Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 13 de novembro de 1996 Páx. 10.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo interprovincial da empresa Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A. (Begano, S.A.)

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da empresa Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A. (Begano, S.A.), que se subscribiu o 5 de xullo de 1996, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo 1996-1997-1998

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio de carácter interprovincial é de aplicación obrigatoria para tódolos empregados que nos distintos centros de traballo ten Begano, S.A., na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regulará, a partir da entrada en vigor, tódalas relacións laborais de Begano, S.A. e o seu persoal.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente convenio inclúe a totalidade do persoal que está contratado por Begano, S.A., a abranguerá os traballadores fixos do cadro de persoal, eventuais, fixos descontinuos, substitutos, etc., así como os que poidan ser contratados durante a vixencia do convenio.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día do seu asinamento, sen prexuízo da data de publicación no

Diario Oficial de Galicia, agás para efectos económicos que entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996.

Páctase por un período de duración de 3 anos, é dicir, do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1998.

Artigo 5º.-Denuncia e prórroga.

A) Denuncia: a denuncia de rescisión ou revisión do convenio poderá formalizarse por parte da representación legal dos traballadores ou por Begano, S.A., cunha antelación mínima de dous meses á data do seu vencemento.

Denunciado o convenio e mentres non se logre un acordo expreso, perderán vixencia soamente as cláusulas obrigacionais, e manterase en vigor o seu contido normativo.

B) Prórroga: se se desistise da denuncia a que se refire o parágrafo anterior deste artigo, o convenio colectivo prorrogarase por períodos anuais.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponderlle ós organismos competentes.

4. Vixilancia do cumprimento do pactado.

A comisión comporase de seis vocais, tres por cada parte de entre as que actuaron na deliberación do convenio. Levantarase acta dos acordos e resolucións que adopte a comisión que deberán ser asinadas polos señores que interveñan. Poderá nomearse un asesor ou experto por cada representación, aínda que estes non terán dereito a voto.

A comisión será convocada por calquera das partes, abondando para iso unha comunicación escrita na que se expresarán os puntos que se van tratar na orde do día, así como unha proposta de data, lugar e hora para a celebración da reunión, á que deberá contesta-la outra parte nun prazo non superior a tres días. Sempre que as circunstancias o permitan, deberá celebrarse a reunión nun prazo non superior a quince días contados desde o acordo da súa celebración.

Entenderase validamente constituída cando asista a maioría simple de cada representación. Igualmente, os acordos requirirán o voto favorable da maioría simple de cada unha das dúas representacións.

Ámbalas partes conveñen dar coñecemento á comisión paritaria para calquera cuestión derivada da interpretación e de calquera aplicación do convenio.

Artigo 7º.-AGA. Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Ante a importancia que poida supoñer para a resolución dos conflictos laborais a elaboración do AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio acordan someterse durante a súa vixencia, ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formuladas (DOG do 4 de maio de 1995).

Capítulo II

Emprego e contratación

Artigo 8º.-Política de emprego.

Durante a vixencia do presente convenio será obxectivo prioritario da dirección da empresa o mantemento dos postos de traballo e preferentemente de persoal fixo, sempre e cando considere que subsisten as mesmas situacións e circunstancias actuais.

Artigo 9º.-Contratos de traballo.

Con independencia dos requisitos legais vixentes sobre o ingreso ó traballo, como norma xeral, todo traballador poderá esixir ó inicio da súa relación laboral o seu contrato de traballo por escrito, debendo a empresa informar tamén por escrito ó comité de empresa ou, se é o caso, delegados de persoal, da realización e modalidade do dito contrato.

Ó remata-la relación laboral, o interesado poderá esixir que se expida o oportuno certificado de traballo.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 10º.-Organización do traballo.

As facultades da organización do traballo son de competencia e responsabilidade da dirección da empresa.

A representación legal dos traballadores informará á dirección de calquera suxestión razoada que reforce as relacións e formulacións socioeconómicas da empresa en todo canto se refira a calquera modificación, automatización, reconversión e moderación, así como a reestructuración de seccións e variación de postos de traballo, por melloras de métodos e en xeral canto poida conducir a un mellor proceso técnico da empresa.

