Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 08 de novembro de 1996 Páx. 10.028

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de outubro de 1996 pola que se convocan axudas económicas para os proxectos e os traballos dos equipos de normalización lingüística e de potenciación do uso do galego nos centros de educación infantil, primaria, especial, permanente de adultos, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia ten o deber de garantir que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal

e como determina o artigo 14º.3 da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei obriga á Xunta de Galicia a que regulamente no ensino o uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación levouse a cabo a través do Decreto 247/1995, do 14 de setembro.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispón ese decreto, e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística ou de potenciación do uso do galego. Este equipo é o que contemplan os Decretos 324/1996, do 17 de setembro (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, e fora establecido xa anteriormente polas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 e do 24 de xullo de 1991 (DOG do 26 e do 28 de agosto).

Por todo isto, e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo o seu labor, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse axudas económicas destinadas a contribuír ó financiamento dos proxectos e dos traballos que realicen no ano académico 1996/97 os equipos de normalización lingüística e de potenciación do uso do galego nos centros de educación infantil, primaria, especial, permanente de adultos, secundaria, bacharelato e formación profesional, todos eles de Galicia. Estes equipos son os constituídos de acordo co establecido nos Decretos 324/1996 e 374/1996, e mais nas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 e do 24 de xullo de 1991.

2. A contía máxima total destas axudas económicas será de 85.222.000 pesetas, con cargo á partida 07.06.353F.226.14 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, neste momento en trámite parlamentario, condicionando o gasto proxectado á existencia no citado orzamento de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 2º

1. Para acceder a estas axudas será necesario que o equipo estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82º do Decreto 324/1996, 63º do Decreto 374/1996, e 1º das ordes do 15 e do 24 de xullo de 1991, e que o plano xeral para o uso do idioma galego fose aprobado polo centro e enviado á inspección educativa.

2. Non se lles poderá conceder axuda económica ningunha a aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas concedidas para o ano académico 1995/96 ó abeiro da orde do 10 de outubro de 1995 (DOG nº 239, do 15 de decembro), ou que non cumpran o sinalado no artigo 6º.2 desta orde.

En canto ó disposto nos apartados 1 e 2 deste artigo, será a Inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no artigo 7º desta orde o informe relativo a cada centro.

Artigo 3º

As axudas, destinadas ós gastos de material das actividades programadas no proxecto que se presente, concederanse preferentemente para:

1. Materiais para a organización de actividades en galego, destinadas ó fomento do uso da lingua propia de Galicia tanto por parte dos alumnos, dos profesores e do persoal non docente, coma da comunidade escolar en xeral.

2. Adquisición de material bibliográfico, fonográfico, videográfico e lúdico-didáctico en galego imprescindible para a realización do proxecto.

3. Preparación e elaboración do material necesario para as adaptacións curriculares que posibiliten a integración lingüística daqueles alumnos, caso de que os haxa no centro, ós que se lles concedese a exención na materia de lingua galega.

4. Preparación e realización de prensa escolar en galego e de materiais didácticos relacionados coas materias que se imparten en galego.

5. Materiais e accións para a determinación da lingua de instalación dos alumnos de novo ingreso no centro ó comezo de cada unha das etapas educativas.

6. Materiais e accións necesarias para a avaliación do dominio do galego ó remate de cada unha das etapas educativas.

Artigo 4º

O prazo de presentación das solicitudes rematará o 2 de decembro de 1996.

Artigo 5º

As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador ou director do equipo, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º

1. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador ou director do equipo de normalización lingüística ou de potenciación do galego, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no apartado correspondente do artigo 3º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran no plano de potenciación do uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar previstas no artigo 3º desta orde, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén no ano académico 1995/96. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números de prensa escolar editados.

2. Tanto o proxecto coma as actividades que se realicen para levalo á práctica faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

Artigo 7º

Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector de educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario da delegación provincial, que actuará de secretario.

Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de concesión ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Artigo 8º

Antes do 30 de xuño de 1997, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha memoria das actividades realizadas durante o ano académico 1996/97, para as que se lle concedeu a axuda, e as facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos de material ocasionados pola súa realización por un importe igual ó da axuda concedida. Se a axuda fose destinada para actividades de prensa escolar en galego, cumprirá, ademais, presentar un exemplar de cada xornal realizado.

Artigo 9º

A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto ós que fai referencia o artigo 8 no prazo sinalado poderá ser causa de revogación da axuda concedida e producirá como efecto a non concesión de axuda para o ano académico seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

Artigo 10º

O seguimento e a avaliación dos traballos para os que se lles conceden as axudas ós equipos, e a verificación do cumprimento do establecido no plano xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995.

Artigo 11º

O libramento das dotacións farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, xustificando posteriormente tales libramentos cada unha das delegacións coa documentación especificada no artigo 8º.

Disposición derradeira

1. Facúltase o Director Xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2. Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7894