Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 22 de novembro de 1996 Páx. 10.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado ó abeiro do previsto no acordo interprofesional galego sobre procedementos axtraxudiciais de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para a solución das discrepancias que en materia salarial mantiñan as partes negociadoras do convenio colectivo para o ano 1996 da empresa Eduardo González Alonso y Cía, S.A. e Gonzacoca Distribución, S.A.

Visto o texto do laudo arbitral do 1 de agosto de 1996 dictado ó abeiro do establecido no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para soluciona-lo conflicto xurdido entre as partes negociadoras do convenio colectivo para o ano 1996 da empresa Eduardo González Alonso y Cía, S.A. e Gonzacoca Distribución, S.A. e en cumprimento do artigo 2.f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Esta dirección xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo arbitral no correspondente rexistro desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Dirección xeral de Relacións Laborais

Laudo arbitral.

José Mª Casas de Ron, designado árbitro na acta de compromiso arbitral con data 22 de xullo de 1996 polas partes, no procedemento de solución de conflictos, con base no establecido no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento no que son partes interesadas as empresas Eduardo González Alonso y Cïa e Gonzacoca Distribución, S.A. , e os representantes dos traballadores integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo de aplicación ás citadas empresas, resolvo a cuestión presentada, visto o expediente e oídas as partes, por medio do presente laudo.

Antecedentes.

O conflicto que se presenta para resolución arbitral refírese ás diferencias insalvables que en materia salarial manteñen as partes negociadoras no convenio colectivo de empresa para o ano 1996, unha vez que estas non obtiveron acordo nas reunións mantidas pola comisión negociadora do dito convenio colectivo. Esta é a cuestión que se somete ó procedemento arbitral e que lle foi comunicada ó árbitro designado no expediente de compromiso con data 22 de xullo, instruído polo correspondente servicio de solución de conflictos. Signifícase e así foi salvado en escrito remitido polas partes que se xunta á acta de compromiso arbitral, que a arbitraxe afecta o persoal de Eduardo González Alonso y Cía, S.A. e o de Gonzacoca Distribución, S.A., ó darse un convenio de empresa único para as dúas razóns sociais.

Tramitación.

Ó persistir falta de acordo na notificación do convenio colectivo circunscrita á materia devandita, ámbalas partes presentaron solicitude de apertura do procedemento de arbitraxe previsto no artigo 20 e seguintes do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, perante o servicio de solución de conflictos, que orixina o expediente de referencia, subscribindo a acta de compromiso para arbitraxe en equidade sobre a materia motivadora da diferencia na negociación.

Notificado o árbitro da súa designación con data 22 de xullo de 1996, co fin de garanti-los principios de audiencia, contradicción e de igualdade, o árbitro mantivo reunións na sede social das empresas coas partes en dúas comparecencias celebradas nas datas 22 e 29 de xullo de 1996, na que compareceron por parte da empresa Eduardo González de Lis, Manuel Domonte Crispín, Manuel Saborido Guardado e José Otero González, e como representantes do persoal, José Francisco Lago Pereira, Manuel Darriba Amantes e Xosé Manzano Montull, da central sindical CIG, Guillermo Abalde García e Javier Rodríguez Barreiro, da central sindical UGT, e Antolín Alcántara Álvarez, asesor xurídico da CIG.

O árbitro, así mesmo, co fin de resolver mellor, solicitou das partes a achega da última plataforma para efectos de negociación salarial, e á dirección da empresa diversa documentación, que lle foi entregada na primeira das reunións. Faise constar que non se redactou acta final global por parte da comisión negociadora do convenio.

Ó existir identidade de facto e xestión nas dúas razóns sociais ás que se lles aplica o convenio de empresa, tódalas referencias posteriores se lle farán a Gonzacoca, razón comercial.

Análise de feito.

