Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 11 de novembro de 1996 Páx. 10.102

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 18 de outubro de 1996 pola que se establecen axudas para a modernización das embarcacións con porto base na costa de Fisterra, entre Muros e Caión, dedicadas á pesca costeira artesanal.

O Parlamento europeo creou unha nova liña orzamentaria destinada á pesca costeira artesanal, dentro do orzamento xeral das Comunidades Europeas para 1995.

A Dirección Xeral XIV da Comisión das Comunidades Europeas adoptou as normas de utilización destes créditos establecendo o plan de acción para a pesca costeira artesanal. Este plan ábrese a tódolos estados membros facendo fincapé en que a medida debería ser innovadora, valorizadora para a profesión e capaz de suscitar un efecto en cadea polo seu carácter demostrativo e exemplar. Incide na necesidade de concentración do plan nun número reducido de portos, para así garanti-lo efecto perceptible da medida.

A Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do proxecto xeral de España como estado membro, presentou o plan de acción en materia de seguridade para a pesca costeira artesanal de Fisterra (Galicia), baseándose no elevado risco na zona seleccionada debido ás súas características xeográficas e meteorolóxicas e ó alto número de embarcacións que se poden acoller ó plan. As accións englobadas afectan os investimentos a bordo dos buques (equipos de seguridade), así como a posta en marcha dun plan de formación cun programa de concienciación e divulgación das normas de seguridade e outro de cursos de supervivencia no mar.

A Consellería de Economía e Facenda promulgou o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 233, do 5-12-1995),

polo que se establecen as bases para a concesión e xestión das axudas polas diferentes consellerías sectoriais, decreto que foi declarado compatible co Mercado Común, segundo decisión da Comisión (axuda estatal nº 21/1995, do 31 de xullo de 1995).

Considerando todo o anterior, continuando o labor iniciado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura coas axudas para a instalación de equipos de comunicación e salvemento en embarcacións pesqueiras da flota artesanal galega, e polas facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acción e obxecto da axuda.

As axudas previstas están orientadas a aquelas embarcacións que non poidan beneficiarse das axudas dos fondos IFOP, ben por non alcanza-la eslora mínima, ou porque os seus investimentos se atopen por debaixo dos limiares considerados no R.D. 798/1995.

Poderán ser obxecto da axuda prevista pola presente orde a instalación de equipos de comunicación e salvamento nas embarcacións afectadas polo plan:

-Equipos de radiocomunicación.

-Radares.

-Radiobalizas de socorro.

-Aros e chalecos salvavidas.

-Extintores.

-Roupas de auga con flotabilidade positiva.

-Traxes de neopreno.

-Sinais de socorro pirotécnicos, fumíxeros e outras.

-Incremento da flotabilidade das embarcacións.

-Balsas salvavidas.

-Outros equipos que faciliten a localización e identificación das embarcacións (pintado das embarcacións, instalación de reflectores, radar, bucinas de néboa).

Os investimentos terán que estar efectivamente executados antes do 31 de decembro de 1996.

As axudas realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614.B.770.0, «reestructuración e renovación da flota pesqueira galega», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1996.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser destinatarios destas axudas para a modernización da pesca costeira artesanal os propietarios ou armadores de embarcacións da terceira lista, cunha eslora inferior a 9 metros, que estean incluídas no Censo de Buques de Galicia.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, considéranse afectados os propietarios, arma

dores e os mariñeiros enrolados en buques con porto base na zona de Fisterra, entre os portos de Muros e Caión. Estes últimos só poderán ser beneficiarios de axuda pola adquisición de equipos de salvamento de utilización persoal susceptibles de uso durante a súa permanencia a bordo e desenvolvemento das faenas de pesca.

Os solicitantes deberán asisitir ós cursos de formación que se desenvolven dentro do plan de acción en materia de seguridade para a pesca costeira artesanal de Fisterra (Galicia).

Artigo 3º.-Contía da axuda.

A contía das axudas poderá acada-la cantidade máxima establecida na relación ordenada por prioridades do anexo I, para cada un dos equipamentos indicados. En ningún caso a contía súa poderá supera-lo 80% do investimento por equipamento. No caso de que se superase esta porcentaxe, a contía da axuda sería diminuída proporcionalmente.

O investimento máximo por embarcación non poderá supera-las 800.000 ptas.

Se o importe total das axudas solicitadas superase as dispoñibilidades orzamentarias, a consellería axustará a contía da axuda a conceder de acordo coa relación ordenada do anexo I.

En ningún caso será subvencionable o IVE.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda dirixidas ó delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Coruña, presentaranse na Delegación Territorial da Coruña, na comarcal de Ribeira, ou por calquera outro procedemento que se articule para o efecto, no modelo que como anexo II se publica coa presente orde, xunto coa presente documentación en exemplar duplicado:

a) No caso de ser propietario ou armador da embarcación pesqueira, xustificante de selo, mediante certificado do rexistro mercantil ou fotocopia da folla de inscrición marítima debidamente compulsada.

b) No caso de ser profesional da pesca xustificante de selo, mediante a fotocopia compulsada da cartilla de navegación, na que conste que está enrolado.

c) Factura proforma ou orzamento dos equipos que se van instalar, no caso de non ter feito o investimento.

d) Certificación da entidade bancaria na que conste o código dela e o número de conta na que o solicitante desexa que se lle transfira o importe da axuda, xunto coa fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

e) Declaración responsable conforme o anexo III de non ter recibido nin solicitado ningunha outra axuda de ningunha Administración pública para o mesmo concepto co compromiso de non facelo.

f) Certificación de ter asistido ó curso de formación impartido na zona dentro do plan de acción en materia de seguridade para a pesca costeira artesanal de Fisterra (Galicia).