A dirección da empresa comprométese a informar trimestralmente á representación legal dos traballadores dos temas xerais e da súa organización.

Artigo 11º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que realice funcións de categoría superior á que corresponda a categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, pode reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional adecuada.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior, pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Antes de cubrir prazas de superior categoría que non estean abranguidas nas que son de libre designación

da empresa a dirección informará disto á representación legal dos traballadores, co obxecto de solicita-lo seu informe, que non será vinculante, sobre os empregados que poden ser suxeito do dito ascenso.

Para os efectos anteriormente expostos considérase persoal de libre designación o abranguido nos niveis I, II e III (director, xefes de departamento e xefes de sección).

Artigo 12º.-Clasificación profesional.

A) As categorías profesionais e funcións estarán de acordo, na medida do posible, coas que se especifican no acordo marco para as industrias de bebidas refrescantes do 96, dado que existen na empresa outras categorías como por exemplo; preventistas, monitores, etc., que realizan as súas funcións sen ter sido recollidas en tal acordo marco.

B) Independentemente desta regulamentación, a dirección de Begano, S.A poderá redactar organigramas de niveis e funcións para os postos II, III e IV (xefes de departamento, xefes de sección e xefes de grupo).

C) Unha vez ó ano e cando a representación legal dos traballadores o considere conveniente, poderá pedirlle á dirección a exposición en cada centro de traballo do cadro de persoal correspondente, sinalando nomes, apelidos, data de ingreso e clasificación por categorías profesionais.

Capítulo IV

Réxime económico

Artigo 13º.-Estructura salarial.

1) Salario base.

2) Complementos:

a) Persoais: antigüidade.

b) De postos de traballo: tóxicos, penosos, perigosos e nocturnidade.

c) De calidade e cantidade: plus de obra feita, comisións, horas extraordinarias e plus de convenio.

d) De vencemento periódico a un mes: pagas extraordinarias.

e) Extrasalariais: plus de transporte.

Artigo 14º.-Salario.

O salario base establecido para tódalas categorías durante o ano 1996 é o que figura na táboa salarial anexo I, que foi calculado incrementando un 4,5% o vixente o 31 de decembro de 1995.

No segundo ano de vixencia do convenio, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 1997 ó 31 de decembro de 1997, procederase a unha revisión que será a resultante de incrementa-lo IPC real de 1996 máis un 1,2%. Para o terceiro ano de vixencia do convenio, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1998, aplicarase unha revisión resultante de incrementa-lo IPC real de 1997 máis o 1%.

Unha vez que se constatase o IPC do ano anterior, de acordo cos datos oficiais facilitados polo Instituto Nacional de Estatística, reunirase a comisión negocia

dora para a actualización das táboas salariais coa cláusula de revisión de cada ano.

Artigo 15º.-Antigüidade.

Establécense dous bienios do 5% do salario base de cualificación e sete trienios do 6%.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

A empresa afectada polo presente convenio comprométese a reducir ó mínimo indispensable o número de horas extraordinarias e neste sentido acórdase:

1) Horas extraordinarias habituais: supresión.

2) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como no caso de risco de perda de materias primas: realización, logo de informe ó comité de empresa ou delegados de persoal.

3) Co fin de clarifica-lo concepto de hora extraordinaria estructural entenderanse como tales: as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quendas ós de carácter estructural derivados da natureza do traballo de que se trate ou mantemento. Todo iso sempre que non poidan ser substituídos por contratacións temporais a tempo parcial, previstas na lei.

Tamén en relación co obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento deste artigo será considerado falta grave para efectos do disposto no artigo 57 do estatuto.

A dirección da empresa informará periodicamente ó comité de empresa e delegados de persoal, sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións e tarefas.

O persoal que realice horas extraordinarias poderá optar entre:

a) Percibi-lo seu valor en metálico.

b) Efectuar un descanso equivalente a hora e media por cada hora extraordinaria traballada ou unha hora tres cuartos no caso de ser festivo.