O presente procedemento tramítase conforme as normas reguladoras do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, cumpríndose na súa tramitación as previsións dos artigos 21 e seguintes do citado acordo interprofesional. Abertas as comparecencias nas datas anteditas, as partes, por petición do árbitro, expuxeron os seus diferentes puntos de vista e informaron o árbitro sobre a cuestión en litixio e que se incorpora ó expediente para efectos da súa resolución motivada. O actuante recolle os seguintes fundamentos nesta orde de cousas:

1. A parte social da comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Gonzacoca solicitou na súa última petición á empresa o seguinte, que se contén no escrito remitido á dirección da empresa integrante da citada comisión, e que se concreta na cuestión de litixio nos seguintes puntos que se recollían no articulado do convenio colectivo:

Artigo 3º bis.-Revisión salarial. Aplícase para o ano 1996 un incremento salarial do 4,5% sobre tódolos conceptos salariais. Así mesmo, no caso de que o IPC rexistrase ó final deste ano un índice superior ó 3,5%, procederase a unha revisión na táboa de salarios do exceso que supere a indicada cifra. Esta cantidade terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 11º.-Xornais e soldos básicos. Enténdese como salario básico a suma dos actuais conceptos: salario + antigüidade + complemento + incentivo. A suma destes conceptos para unha mesma categoría e letra debe resultar idéntica. A equiparación destas cantidades deberá producirse nun prazo máximo de tres anos.

Artigo 13º.-Antigüidade. Para efectos de antigüidade, establécese por cuadrienios ata un máximo de seis, e computarase este desde o ingreso ou alta no cadro de persoal da empresa. O valor do cuadrienio será de 2.000 pesetas para tódalas categorías.

Artigo 17º.-Locomoción. Aquel persoal que efectúa desprazamentos con vehículos da súa propiedade para servicios de empresa, percibirá unha compensación económica de 30 pesetas por quilómetro percorrido. A revisión deste valor realizarase segundo os aumentos nos custos xerais.

Artigo 14º.-Axuda á locomoción. Esta cantidade experimentará os incrementos necesarios no prazo de tres anos para igualarse á cantidade que percibe por este mesmo concepto no convenio provincial. (9.000 ptas.)

O incremento refírese ás táboas que figuran como no referido convenio de 1995.

2. Pola súa banda, a empresa proponlles ós representantes dos traballadores que non se incremente

a masa salarial, salvo aumento dos resultados productivos, e que están dispostos a negociar cifras de incremento tanto para os traballadores con unidade de medida establecida, como para aqueles que non a teñen, concretándose a oferta da parte económica en 60.000 pesetas para cada traballador sen sistema de retribución por rendemento, e abrindo unha negociación para o persoal con unidade de medida en función de aumentos de productividade.

3. As partes, despois de seis reunións, non chegaron a acordo polas diferencias insalvables nesta materia retributiva, acordando con data 5 de xullo solicitaren unha medida de arbitraxe a través do servicio de solución de conflictos do AGA.

Sen prexuízo de que a cuestión que se debe resolver ten que ser en equidade, ó ser un conflicto de intereses, nas dúas reunións mantidas coas partes, o árbitro solicitou a estas que expuxesen as súas consideracións co fin de resolver mellor a cuestión salarial antedita.

A representación social sinalou que, desde 1978, a empresa ten o seu convenio propio e que a referencia, para efectos de negociación, é o convenio do metal, por entender que a actividade principal da empresa debe incluírse no ambito de aplicación das industrias siderometalúrxicas afectadas polos respectivos convenios provinciais para esta actividade. Sinala que esta debe se-la referencia, que no exercicio 1996 os traballadores non deben perder poder adquisitivo, que o citado convenio provincial do metal para a provincia de Pontevedra debe entenderse como un convenio de mínimos, e manifestan expresamente que a plataforma salarial recollida no artigo 3º bis contén un sistema retributivo operativo para a empresa, de aplicación razoable, e que afecta a tódolos conceptos retributivos.

Igualmente, esténdense en diversas consideracións sobre o incremento medio pactado en convenios colectivos da nosa comunidade autónoma, que non se dan as circunstancias para unha desvinculación económica por parte da empresa, e que mesmo pola diferente conceptualización da estructura salarial de Gonzacoca, os dereitos salariais dos traballadores da empresa se ven menoscabados con relación ós traballadores incluídos no ámbito de aplicación dos convenios para as industrias do metal.

