Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 11 de novembro de 1996 Páx. 10.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de outubro de 1996 pola que se convocan bolsas de proxectos específicos pertencentes ó programa Pimega, do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape),

establece como unha das funcións do Igape a de favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas. Con tal finalidade o Igape puso en marcha o Programa integral para a Mellora da Empresa Galega (Pimega), desenvolvido pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 7 de xuño de 1996 de axudas para a mellora da competitividade das empresas (DOG do 10-7-1996), que no seu artigo 6 c) prevé a posibilidade de asignación dun bolseiro ás empresas beneficiarias das axudas a proxectos de implantación de plans de mellora que así o soliciten. A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas de colaboración para a implantación de plans de mellora en empresas beneficiarias das axudas para a mellora da competitividade (Pimega) e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúe como anexo á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de trinta e un millóns de pesetas (31.000.000 de ptas.), financiándose con cargo ó orzamento do Igape para 1996 oito millóns de pesetas (8.000.000 de ptas.) e con cargo ó orzamento para 1997, vintetrés millóns de pesetas (23.000.000 de ptas.) sempre que se habiliten os créditos orzamentarios para iso.

Autorízase o Igape para ampliar ou abrir novas convocatorias, dándolle a oportuna publicidade en prensa no caso de que para algunha das titulacións solicitadas polas empresas se esgotara a posibilidade de preselección por falta de candidatos, se as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzamentado.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 12 meses, cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1996

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bolsas Pimega de colaboración para a implantación de planes de mellora en empresas.

O obxecto destas axudas é favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas de Galicia, asignando un bolseiro posgraduado na titulación adecuada para que colabore con aquelas empresas beneficiarias das axudas do Igape para a mellora da competitividade que así o soliciten, na implantación dos proxectos de implantación de melloras competitivas, análise de alternativas de diversificación ou estudios de mercado internacionais, acollidas ó programa Pimega.

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

A. Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B. Cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior

C. Acreditación de non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa. No caso de estar realizando a prestación social substitutoria, deberá ser compatible co desfrute da bolsa.

D. Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos universitarios:

-Enxeñería superior ou técnica.

-Arquitecto ou arquitecto técnico.

-Licenciado ou diplomado en ciencias económicas, ciencias empresariais ou administración de empresas.

-Licenciado en ciencias físicas, ciencias químicas, bioloxía ou ciencia e tecnoloxía dos alimentos.

-Licenciado ou diplomado en informática.

Admitiranse as solicitudes presentadas por quen unicamente dependa da presentación do proxecto de fin de carreira para a obtención do título.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

E. Non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en anos anteriores.

F. Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo II, deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo I e presentaranse no rexistro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A. Santiago de Compostela: r/ Frei Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701.

B. Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C. Vigo: r/ Príncipe, 43-2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá ir traducida por un intérprete xurado.

O prazo de presentación de solicitudes remata ós quince días hábiles da publicación das presentes bases no DOG.

3. Duración e contía.

O período de desfrute da bolsa rematará como máximo ós seis meses da súa aceptación e o seu importe ascenderá a un máximo de 750.000 ptas.

Durante o seu período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

4. Libramento da axuda.

O pago das bolsas concedidas ós beneficiarios efectuarase en tres prazos:

-50%, unha vez que o beneficiario teña formalizado o documento de aceptación da bolsa.

-40% unha vez transcorridos tres meses desde a dita aceptación e recibido no Igape o informe sinalado no punto 7 d) destas bases.

-10% á entrega do informe final sinalado no punto 7 e) destas bases.

5. Procedemento.

Unha vez rematado o prazo de solicitude de titulados e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando no seu caso as causas de exclusión, abríndose un prazo de dez días para que os interesados poidan corrixi-la súa solicitude, aportando no seu caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a corrección procederáse ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de correccións, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas á selección.

6. Criterios de selección de títulos.

Para cada empresa de destino solicitante o Igape preseleccionará un máximo de catro candidatos coa titulación solicitada, segundo o seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresalinte: 3 puntos.

Notable: 2 puntos

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias

puntuación obtida x 10

nº de materias

Proxecto fin de carreira,

Grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

Os candidatos preseleccionados serán convocados para a realización nas dependencias do Igape dunha entrevista persoal que avalíe o seu perfil ás características do proxecto, na dita entrevista poderán participa-los representantes da empresa de destino que así o soliciten.