As mencionadas horas de descanso serán acumulables por xornadas completas e tomaranse, en períodos de baixa actividade dentro dos catro meses seguintes á súa realización, de acordo cos criterios organizativos e productivos fixados pola dirección.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados polo presente convenio, percibirán tres pagas extraordinarias que se denominarán: participación en beneficios, verán e Nadal. As ditas pagas percibiranse na primeira quincena de maio, primeira quincena de xullo e primeira quincena de decembro respectivamente. A súa contía será de trinta días de salario maila antigüidade e plus de convenio.

Artigo 18º.-Pluses.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán dos seguintes pluses:

1) Plus de convenio, o seu importe para cada categoría vén recollido na táboa salarial (anexo I).

2) Un plus de transporte, co fin de compensa-los gastos de traslado ó traballo, na contía que figura na táboa salarial (anexo I), descontándose por cada día que se falte ó traballo a cantidade resultante de dividir por 25 o importe do referido plus, segundo a categoría correspondente, calquera que sexa a causa, agás nas vacacións, hospitalización, accidente laboral, maternidade e enfermidade común cando a baixa supere os 45 días.

Artigo 19º.-Incentivos, plus de traballo feito-comisións.

De acordo coas características funcionais de cada un dos departamentos da empresa, establécense unhas achegas económicas que sirvan para recoñecer e estimula-la mellor realización do traballo para a productividade da fabricación, caixas vendidas e consecución de obxectivos.

No departamento técnico fíxase un incentivo mensual segundo as bases establecidas.

No departamento comercial as vendas diarias procuran unhas comisións que se distribúen de acordo coa categoría, funcións e servicios que realizan os traballadores, segundo as táboas establecidas.

Os incentivos de almacén e distribución estarán de acordo cos obxectivos que se indiquen periodicamente.

Tanto as cantidades reguladoras do incentivo ó departamento técnico como as asignacións por caixas para as comisións do departamento comercial, modificaranse anualmente tendo como base a evolución media dos prezos de venda. Os incentivos de almacén e administración modificaranse de acordo co seu propio parámetro.

Artigo 20º.-Incentivo de asistencia e puntualidade.

O incentivo de asistencia e puntualidade ten como obxectivo recompensar en termos económicos a todos aqueles traballadores fixos que ó longo do ano puidesen e desexasen supera-los inconvenientes que xorden e condicionan a óptima asistencia ó traballo e a puntualidade a el.

Con este fin establécese unha cantidade anual que, por categoría, equivale a dúas medias pagas, que se aboarán nas nóminas de marzo e setembro, respectivamente, e comporanse ámbalas dúas de soldo base, plus de convenio, plus de transporte e 25.000 pesetas.

Para que isto sexa posible e responda exactamente á condición de incentivo, debe axustarse a unhas normas, as máis lóxicas e suficientemente moderadas, que se estipulan no regulamento recollido no anexo II e que regularán en tódolos casos e de maneira xeral o seu desenvolvemento.

Quedan excluídas destes descontos as faltas ó traballo que se deriven dun accidente no traballo da empresa, hospitalización, maternidade, enfermidade común cando a baixa supere os 45 días, vacacións, 15 días naturais en caso de matrimonio, 5 días en caso de parto da esposa, 3 días en caso de enfermidade grave de parentes directos, 2 días por traslado de domicilio habitual, o

tempo necesario para cumprimento de funcións de carácter sindical ou público e 3 días por morte de pais, fillos e irmáns.

Do mesmo xeito e tendo en conta o aspecto retributivo e de axuda deste incentivo, estipúlase como cantidade máxima de desconto o 50% do importe total. Se algún empregado supera esta cifra a dirección comunicaralles ós representantes dos traballadores a situación e avaliaríase a causa ou forza que o motivou e actuaría en consecuencia.

O departamento de persoal, de acordo coas normas establecidas pola dirección, levará o control dos empregados da empresa, sen ningunha excepción, co fin de participar todos en igualdade de oportunidades.

Así mesmo, recórdase a responsabilidade que ten o traballador de respectar escrupulosamente as normas de fichar no reloxo horario e de absterse de calquera manobra que poida entorpece-lo control de cada un.

Capítulo V

Xornada, vacacións e licencias

Artigo 21º.-Xornada.