Pola contra, a representación empresarial sinala os esforzos da empresa por manter unha posición sólida no mercado, garantindo a súa continuidade; realizáronse fortes investimentos económicos desde 1989 que non tiveron unha resposta positiva debido á crise pola que atravesa o sector da automoción desde o ano 1993, ó falla-lo consumo, o que levou a uns resultados pobres nos exercicios dos últimos anos, que implican un empobrecemento global dos

recursos da empresa. Para estes efectos e dentro do marco da negociación do convenio colectivo para 1996, propoñen o non incremento da masa salarial sobre a base de que a empresa considera que as peticións da parte social, unha vez avaliadas, superan o 8% as cuantificables, e un 15% as de difícil cuantificación, sobre as existentes no convenio de 1995. Ademais, a dirección da empresa esténdese sobre diversas consideracións que sucintamente se concretan no seguinte: a referencia ós convenios do metal é impracticable, toda vez que a empresa Gonzacoca non ten unha única actividade nin obxecto, e que ademais mantén centros de traballo en tódalas provincias da comunidade autónoma, co cal se fai imposible a referencia a un único convenio provincial; sinala que a relación dun convenio de empresa cos incrementos promedio doutros convenios de ámbito superior é distorsionante, pon de manifesto a necesidade de ligar aumentos salariais con productividade e evolución de cadros de persoal,

concreta os esforzos da empresa por dotarse de reservas voluntarias, manifesta a súa preocupación de alterárense determinados conceptos que disparan os custos salariais, como por exemplo, a antigüidade e, en definitiva, significa que, en relación co sector, a situación da empresa pide unha extrema prudencia no incremento dos custos de persoal, que considera que son superiores en todo caso ós do metal, con máis pagas extraordinarias, bolsas de vacacións, axuda escolar, indemnizacións por xubilación, e beneficios para a compra de vehículo por parte dos traballadores.

Fundamentos de decisión arbitral.

Ante o presente conflicto de intereses que require unha solución de equidade, sentadas as bases e matices da controversia suscitadas no punto anterior, o árbitro, pola súa banda, debe establecer tamén as premisas sobre as que vai motiva-la súa decisión arbitral.

I. Estas premisas deben concretarse en dúas liñas de actuación: unha, a realidade fáctica empresarial sobre a que operan criterios económicos, financeiros, patrimoniais e comerciais; e outra, os antecedentes de negociación colectiva que se deron as partes nos anos anteriores, intentando encaixar ámbolos vectores co fin de lograr unha solución salarial equilibrada que, sobre a base da súa practicabilidade empresarial, dea satisfacción posible ás lexítimas reivindicacións salariais dos que sinalagmaticamente obteñen retribución como consecuencia da súa prestación de traballo. O árbitro irá, pois, delimitandoo e precisando as cuestións sobre as que operará a súa decisión arbitral.

1. En primeiro lugar, considera que non se debe altera-la estructura salarial que se contén no convenio colectivo da empresa para o ano 1995 nos seus artigos 3 bis, 11, 12, 13, 14, 15, 16 e 17. Sinálase isto pois considera, oídas as partes, que

a estructura salarial, dispoñible en parte para os negociadores, segundo o artigo 26.3º da Lei do Estatuto dos traballadores non debe modificarse, aínda que en determinados convenios, algúns de gran relevancia, así o fixeron, neste momento por ser materia da que a canle natural será unha formulación de negociación colectiva que enfronte a problemática derivada daqueles complementos persoais (vg. antigüidade), e a súa relación cos sistemas e conceptos ligados pola productividade, e o árbitro non coñecerá nin entrará en aspectos que significarían a alteración do réxime retributivo disposto polas partes para o ano 1995 e que se mantén na actualidade.

2. Fixado este primeiro punto da análise efectuada polo árbitro, dedúcese que a empresa de referencia non funciona nin ten como obxecto unha única actividade, directamente ligada á actividade siderometalúrxica. Da estructura empresarial, composición de cadro de persoal, facturacións, etc., obsérvase que non se dá unha unidade de actividade da empresa ó estar repartida entre o sector específico de automoción, distribución e comercialización de recambios e similares, sector de comercialización e distribución de metais e aceites e similares, etc.; isto confírmao desde o punto de vista do ámbito persoal a propia distribución do cadro de persoal nestas actividades.

II. O anterior lévanos a establecer que tampouco procede a comparacióin ou referencia cun único convenio, ó non dárense as condicións de comparación obxectivas, sen entrar pois o actuante en consideracións comparativas fóra do ámbito da propia empresa e os antecedentes que en materia salarial se deron nos últimos anos de negociación.

