Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 13 de novembro de 1996 Páx. 10.192

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de novembro de 1996 pola que se dictan normas complementarias ás establecidas pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 6 de novembro de 1996 (DOG do 7 de novembro), pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para os días 7 e 13 de novembro de 1996 para os empregados e empregadas públicos da Administración autonómica.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicio esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, e o persoal preciso para prestalos.

Mediante orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 6 de novembro de 1996 (DOG nº 218, do 7 de novembro), dictáronse normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para os días 7 e 13 de novembro de 1996 para os empregados e empregadas públicos da Administración autonómica agás os centros de ensino e o persoal das institucións sanitarias dependentes do Sergas.

A Confederación Intersindical Galega, en escrito presentado perante o Goberno Civil de Pontevedra, comunica a convocatoria de paro que terá lugar durante a xornada do día 13 de novembro de 1996 e que afectará á totalidade do cadro de persoal de tódalas administracions públicas de Galicia, incluídos entes públicos e organismos autónomos. O paro terá lugar das 11 ás 12 horas nos centros de traballo con quenda de mañá; das 17 ás 18 horas para a quenda de tarde da sanidade; das 15.30 ás 16.30 horas para a quenda de tarde de correos; das 15 ás 16 horas para a quenda de tarde das administracións locais e das 00 á 1.00 horas para a quenda de noite de correos.

Por todo o anterior faise necesario garanti-los servicios mínimos para aqueles sectores e actividades non comprendidos na citada orde desta consellería do 6 de novembro de 1996 (DOG nº 218 do 7 de novembro), ademais de considerar vixentes os establecidos pola ela.

Na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, xúlgase necesario fixar servicios mínimos que cubran a área de transporte,

e nese sentido o Decreto 61/1985, do 18 de abril, dispón que deberán manterse os servicios de transporte de estudiantes e escolares nas expedicións normalmente establecidas. No referente ó Ente Público Portos de Galicia establécense os servicos mínimos necesarios que poidan cubrir calquera eventualidade referida á importancia e tráfico dos portos de referencia.

No que respecta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o dereito á educación é un dereito de carácter social, e por tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontren en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro, por isto sinálanse os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros, e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que acoden ós centros.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e é por iso polo que cómpre a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico etc.

En consecuencia, e de acordo co establecido no parágrafo 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Educación e Ordenación Universitaria, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.1. Con carácter xeral, mantéñense os servicios mínimos establecidos pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 6 de novembro de 1996 (DOG nº 218, do 7 de novembro) pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para os días 7 e 13 de novembro de 1996 para os empregados e empregadas públicos da Administración autonómica.

Artigo 2º

Ademais do disposto no artigo anterior, fíxanse os servicios mínimos que se indican a continuación:

2.1.Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Transporte escolar:

Servicios regulares de uso especial para transporte de escolares e de estudiantes:

-Deberánse manter tódolos servicios de escolares e estudiantes nas expedicións normalmente establecidas.

- Ente Público Portos de Galicia:

* Grupos de portos: Lugo, A Coruña norte, A Coruña sur, Pontevedra.

-Un técnico, e un auxiliar administrativo (no rexistro) en cada un dos grupos.

-Un celador nos seguintes portos: Celeiro, Burela, Cariño, Cedeira, Sada, Malpica, Muros, Ribeira, Portonovo.

-Servicios centrais do Ente Público Portos de Galicia:

-Un técnico.

-Un administrativo (no rexistro)

-Un membro departamento económico.

-Un auxiliar administrativo

-Un conductor.

O control nos grupos e nos servicios centrais levaráo o técnico.

2.2. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% de persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

A totalidade de persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

Artigo 3º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos no artigo anterior, será designado polos delegados provinciais das consellerías respectivas, e polos directores de persoal nos restantes supostos, publicándose os nomes dos designados nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 4º

O incumprimento da obrigación de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde, será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 5º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez.

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

8186