Tendo en conta as pecualiaridades da empresa e a variación estacional da venda, a xornada de traballo para o presente ano (1996) será de 1.769 horas anuais, quedando establecida do seguinte xeito:

1. Meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, outubro e novembro, 39 horas semanais de luns a venres.

2. Meses de maio, xuño, setembro e decembro, 40 horas semanais de luns a venres.

3. Meses de xullo e agosto, 44 horas semanais de luns a venres.

Se por disposición legal se reducise a duración máxima da xornada ordinaria de traballo ámbalas partes confeccionarán a xornada para a súa adaptación á nova que se implante.

A empresa durante os meses de xullo e agosto (períodos punta de actividade) estará facultada para traballa-los sábados co persoal que precise, na forma e sistema como ata a data se vén realizando, respectándose polo tanto o máximo de 24 horas de traballo por persoa (3 sábados), coa validación das ditas horas en período de pouca actividade e de acordo coas necesidades da empresa.

Do mesmo xeito a dirección da empresa e os representantes dos traballadores poderán pactar modalidades de compensación por horas realizadas en períodos punta de actividade, así como nas condicións que libremente pacten, o incremento do número de sábados laborais.

Artigo 22º.-Traballo a tarefa.

Dadas as especiais circunstancias laborais en que se efectúa o traballo habitual do persoal comercial e moi especificamente o de distribución, a xornada de traballo desenvolverase de acordo coa tarefa indicada. Esta estará programada respectando teoricamente as indicacións que expresa o artigo 34 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Xornada continua.

Para todo o persoal, a excepción do anteriormente citado, comercial e distribución, a xornada de traballo será de 8 horas diarias.

Establécese un descanso de œ hora para bocadillo. O dito tempo será considerado como de traballo efectivo para tódolos efectos, podendo desfrutarse ó longo da xornada ou ben antes do remate dela, neste caso daríase por concluída esta con media hora de antelación.

De tódalas maneiras, o desfrute da media hora sinalada, pode ser pactada por departamentos ó longo da xornada.

Artigo 24º.-Vacacións.

Establécense vintetrés días laborables de vacacións para o persoal fixo. Para o eventual ou de campaña observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Co fin de que tódalas persoas teñan opción a desfrutar en períodos determinados as vacacións en épocas estivais, facúltanse os xefes de departamento a que establezan rotación do seu persoal tendo como límite unha persoa por grupo, nos meses de xullo e agosto de dúas persoas por grupo e mes no resto do ano.

Establécese unha bolsa extraordinaria de vacacións de salario base, maila antigüidade e o plus de convenio, para o persoal fixo, de acordo co seguinte calendario:

-Novembro e febreiro: 28 días.

-Xaneiro, marzo, abril, maio, outubro e decembro: 23 días.

Xuño, xullo, agosto e setembro: 18 días.

Cando as vacacións coincidan en dous períodos diferentes, a bolsa repartirase proporcionalmente ós días que corresponda cada un deles.

Artigo 25º.-Licencias.

Os traballadores afectados polo presente convenio, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Cinco días naturais en caso de parto da esposa.

c) Tres días hábiles en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, será de catro días.

d) Dous días por traslado do domicilio habitual.

e) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical ou público sempre que medie a oportuna e previa convocatoria e subseguinte xustificación da utilización do período convocado e non exceda de cinco días alternos e dous consecutivos no transcurso do mesmo mes.

Artigo 26º.-Excedencias.

Os traballadores fixos do cadro de persoal que leven un ano ó servicio da empresa, teñen o dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia

voluntaria, por un prazo non inferior a seis meses nin maior a cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o remate da anterior excedencia.

O traballador excedente conservará só un dereito preferente ó reingreso das vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa, agás que a excedencia fose por un prazo de seis meses, neste caso producirase o reingreso automático ó remata-la excedencia.

O traballador estará obrigado a solicita-lo seu reingreso na empresa trinta días antes de remata-la súa excedencia.

A excedencia forzosa que dará dereito á conservación do posto de traballo e á antigüidade, concederase pola designación ou elección para un cargo público que lle imposibilite a asistencia ó traballo. O mesmo tratamento daráselle ó traballador excedente que teña cargo provincial ou similar, no nivel de secretario do sindicato respectivo.

Artigo 27º.-Xustificantes.

Todos aqueles traballadores que se ausenten do traballo, calquera que sexa a súa causa, deberán presentar un xustificante.

