Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 13 de novembro de 1996 Páx. 10.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de outubro de 1996 pola que se convocan axudas económicas para a realización de prácticas en empresas, para alumnos/as que cursan ensinanzas de formación profesional de segundo grao, módulos, ciclos formativos, ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos e programas de garantía social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, que ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, lle traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

O Decreto 346/1996, do 13 de setembro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e lle atribúe ó Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica a presentación de propostas e a xestión de accións de promoción educativa nas ensinanzas de formación profesional e artes plásticas.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei de presupostos xerais da comunidade galega, establecen os requisitos e normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e formación en centros de traballo.

Para darlle cumprimento ó disposto na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que no seu artigo 34.2º determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica nos centros de traballo, e que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

En virtude do disposto no Real decreto 676/1993, do 7 de maio, que no seu artigo 4 desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo, do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, que desenvolve o anterior e establece a ordenación xeral das ensinanzas da formación profesional específica e as directrices sobre os seus títulos (DOG do 16-8-1995), da Orde do 1 de setembro de 1995, sobre avaliación e acreditación académica do alumnado de formación profesional específica (DOG do 21) e da Resolución do 25 de setembro

de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos e a experimentación de módulos profesionais no curso 1996-97 (DOG do 3 de outubro).

Tendo presente o Real decreto 1991/1984, do 31 de outubro, que no seu artigo 19 establece que as prácticas profesionais realizadas por estudiantes ó amparo da lexislación educativa vixente como parte integrante dos seus estudios académicos, non se inclúen na lexislación laboral.

Considerando que as prácticas en alternancia para alumnos/as dos últimos cursos de formación profesional de 2º grao e de Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos teñen moito interese polo seu gran valor didáctico e pedagóxico, ademais de que, no campo socio laboral, achegan os alumnos ó mundo en que se desenvolverá a súa vida profesional, aspectos polos que se considera necesario incluir este programa como unha das accións que hai que promocionar mediante o cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, como iniciativa de formación profesional do plan de emprego xuvenil que aprobou a Xunta de Galicia no Consello do 30 de setembro de 1993.

Por último e a teor do sinalado na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1997 en trámite parlamentario.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta as suxestións das comisións de seguimento e das propias empresas, así como os informes da inspección educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de prácticas en alternancia, destinadas a alumnos/as do derradeiro curso de formación profesional de segundo grao ou Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, e alumnos/as que cursen módulos profesionais de nivel 2 ou 3, de ciclos formativos de grao medio e superior, e programas de garantía social.

Dado o carácter de obrigatoriedade que as prácticas teñen no currículo dos módulos de nivel 2 ou 3, dos ciclos formativos de grao medio e superior, os alumnos e alumnas que cursen estas ensinanzas unicamente recibirán axuda económica se a contía orzamentaria o permite.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar esta axuda:

2.1. Que exista un concerto de colaboración formativa para a realización de prácticas entre o centro educativo e a empresa colaboradora.

2.2. Que os/as solicitantes estean matriculados no derradeiro curso de formación profesional de segundo grao, Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, módulo profesional, ciclo formativo ou programa de garantía social en centros públicos ou privados autorizados que impartan ensinanzas regradas, dependentes desta Comunidade Autónoma. Esta actividade poderá desenvolverse en empresas con implantación fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que exista o correspondente convenio de cooperación.

2.3. Que as solicitudes, que se farán no modelo de impreso que figura no anexo, sexan informadas favorablemente polo director/a ou o inspector/a, segundo sexan de centros públicos ou privados.

2.4. Que o centro presente un proxecto de expediente económico viable, de prácticas en empresas, no que se integren tódalas solicitudes recibidas, de axudas ós alumnos/as.

2.5. Que cada solicitude veña acompañada do correspondente concerto, asinado polo director/a do centro escolar, a empresa colaboradora, o alumno/a e o inspector/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente. Os contactos coas empresas poderán ser feitos por iniciativa do alumno/a solicitante ou a través do coordinador/a de Educación e Emprego do centro ou persoa que desempeñe as súas funcións.

Terceiro.-A contía solicitada estará en función do número de xornadas de prácticas que figure no concerto coa empresa e da menor das distancias que existan entre esta e o domicilio do alumno/a, ou entre aquela e o centro educativo segundo o baremo seguinte:

DistanciaImporte -Dentro dun radio de 5 Km.400 ptas./xornada-De 6 km ata 15 Km650 ptas./xornada-De 16 Km ata 30 Km900 ptas./xornada-De 31 Km ata 50 Km1.300 ptas./xornada-Máis de 50 Km.

(Con retorno no día)1.700 ptas./xornada-Máis de 50 Km.

(Sen retorno no día) ata5.500 ptas./xornada

Neste último caso un alumno/a non poderá ter máis de 15 xornadas.

Cuarto.-O número máximo de xornadas para as que se concederá axuda será de 80. En todo caso, o total de horas que fará un alumno/a nunha empresa nunca superará as 400.

Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para reaxusta-lo número de xornadas solicitadas de maneira que a súa contía non supere o crédito dispoñible. Neste caso comunicaráselles ós interesados/as a modificación efectuada.

O alumno/a estará acollido/a á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes do traballo e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida 07.04.322S.482.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997 e en ningún caso a totalidade desta superará os 250.000.000 de pesetas.

Quinto.-As solicitudes (anexo) presentaranas os interesados/as nos centros onde estean matriculados, antes do 29 de novembro. No caso de módulos e ciclos formativos que finalicen a realización de prácticas en empresas e formación en centros de traballo despois do 30 de setembro de 1997, deberán presenta-las súas solicitudes de axuda económica na convocatoria do curso seguinte.

Sexto.-Os secretarios/as dos centros remitiranlles ás respectivas inspeccións das delegacións provinciais o proxecto do expediente económico, para prácticas en alternancia no curso académico 1996-1997 (e sucesivas ata 1999-2000), antes do 9 de decembro.

A inspección, unha vez revisadas as solicitudes e os concertos, elevará as propostas ó delegado provincial, presidente da comisión provincial de seguimento das prácticas en alternancia, quen os reexpedirá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, San Lázaro 107, 15771 Santiago de Compostela, antes do 20 de decembro.

Sétimo.-A selección das peticións levaraa a cabo unha comisión integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-Catro inspectores/as de centros de formación profesional, un/unha por cada provincia.

-Catro directores/as de centros nos que se imparta formación profesional, un/unha por cada provincia, propostos polo delegado provincial respectivo.

-Un funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario/a, sen voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección

Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional comunicaralles ós centros a concesión ou denegación das axudas, e se é o caso, a modificación da contía solicitada, con base no establecido no apartado cuarto desta convocatoria. A partir da data de comunicación abrirase un prazo de reclamación de 15 días naturais.

As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo.-Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo primeiro.-As axudas efectuaranse nun só pagamento, logo de certificación do centro de que as xornadas de prácticas en empresa para as que se solicitou axuda se están realizando normalmente dentro do prazo previsto. Neste sentido, o centro poderá xustificar cambios de empresa ou mesmo variación doutras circunstancias, sempre e cando non supoña aumento ningún da axuda solicitada. En todo caso, ó final das prácticas o director/a do centro certificará ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a total realización desta actividade. O pagamento farase a cargo da aplicación orzamentaria que figurará na proposta orzamentaria que para o ano 1997 deberá aproba-lo Parlamento de Galicia.

Décimo segundo.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral a cargo de fondos públicos, non podendo supera-la suma das axudas concedidas o custo do proxecto.

Décimo terceiro.-A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar.

Décimo cuarto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

9606546