Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 22 de novembro de 1996 Páx. 10.514

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de outubro de 1996 pola que se convocan bolsas do Instituto Galego de Promoción Económica para o desenvolvemento de proxectos de investigación e desenvolvemento nos que participen os Centros de Investigación e Servicios Tecnolóxicos (CIS).

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece como unha das funcións do Igape, favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas. Con tal finalidade, dentro das actividades de desenvolvemento da capacidade de innovación das empresas galegas, o Igape dispón dos CIS os cales están orientados á prestación de servicios tecnolóxicos ás empresas galegas. Así mesmo, o Igape dispón dun progama de bolsas que pretende, por unha parte, apoia-los proxectos de I+D que as empresas leven a cabo, e por outra, facilitar unha formación tecnolóxica a titulados que lles permita un mellor acceso ó mundo laboral.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas de investigación para o desenvolvemento de proxectos de investigación e desenvolvemento nos que participen os CIS e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúe no anexo I desta orde.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0599 37004 781 e 0699 37005 781 do orzamento do Igape para 1996.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes, correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 12 meses, cumprido o dito prazo

entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bolsas de investigación e desenvolvemento dos CIS

Dentro das actividades de apoio á innovación tecnolóxica o Igape dispón de centros tecnolóxicos especializados en tecnoloxías aplicables á empresa galega como vehículo de transferencia de coñecementos que melloren a súa competitividade. A realización destes proxectos esixe a disposición de persoal que axude no seu desenvolvemento. Parte deste persoal serán bolseiros que actuarán como difusores deses coñecementos unha vez rematado o proxecto, facilitándolles, asemade, unha formación tecnolóxica complementaria, así como, un contacto real coas empresas, que lles permita un mellor acceso ó mundo laboral.

Bases da convocatoria

1. Obxecto

É obxecto destas bolsas procurar unha formación tecnolóxica a xoves titulados a través da súa integración no desenvolvemento de proxectos nos que participen os CIS.

2. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar esta axuda aqueles titulados universitarios ou de formación profesional, que cumpran os seguintes requisitos:

A) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B) Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

C) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

D) Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) en enxeñerías ou outras disciplinas de carácter técnico, en ciencias físicas, matemáticas, ou un título de formación profesional (2º grao) en ramas técnicas, outorgada por unha institución docente dalgún país membro da Unión Europea ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e ter obtido o título con posterioridade ó 30 de xuño de 1993 (salvo que se acredite ter realizado o servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria, neste caso

ampliarase o prazo de finalización de estudios na mesma medida ca duración da prestación dos ditos servicios).

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que esteán homologados polo Mº de Educación e Ciencia, previamente á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

E) Non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en anos anteriores.

F) Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. Instancias

Segundo anexo III

4. Documentación

Segundo anexo II

5. Duración, contía e forma de pagamento.

O período de desfrute da bolsa será de 6 meses, prorrogables ata un máximo de 18 meses segundo as necesidades para o adecuado desenvolvemento do proxecto.

A dotación de cada bolsa será de 750.000 pesetas. Nestas cantidades están incluídos tódolos gastos necesarios para o desfrute da bolsa. No caso de prórroga da bolsa a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga, e tomaranse como base os importes anteriores.

Os pagamentos realizaranse en tres prazos:

-50% unha vez o beneficiario formalizase o documento de aceptación da bolsa.

-40% unha vez transcorridos tres meses desde a dita aceptación, logo da entrega dun informe de actividades segundo o plan do proxecto e do visto e prace do responsable do proxecto no CIS.

-10% unha vez rematada a bolsa e logo da entrega dun informe de actividades segundo o plan do proxecto e do visto e prace do responsable do proxecto no CIS.

6. Presentación de solicitudes

As solicitudes, nos modelos oficiais que se publican no anexo III deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo II e presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A) Santiago de Compostela: r/ Frei Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701

B) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590

C) Vigo: r/ Príncipe, 43 - 2º E. C.P. 36202

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia deberá ir traducida por un intérprete xurado.

Os titulados terán un prazo de quince días desde o día seguinte á publicación no DOG destas bases para presenta-las súas solicitudes.

Unha vez finalizado o prazo de solicitude de titulados e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes de titulados admitidas e excluídas, sinalando se é o caso as causas de exclusión, e abrirase un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude, e achegar se é o caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes de titulados admitidas a selección por titulación, especialidade e baremo.

7. Criterios de selección de titulados

O Igape, a través da súa área de innovación, formación e innovación, compoñerá a lista de aspirantes á obtención de bolsas, e na orde que por cada titulación determine o seguinte baremo de autoavaliación.

Matrícula de honra: 4 puntos

Sobresaliente: 3 puntos

Notable: 2 puntos

Aprobado: 1 punto

Reducción ó mesmo número de materias =

(puntuación obtida x 10) / nº de materias

Proxecto fin de carreira,

Grao ou tese de licenciatura: 2 puntos

Título de doutor: 4 puntos

Unha vez composta a lista, os candidatos preseleccionados serán convocados a unha entrevista e/ou proba, cada vez que un proxecto requira a participación dun bolseiro. As bolsas seranlles adxudicadas ós compoñentes da dita lista que se axusten ós perfís de titulación definidos en cada proxecto que desenvolva o CIS, segundo o resultado da dita entrevista e/ou proba.

8. Adxudicación

Unha vez feita a selección, o director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa ó seleccionado asignándolle o proxecto correspondente que se vai desenvolver.

Durante o seu período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas para o mesmo obxecto, que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

9. Aceptación da bolsa

O Igape comunicarálle ó beneficiario a concesión da bolsa, quen nun prazo de dez días desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa, entenderase que renunciou ós seus dereitos, arquivándose sen máis trámites.

10. Incumprimento

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario poderá dar lugar á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas.

Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992 do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou no caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

11. Incidencias

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

Desde a aceptación da bolsa, o bolseiro cédelle ó Igape calquera dereito que puidese xerarse en relación co proxecto desenvolvido.

ANEXO II

Documentación

-Instancia de solicitude: anexo III

-Fotocopia compulsada DNI/NIF.

-Ser nacional dun país membro da Unión Europea: fotocopia compulsada DNI ou pasaporte.

-Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada do DNI do pai que sexa galego.

-Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa. Xustificarase da seguinte forma:

-Ter realizado o servicio militar: fotocopia compulsada da cartilla militar ou documento pase á reserva.

-Realizando o servicio militar: certificado expedido polo xefe de unidade no que conste a data de finalización do servicio militar. A dita data deberá ser anterior ó 30 de novembro de 1996.

-Non ter realizado o servicio militar: fotocopia compulsada do certificado de situación militar, onde conste a exención ou concesión de prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Ter realizada a prestación social substitutoria: fotocopia compulsada do certificado de situación de reserva emitido polo Ministerio de Xustiza.

-Realizando a prestación social substitutoria: copia compulsada da acta de realización ou certificado conforme se está realizando. En ámbolos casos deberá consta-la compatibilidade coa bolsa, así como o horario de permanencia no centro onde estea a realiza-la prestación .

-Non ter realizada a prestación social substitutoria: certificado de acreditación da condición de obxector de conciencia e certificado de concesión de exención ou prórroga que cubra polo menos os

18 meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Copia compulsada do título ou copia compulsada do xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención deste.

-Copia compulsada do expediente académico.

-No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico.

-Currículum vitae

-Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

6698