Capítulo VI

Outras disposicións

Artigo 28º.-Incapacidade temporal.

Nos casos de incapacidade temporal, as prestacións económicas serán as seguintes:

a) Hospitalización e accidente laboral: ata o 100 por 100 do salario base, antigüidade, plus de convenio e plus de transporte, desde o primeiro día.

b) Nos casos de enfermidade común ou accidente non laboral: ata o 100 por 100 do salario base, antigüidade e plus de convenio, desde o primeiro día, e o plus de transporte, cando a baixa supere os 45 días.

Artigo 29º.-Póliza de seguros.

A empresa subscribirá unha póliza de vida por un importe de 2.250.000 pesetas para o persoal fixo, e outra de morte por accidente ou invalidez total ou absoluta, para tódolos traballadores fixos e eventuais por unha cantidade de 3.000.000 de pesetas.

Artigo 30º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda escolar, logo de xustificación documental do centro, de 12.000 pesetas por fillo desde os catro anos ata que remate os seus estudios de EXB. A dita cantidade será aboada durante o primeiro trimestre do curso escolar.

Do mesmo xeito establécese unha axuda do 100% da matrícula, 90% dos libros e 60% dos colexios, para os fillos dos empregados fixos que cursen estudios de BUP, COU e FP1 e FP2.

Establécese unha axuda especial para pais de fillos con algunha minusvalidez psíquica ou física, de acordo coa cualificación da Seguridade Social, consistente en

10.000 pesetas mensuais por cada fillo en tales condicións.

Para percibir estas axudas será necesario te-la condicións de fixo na empresa e como mínimo unha antigüidade dun ano.

Artigo 31º.-Gratificacións.

a) Por nupcialidade: 22.000 pesetas.

b) Por nacemento de fillos: 14.000 pesetas.

c) Por defunción do traballador: 100.000 pesetas, que percibirán os seus herdeiros.

Para percibir estas gratificacións será necesario como mínimo un ano de antigüidade na empresa, excepto no apartado c) que será desde o primeiro día.

Artigo 32º.-Premio especial por anos de servicio.

Concédese un premio especial por servicios ininterrompidos á empresa a todo o persoal fixo de Begano, S.A., nas contías seguintes:

-Ós 5 anos de antigüidade: 13.000 ptas.

-Ós 10 anos de antigüidade: 20.000 ptas.

-Ós 15 anos de antigüidade: 27.000 ptas.

-Ós 20 anos de antigüidade: 34.000 ptas.

-Ós 25 anos de antigüidade: 45.000 ptas.

-Ós 30 anos de antigüidade: 65.000 ptas.

-Ós 35 anos de antigüidade: 130.000 ptas.

-Ós 38 anos de antigüidade: 150.000 ptas.

-Ós 40 anos de antigüidade: 200.000 ptas.

O dito premio cobrarase no mes que se cumpran os anos de servicio de acordo coa escala establecida.

Artigo 33º.-Xubilación.

O traballador que voluntariamente se xubile antes dos 65 anos, percibirá en concepto de gratificación os seguintes importes:

Antigüidade

+ 30 anos De 25 a 30 De 15 a 25

60 anos 20 meses 18 meses 16 meses

61 anos 18 meses 16 meses 14 meses

62 anos 16 meses 14 meses 12 meses

63 anos 14 meses 12 meses 11 meses

64 anos 12 meses 11 meses 10 meses

O importe por mes abrangue o salario base, antigüidade e plus de convenio.

A xubilación será obrigatoria ós sesenta e cinco anos para tódolos traballadores afectados por este convenio.

Artigo 34º.-Préstamos.

Concederanse préstamos sen xuro ó persoal fixo da empresa, segundo un fondo circulante establecido para o efecto por importe de 17.000.000 de pesetas, de acordo coas seguintes condicións.

1. Adquisición de primeira vivenda, ata 1.500.000 ptas.

2. Atencións diversas, ata 750.000 ptas.

A súa amortización realizarase mediante deduccións en todas e cada unha das pagas ordinarias e extraordinarias seguintes á concesión do préstamo na forma seguinte:

a) Adquisición da primeira vivenda: prazo máximo de amortización, 48 meses.

b) Atencións diversas: prazo máximo de amortización, 36 meses.

