia compulsada do certificado de situación de reserva emitido polo Ministerio de Xustiza.

*Realizando a prestación social substitutoria.-Copia compulsada da acta de realización ou certificado conforme se está realizando. En ámbolos casos deberá consta-la compatibilidade coa bolsa, así como o horario de permanencia no centro donde estea realizando a prestación.

*Non ter realizada a prestación social substitutoria.-Certificado de acreditación da condición de obxector de conciencia e certificado de concesión de exención ou prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Copia compulsada do título ou copia compulsada do resgardo de ter pagado as taxas para a súa obtención.

-Copia compulsada do expediente académico.

-No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico.

-Currículum vitae.

-Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

96-8474