Céntrase pois a decisión arbitral naqueles parámetros obxectivables propios da empresa e que abranguen os aspectos económicos, patrimoniais, financeiros e comerciais, e o fundamental, ó xuízo do árbitro, que se significa na necesidade de mantemento e potenciación do emprego da empresa na liña do acontecido con respecto á situación de cadro de persoal ocupado na empresa nos últimos anos.

É claro entón que a decisión arbitral debe condicionala un criterio de razoabilidade que encaixe dentro do fráxil mecanismo que compón a situación económica patrimonial e financeira da empresa. E para estes efectos resulta esclarecedora a análise da evolución de emprego, actividade, custos de persoal e solución dada polos convenios colectivos en materia salarial dos últimos anos. A empresa mantén un cadro de persoal nos últimos anos estable, coa única excepción da amortización nos anos 1993 e 1994, de postos de traballo cubertos con contratos de duración determinada. O cadro de persoal do ano 1996 é idéntico ó do ano 1995 e mantense en termos moi parecidos desde o ano 1991, sen alteración dos postos de traballo ocupados por persoal fixo. Por outra banda, a empresa, observados

balances e contas auditadas dos últimos exercicios, reflicte por unha parte unha crise en 1992/93 que provoca unha situación de perdas que tamén tivo reflexo no cadro de persoal, que se remonta limitadamente no exercicio de 1994 cun aumento de vendas (recambios, pneumáticos e metais, e determinados vehículos), que implicou, a xuízo do actuante, unha situación máis consolidada con relación a anteriores exercicios en 1995, a pesar de que a facturación global foi algo menor neste ano que en 1994. Obtén reflexo esta situación na modesta pero expresiva cifra de beneficios deste exercicio con relación ó anterior.

De todo o anterior dedúcese que unha das actividades da empresa, como é a específica de automoción, fai senti-los seus efectos sobre a situación económica e comercial global da empresa, o cal nos dá como primeiro dato, que estamos ante unha empresa que, no marco da crise e da concreta do sector, se desenvolve conforme a uns criterios económico-patrimoniais e de xestión solventes. E neste marco é onde pode analizarse a evolución dos últimos anos do aumento pactado en relación co índice de prezos ó consumo que, en materia salarial, se fixou nos convenios dos últimos anos. Así, no ano 1992, o aumento foi do 7%; no ano 1993, do 2%; no ano 1994, do 4% e no ano 1995, do 4,06%, en relación cuns IPCs respectivos do 5,40%, 4,90%, 4,30% e 4,30%. Estas cifras dannos un aumento medio do 5,65% con relación a un IPC do 5,36%, cifras estas últimas que se expoñen aínda sabendo o seu difícil encaixe como referencia en puros termos económicos.

Resume, pois, o árbitro a súa formulación, aclarando que establece como ratios fundamentais da súa decisión que da situación da empresa non se deriva a necesidade ineludible da conxelación salarial, aínda na perspectiva do mantemento e do crecemento do emprego (constata, mesmo, o árbitro, a necesidade organizativa e productiva da empresa de incrementa-las xornadas anuais do persoal) e, por outra banda, constata igualmente a liña negociadora que unicamente se rompe no exercicio de 1993 polas consideracións que máis arriba se expuxeron, polo cal, sen referencia comparativa con outros convenios doutro ámbito, fixadas a xuízo do laudante as condicións empresariais nas que se debe aplica-la medida, establecida a liña negociadora salarial que nos pasados convenios se fixou para as retribucións, e considerando suficientemente motivada a decisión en equidade que require o conflicto de intereses presentado, resolvo a cuestión dictando o seguinte laudo conforme o capítulo III do acordo

interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, que se efectúa no prazo sinalado no punto 2 do artigo 24.

Único:

Entendidos como retribucións os conceptos establecidos nos artigos 11 e 12 do convenio colectivo

para 1995 das empresas Eduardo González Alonso y Cía, S.A. e Gonzacoca Distribución, S.A. e, por extensión, en calquera centro ou lugar onde o persoal das citadas empresas realice servicios por conta destas, aplicarase unha suba en tódolos conceptos salariais do 4% sobre as táboas salariais do convenio colectivo de empresa de 1995, con efectos do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1996.

Contra o presente laudo poderase recorrer perante a xurisdicción social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).

Dado en Vigo o 1 de agosto de 1996.

O árbitro

Asinado e rubricado

8587