O traballador poderá voluntariamente anticipa-la devolución do préstamo.

Á hora da súa concesión, terase en conta o informe da comisión constituída para resolve-las peticións, composta por dous representantes da dirección e un representante dos traballadores, que terán en conta as necesidades do peticionario, circunstancias da súa solicitude ou ter préstamos con anterioridade.

En caso de despedimento ou baixa voluntaria, o prestamista estará obrigado a reembolsa-lo préstamo nun prazo máximo de 15 días a partir da data do seu cesamento na empresa, podendo esta descontar da liquidación a cantidade adebedada.

En caso de falecemento con préstamo sen cancelar, o cónxuxe viúvo ou orfos maiores de 18 anos, continuarán amortizando o préstamo nas condicións que se fixasen.

Artigo 35º.-Axudas de custos.

Cando os traballadores pasen a noite fóra da súa localidade, ademais do correspondente salario, percibirán 4.895 pesetas diarias en concepto de axuda de custos.

A axuda de comida unha vez incrementada no 4,3%, (IPC correspondente ó ano 1995) queda establecida en 1.140 ptas.

A axuda de comida especial, para aqueles empregados que efectúen traballos fóra das súas rutas habituais, queda establecida en 1.540 pesetas.

Artigo 36º.-Roupa de traballo.

a) O persoal de fábrica facilitaráselle un equipo de verán e outro de inverno, o calzado regulamentario determinado polas normas de seguridade, así como luvas de seguridade,segundo as necesidades.

b) Ó persoal de reparto facilitaráselle un equipo de verán e outro de inverno, así como un equipo de chuvia, dous pares de zapatos ó ano, uns para verán e outros para inverno, respondendo os traballadores do seu correcto uso e conservación.

Artigo 37º.-Seguridade e saúde.

Os traballadores e a dirección de Begano, S.A. recoñecen a gran importancia e atención preferente que ten a seguridade e a saúde no traballo, recordando que debe ter primacía na actuación cotiá para a protección do traballador contra os riscos que se poidan derivar do traballo e ó fomento no espírito de seguridade.

É responsabilidade, tanto da empresa como dos seus traballadores, debendo adopta-las medidas necesarias

para que calquera novo procedemento tecnolóxico non supoña incremento do risco.

En cantas materias afectan a seguridade e saúde no traballo, serán de aplicación as disposicións contidas nos títulos vixentes da Ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo, Lei de prevención de riscos laborais de 1995, Estatuto dos traballadores e convenio da Organización Internacional do Traballo (OIT), ratificados por España e incorporados ó dereito positivo español.

Será competencia do comité de seguridade e saúde, a vixilancia e control das condicións de seguridade e saúde, así como a tramitación ou proposta de modificacións das condicións de traballo e a tramitación de expedientes.

Naqueles centros onde non exista comité de seguridade e saúde, será competencia do comité de empresa ou delegados de persoal, a vixilancia e control das condicións de seguridade e saúde no traballo.

Artigo 38º.-Normas supletorias.

No non previsto no presente convenio observarase o establecido no acordo marco para as industrias de bebidas refrescantes de 1996, Estatuto dos traballadores, convenio provincial do sector de bebidas refrescantes e demais disposicións legais vixentes.

Capítulo VII

Representación dos traballadores

Artigo 39º.-Comité de empresa.

Terá como competencias:

a) Dereito á negociación colectiva.

b) Recibir información que lle será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertenza a empresa, sobre a situación da producción e vendas da entidade, sobre o seu programa de producción e evolución probable de emprego da empresa.

c) Emitir con antelación suficiente informe sobre os plans de formación profesional da empresa, proceso de fusión-absorción e modificación do status xurídico da empresa, en canto supoña incidencia que afecte ó volume de emprego.

d) Emitir informe con carácter previo:

1) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquela.

2) Reduccións de xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

3) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo.

4) Estudio de tempos, establecementos de sistemas de incentivos e valoración dos postos de traballo.

5) Coñece-los modelos de contrato escritos, que se utilicen nas empresas, así como os documentos relativos ó remate da relación laboral.

6) Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves, en especial en supostos de despedimentos.

7) Dereito a ser oído con carácter previo a toda decisión de sancións graves ou despedimentos.

8) Ser informado no referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, o movemento de ingreso, cesamentos e ascensos e probas de selección.

e) Exercer un labor:

1) De vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto dos pactos, condicións e/ou usos de empresas en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas perante o empresario e os organismos ou tribunais competentes. Así mesmo, inclúese a capacidade de informar sobre calquera anomalía nos dereitos contractuais do traballador.

2) De vixilancia nas condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo da empresa.

3) De participar como se determina por convenio colectivo na xestión de obras sociais establecidas na empresa ou sector en beneficio dos traballadores ou das súas familias.

4) De colaborar coa dirección da empresa, para consegui-lo establecemento de canto procure o mantemento e o incremento da productividade da empresa, sempre que se pactasen sistemas ou medidas tendentes a conseguila.

f) Recoñeceráselle ó comité de empresa capacidade procesual como órgano colexiado para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito da súa competencia.

g) Os membros do comité de empresa e este no seu conxunto, observarán o sixilo profesional en todo o referente ós apartados b), c) e d), deste artigo, aínda despois de deixar de pertencer ó comité de empresa e en especial de todas aquelas materias sobre as que a dirección e o comité sinalen o seu carácter reservado.

h) Asemblea de traballadores:

1) Dereito a convocar e presidir asembleas sendo responsable do normal desenvolvemento delas.

Terán a obriga de comunicarlle ó empresario a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes á empresa que vaian asistir a elas, sendo necesario o consentimento previo da empresa, sempre e cando se celebren nos seus locais, o acceso a ela de persoas alleas.

2) Cando por traballarse en quendas, por insuficiencia de local, ou por calquera outra circunstancia, non poida reunirse simultaneamente todo o cadro de persoal, as diversas reunións parciais que teñan que celebrarse, considéranse como unha soa e datada no día da primeira.

3) O lugar da reunión será o centro de traballo, se as condicións deste o permiten. Terá lugar fóra de horas de traballo nos catro meses de campaña; nos oito meses restantes, disporán dunha hora ó mes dentro da xornada.

A dirección non se poderá opoñer á celebración dunha asemblea, cando esta teña como exclusivo obxecto, someter ós traballadores.

a) A declaración ou o termo dunha folga.

b) A aprobación da totalidade dun convenio.

c) En caso de demisión ou elección dos representantes sindicais.

A dirección poderase opoñer:

a) Se transcorrese menos dun mes despois da última reunión celebrada.

b) Se aínda non se resarcise ou afianzase o pagamento polos danos materiais, producido por alteracións ocorridas nalgunha anterior asemblea.

4) A convocatoria con exposición da orde do día proposta polos convocantes, comunicaráselle ó empresario con 48 horas de antelación como mínimo, debendo este xustifica-la recepción.

i)Os membros do comité de empresa disporán dun crédito de horas retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 100 traballadores: 15.

-De 101 a 250 traballadores: 20.

As horas serán acumulables entre os diferentes membros do comité de empresa dentro de cada mes.

j) Garantías:

1) Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo, respecto ós demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

2) Non ser despedido nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, agás que esta se produza por revogación ou demisión, sempre que o despedimento ou sanción se basee na acción do traballador no exercicio da súa representación, sen prexuízo polo tanto do establecido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

3) No suposto de existir sanción ou despedimento por faltas graves ou moi graves, alleas á súa función como membro do comité de empresa e o delegado do sindicato a que pertenza, no suposto de que estea recoñecido como tal na empresa. En todo suposto que os tribunais declaren a nulidade ou improcedencia do despedimento, será obrigatoria a readmisión do traballador, sen a posibilidade de indemnización substitutoria, agás acordo das partes.

Artigo 40º.-Delegados de persoal.

A representación dos traballadores nos centros de traballo de Begano, S.A., que teñen menos de cincuenta traballadores corresponde ós delegados de persoal.

De acordo co artigo 62.2º do ET, os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Artigo 41º.-Seccións sindicais.

Cada central ou sindicato poderá designar respectivamente un delegado entre os traballadores da empre

sa, sempre que o número dos seus afiliados supere o 10% do total do cadro de persoal.

