Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 08 de novembro de 1996 Páx. 10.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de outubro de 1996 pola que se convocan premios extraordinarios de bacharelato para alumnos que rematasen os seus estudios de bacharelato no curso 1995-1996.

A Orde do 23 de outubro de 1991 (BOE do 31 de outubro), pola que se establecen os requisitos e o procedemento para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato, establece no seu apartado décimo primeiro que as comunidades autónomas con plenas competencias en materia educativa poderán convocar premios extraordinarios de bacharelato nos seus ámbitos territoriais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facendo uso das atribucións que ten conferidas,

DISPóN:

Primeiro.-Convócanse os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ó curso 1995-96 de acordo coa Orde do 23 de outubro de 1991.

Segundo.-Poderá concederse en cada provincia da Comunidade Autónoma de Galicia un premio extraordinario por cada 1000 alumnos ou fracción superior a 500 matriculados en terceiro curso de bacharelato unificado polivalente ou no primeiro curso de calquera modalidade do bacharelato experimental, no curso académico inmediatamente anterior a aquel no que se celebren as probas. Nas provincias nas que o número de alumnos matriculados nos cursos indicados sexa inferior a 500 poderá concederse un premio extraordinario.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior teranse en conta os alumnos de centros públicos e privados e os matriculados na modalidade de ensino a distancia.

Terceiro.-Poderán optar ó premio extraordinario de bacharelato os alumnos que obteñan como nota media das cualificacións dos tres cursos de bacharelato unificado e polivalente ou nos tres primeiros cursos do plan experimental da reforma de ensinanzas medias 8,50 puntos ou máis.

Para obte-la nota media teranse en conta tódalas disciplinas dos tres cursos tanto comúns, como optativas, sacando calquera outra que o alumnado cursase voluntariamente; asignaráselles ás cualificacións o seguinte valor numérico:

a) Bacharelato unificado e polivalente:

Suficiente: 5,50 puntos.

Ben: 6,50 puntos.

Notable: 7,50 puntos.

Sobresaliente: 9,00 puntos.

b) Plan experimental da reforma de ensinanzas medias:

Suficiente: 5,50 puntos.

Notable: 7,50 puntos.

Sobresaliente: 9,00 puntos.

Cuarto.-Os alumnos que, reunindo os requisitos, desexen optar ó premio extraordinario, deberán inscribirse no instituto de bacharelato no que se encontre o seu expediente académico no prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.

1. Os alumnos e os secretarios dos centros deberán cubrir respectivamente os modelos de inscrición e de certificación que se inclúen como anexo I e anexo II á presente convocatoria.

2. Rematado o prazo de inscrición, os secretarios dos institutos de bacharelato remitiranlle á Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os modelos de inscrición que estean no seu poder, nun prazo máximo de dez días naturais.

Sexto.-As probas celebraranse o día 22 de xaneiro de 1996, nos locais que determinen as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, debendo comunicárllelo coa suficiente antelación a tódolos centros de bacharelato da provincia.

As probas terán dúas partes:

Na primeira parte os alumnos realizarán:

1. Redacción sobre un tema de carácter xeral, histórico ou literario.

2. Idioma moderno:

-Exercicios de comprensión e expresión partindo dun texto e de situacións da vida cotiá.

-Exercicios para transformar e completar frases.

Na segunda parte:

Os alumnos deberán elixir unha das seguintes opcións e responder ás cuestións propostas:

Opción A: proba de matemáticas.

Opción B: proba de latín.

Opción C: proba de historia de España.

Sétimo.-O tribunal estará constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de Educación funcionarios que exerzan a función inspectora en materia de educación e máis por profesores de ensino secundario de centros de bacharelato especializados nas diversas materias que compoñen a proba, designados pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Oitavo.-Os exercicios serán cualificados de acordo co baremo seguinte:

-Exercicios da primeira parte:

1. De cero a cinco puntos.

2. De cero a cinco puntos.

-Exercicio da segunda parte:

De cero a diez puntos.

A puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Concederáselles premio extraordinario ós alumnos que alcancen 16 puntos ou máis na citada suma ata un número igual ou inferior ó que resulte da aplicación do apartado segundo desta orde. En caso de empate terá preferencia o alumno con mellor expediente académico.

Noveno.-O secretario do tribunal redactará acta por quintuplicado, que será asinada por tódolos compoñentes. O orixinal quedará arquivado na Inspección Central e as copias seranlle remitidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e ós rectorados das universidades da Comunidade Autónoma galega.

Remitirase unha fotocopia certificada da acta ós centros públicos e privados dos que houbese alumnos participantes nas probas e estamparase a oportuna dilixencia nos libros de cualificación dos alumnos premiados.

Décimo.-Os alumnos que obteñan premio extraordinario de bacharelato poderán optar ó Premio Nacional de Bacharelato.

Décimo primeiro.-O presidente do tribunal atenderá as reclamacións que lles formulen os interesados ou os seus representantes legais no prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte á publicación das cualificacións.

Contra a resolución do presidente poderase presentar recurso ordinario perante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7819