Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 25 de novembro de 1996 Páx. 10.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de novembro de 1996 pola que se declara de interese galego a Fundación Vila Balnearia de Prexigueiro e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 8 de novembro de 1996 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería

da Presidencia e Administración Pública do 28 de outubro de 1996 pola que se clasifica como mixta a Fundación Vila Balnearia de Prexigueiro adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ribadavia, o día 14 de xuño de 1995 ante o notario do Colexio da Coruña Francisco León Gómez, co número oitocentos corenta e catro do seu protocolo, por Miguel Fidalgo Areda, María Isabel Garrido Blanco, José Antonio Rodríguez Vázquez, José Antonio González Alonso, Rosendo Fernández González e Francisco Javier Bouzas Gómez, interveñen Miguel Fidalgo Areda en nome e representación do Concello de Ribadavia e os demais no seu propio nome e dereito, facéndoo, ademais, Rosendo Fernández González en nome e representación da asociación veciñal para o desenvolvemento da Fundación Vila Balnearia de Prexigueiro, esta escritura foi emendada por outra posterior outorgada en Ribadavia ante o notario Juan Antonio Rúa Prieto co número catrocentos cinco do seu protocolo, de doce de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto e finalidade, entre outros, a promoción, desenvolvemento, proxecto e execución do complexo denominado Vila Balnearia de Prexigueiro.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único:

1. Declarar de interese galego a Fundación Vila Balnearia de Prexigueiro ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Vila Balnearia de Prexigueiro no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

8426