Seranlle recoñecidas as mesmas garantías que as dos representantes elixidos polos traballadores.

Serán funcións das seccións sindicais:

a) Representar e defende-los intereses do sindicato a quen representen, e dos afiliados deste na empresa.

b) Servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical e a dirección da empresa con talante positivo.

c) Logo de comunicación e aceptación por parte da dirección da empresa poderán:

1) Difundir publicacións e avisos de carácter sindical.

2) Fixar comunicacións e anuncios de carácter sindical ou laboral nos taboleiros de anuncios que para tal efecto existan na empresa.

3) Reunirse nos locais da empresa fóra de horas de traballo.

d) Propoñer candidatos ás eleccións para cubrir postos do comité de empresa.

e) Serán así mesmo informados e oídos pola empresa con carácter previo:

1) Acerca dos despedimentos e sancións que afecten ós afiliados ó sindicato.

2) En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores e sobre todo proxectos ou acción empresarial que poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores.

f) Cota sindical:

Por requirimento dos traballadores afiliados, as centrais sindicais ou sindicatos que teñan a representación a que se refire este apartado, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores, o importe da cota correspondente.

O traballador interesado na realización de tal operación, remitiralle á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertenza, a contía da cota, así como o número de conta corrente ou de aforro á que deba ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, agás indicación en contrario, por períodos dun ano.

Artigo 42º.-Comité intercentros.

1. O comité intercentros é a representación legal máxima de tódolos traballadores da empresa. Como órgano colectivo está por riba dos seus membros e o seu obxectivo é a defensa dos dereitos e intereses dos traballadores en xeral.

2. Estará composto por cinco membros titulares. Na súa constitución gardarase a debida proporcionalidade obtida polos sindicatos, segundo os resultados electorais considerados globalmente no conxunto da empresa. Correspóndelle a estes a designación tanto dos membros titulares como dos suplentes, de entre os compoñentes do comité de empresa e delegados de persoal.

3. Estará lexitimado para negociar convenios colectivos na empresa, regulamentos e calquera outro tipo de pactos que afecten ós intereses xerais dos traballadores da empresa.

Este comité reunirase con tódolos representantes dos traballadores e delegados sindicais da empresa, dúas veces ó ano como mínimo, fixándose de mutuo acordo o calendario e orde do día das ditas reunións.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL 1996

SalariosPlus

convenio

Plus

transporte

CategoríasDiarioMesDiarioMesMes

Peón (eventual)2.49274.76055116.53013.725

Axudante (eventual)2.86485.92054216.26013.725

Aux. Admvo. Axte.2.86485.92054216.26016.500

Oficial 2ª3.03390.99050215.06016.500

Oficial de 1ª e monitor3.17695.28050315.09015.950

Encargado grupo e preventista3.503105.09047014.10014.825

Encargado sección4.150124.50044713.41013.725

Encargado xeral4.868146.04038711.61012.600

ANEXO II

Regulamento do incentivo de asistencia e puntualidade

Faltas de puntualidade.

Enténdense por faltas de puntualidade todos aqueles atrasos que excedan cinco minutos da hora sinalada para entrada e saída do traballo de acordo co calendario e horario laboral.

-Por tres faltas nun mesmo mes equivale a unha falta sen xustificar.

-Por cinco faltas nun mesmo mes equivale a dúas faltas sen xustificar.

-Cada nova falta de puntualidade a partir de cinco faltas equivale a unha falta sen xustificar.

Se nun trimestre móbil existen seis faltas de puntualidade que non tivesen desconto, equivalerán a unha falta sen xustificar.

Faltas xustificadas.

Enténdense por faltas xustificadas todas aquelas que estean ou veñan avaliadas por un xustificante médico ou oficial.

Os permisos do día completo ou saídas en medio da xornada serán ponderadas e clasificadsa polo correspondente xefe de sección.

-Cada falta xustificada representa o desconto do 1% do importe total.

Faltas sen xustificar.

Todas aquelas faltas que non entren na categoría de excepción nin no apartado anterior terán a natureza de faltas sen xustificar:

-Cada falta sen xustificar ten un desconto do 4%.

8169