2. A Delegación territorial da Coruña comprobará que á solicitude se xunta a documentación mencionada.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós quince días hábiles contados a partir da finalización do derradeiro curso de formación impartido na zona dentro deste plan.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. Se, unha vez presentada a documentación á que se refire o artigo 4º da presente orde, esta non reúne os requisitos esixidos, requirirase do interesado a reparación do defecto de forma ou a presentación da documentación preceptiva. A documentación que reúna os requisitos establecidos seralle remitida pola delegación territorial da Coruña á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, que lle elevará proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, quen resolverá motivadamente. Tal resolución porá fin á vía administrativa.

2. A non resolución expresa no prazo de tres meses contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes determinará a súa denegación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Percepción da axuda.

Unha vez resolta a axuda, logo da comprobación da instalación dos equipos polo servicio técnico da delegación ou os funcionarios designados polo delegado e a xustificación do investimento (xuntaranse as facturas, que especificarán fabricante, modelo e número de serie dos equipamentos e no caso dos sinais pirotécnicos e fumíxeros, lote e data de caducidade, así como no caso de instalación de equipos de radiocomunicacións, fotocopia cotexada da autorización de instalación emitida pola inspección radiomarítima da capitanía marítima correspondente), esta seralle transferida á conta sinalada polo solicitante.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu pagamento, os beneficiarios das axudas deberán acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administarción pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 8.-Inspección e control.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas ás finalidades para as que se concederon. En consecuencia, poderanse facer visitas e inspeccións incluso previamente á

concesión das axudas, para comproba-la adecuación á normativa vixente.

Disposición transitoria

Aqueles investimentos realizados na zona abranguida polo plan efectuados con posterioridade ó 18 de decembro de 1995 (data da decisión da comisión) poderán ser incluídas ó amparo do disposto nesta orde.

Neste caso, no momento de presenta-la solicitude, xuntarase o xustificante conforme o investimento se realizou despois desa data.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

RELACIÓN ORDENADA POR PRIORIDADES DA CONTÍA MÁXIMA DAS SUBVENCIÓNS DOS EQUIPAMENTOS

(De acordo co estipulado no artigo 3)

Prioridade un.

1. Chaleco salvavidas inflable; 150 N.; disparo manual; homologado: 7.600 ptas.

2. Chaleco salvavidas inflable; 150 N.; disparo automático; homologado: 9.600 ptas.

3. Chaleco salvavidas inflable; 275 N.; disparo manual; homologado: -11.400 ptas.

4. Chaleco salvavidas inflable; 275 N.; disparo automático; homologado: 13.000 ptas.

5. Chaleco salvavidas con flotabilidade permanente; homologado: 5.100 ptas.

6. Chaleco salvavidas con flotabilidade mínima de 5 N.; homologado: 9.200 ptas.

7. Roupa de augas cunha flotabilidade mínima de 150 N., dúas pezas: 24.000 ptas.

8. Roupa de augas con chaleco salvavidas incorporado, inflable, 150 N., de disparo automático: 19.200 ptas.

9. Aros salvavidas de non máis de 80 cm de diámetro exterior; homologado: 3.600 ptas.

10. Aros salvavidas de non máis de 60 cm de diámetro exterior; aprobado pola Dirección Xeral de Mariña Mercante: 2.200 ptas.

11. Boia ferradura salvavidas ou similares; aprobada: 3.200 ptas.

12. Paquete estanco con sinais pirotécnicos: 3 foguetes e 3 bengalas; homologado: 6.200 ptas.

13. Paquete estanco con bolsa colorante, espello de sinais e 3 luces químicas (verde, vermella e amarela): 1.900 ptas.

14. Luz estroboscópica: 3.000 ptas.

15. Reflector radar en tubo de plástico e cunha superficie mínima de reflexión de 7 metros cadrados: 3.600 ptas.

16. Incremento na reserva de flotabilidade pola inxección de poliuretano ou silimar: 8.000 ptas.

17. Bucina de néboa activada por gas de 300 cc.: 1.000 ptas.

18. Radiobaliza persoal en 121,5 Mhz. con disparo manual e automático; homologada: 13.600 ptas.

19. Radiobaliza de socorro en 406 Mhz. en contedor estanco á auga con dispositivo de liberación hidrostático; homologada: 116.000 ptas.

Prioridade dúas.

1. Equipos de radiocomunicación: transmisor receptor portátil en VHF banda marina; tódolas canles internacionais; dúas potencias de transmisión: 1W e 5W; con cargador e funda estanca a auga do tipo AQ2 ou similar; homologado: 49.600 ptas.

2. Equipos de radiocomunicación: transmisor receptor portátil en VHF banda mariña; Sistema GMDSS, somerxible; aprobado: 80.000 ptas.

3. Equipos de radiocomunicación: transmisor receptor fixo en VHF banda marina; tódolas canles internacionais; dúas potencias de transmisión: 1W e 5W; homologado: 80.000 ptas.

4. Pintado do casco exterior das embarcacións de casco de madeira para adecualas ás normas de seguridade (prezo por metro cadrado): 4.000 ptas.

5. Pintado do casco exterior das embarcacións de casco de poliéster para adecualas ás normas de seguridade (prezo por metro cadrado): 4.800 ptas.

6. Extintor de po seco de 2,5 kg: 4.000 ptas.

Prioridade tres.

1. Receptor GPS, portátil, somerxible e con flotabilidade: 80.000 ptas.

2. Radar con pantalla de cristal líquido: 232.000 ptas.

3. Traxe de neopreno de 8 mm: 35.200 ptas.

4. Balsa salvavidas de 4 prazas máximo, aprobada: 160.000 ptas.

8121