A selección definitiva realizaraa o director xeral da Área de Innovación, Formación e Información que elevará proposta de resolución ó director xeral do Igape para que resolva.

Mentres dure a selección, os candidatos preseleccionados quedarán excluídos, transitoriamente de calquera outra bolsa ofertada polo Igape.

7. Obrigas dos bolseiros.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a:

a) Incorporarse á empresa de destino ó día seguinte ó da súa aceptación da resolución de concesión, salvo que a dita resolución estableza un prazo distinto.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral do Igape a data de incorporación á empresa de destino e, unha vez incorporados, deberán encontrarse en todo momento en condicións de xustifica-lo seu traballo asiduo nela. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no punto 3 das bases da convocatoria deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral do Igape, incorrendo noutro caso o beneficiario en causa de perda da bolsa.

c) Colaborar na implantación do plan de mellora na empresa de destino, baixo a dirección dos seus responsables.

d) Presentarlle ó Igape un informe sobre as actividades realizadas, cumpridos os tres primeiros meses de desfrute da bolsa, que deberá incluír un informe do representante legal da empresa de destino sobre a actividade desempeñada, con avaliación da súa aportación ó proxecto de mellora da competitividade e indicando expresamente o tempo de permanencia do bolseiro.

e) Presentarlle ó Igape un informe final das actividades realizadas no mes seguinte á finalización do período de desfrute, que deberá incluir un informe do representante legal da empresa de destino nos termos sinalados no parágrafo precedente.

f) Calquera outra información que por materia se relacione co plan de mellora no que colabora e lle solicite o Igape.

8. Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario poderá dar lugar, se e o caso, á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento a Dirección Xeral do Igape poderá reclamar da empresa de destino un informe sobre o traballo realizado polo bolseiro.

Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réximen financeiro e orzamentario de Galicia, ou no caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

9. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. O beneficiario terá un prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación para a sinatura da dita aceptación, no caso contrario, terase por renunciado ós seus dereitos, arquivándose o expediente sen máis trámite.

10. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias que se produzan antes do primeiro mes, ou se transcorrido ese tempo o Igape estimase, xustificadamente, que o proxecto de mellora non pode levarse a cabo, poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poideran xurdir na aplicación da presente convocatoria.

ANEXO I

Documentación titulados

-Instancia de solicitude. Anexo II.

-Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte e letra do NIF.

-Para a acreditación do cumprimento de ó menos unha das seguintes condicións:

-Veciñanza administrativa en Galicia. Certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia. Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos no exterior. Fotocopia compulsada do DNI do pai natural de Galicia.

-Acreditación de non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa. No caso de estar realizando a prestación social substitutoria, deberá ser compatible co desfrute da bolsa.

-Ter realizado o servicio militar. Fotocopia compulsada da cartilla militar ou documento de paso á reserva.

-Realizando o servicio militar. Certificado expedido polo xefe de unidade no que conste a data de finalización do servicio militar. A dita data deberá ser anterior ó 30 de decembro de 1996.

-Non ter realizado o servicio militar. Fotocopia compulsada do certificado de situación militar, donde conste exención ou concesión prórroga que cubra cando menos os 18 meses seguintes a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Ter realizada a prestación social substitutoria. Fotocopia compulsada do certificado de situación de reserva emitido polo Ministerio de Xustiza.

-Realizando a prestación social substitutoria. Copia compulsada da acta de realización ou certificado conforme se está realizando. En ámbolos casos deberá consta-la compatibilidade coa bolsa, así como o horario de permanencia no centro donde se estea realizando a prestación.

-Non ter realizada a prestación social substitutoria. Certificado de acreditación da condición obxector de conciencia e certificado de concesión de exención ou prórroga que cubra cando menos os 18 meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Copia compulsada do título ou copia compulsada do resgardo de ter pagado as taxas para a súa obtención.

-Copia compulsada do expediente académico.

-No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros: fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico.

-Curriculum vitae.

-Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

-Para xustifica-la puntuación sinalada no baremo de autoavaliación: certificado que acredite especificamente a realización do proxecto de fin de carreira, grao, tese de licenciatura ou o título de doutor.

8276