Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 07 de novembro de 1996 Páx. 9.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de novembro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada para todo o persoal de institucións Sanitarias do Servicio Galego de Saúde que se levará a efecto os días 7 e 13 de novembro desde as 11 ás 12 horas e desde as 17 ás 18 horas.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta ós conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta a todo o persoal de Institucións Sanitarias do Servicio Galego de Saúde que se levará a efecto os días 7 e 13 de novembro desde as 11 ás 12 horas e desde as 17 ás 18 horas, previa audiencia ó Comité de folga que expresa a súa conformidade,

DISPÓN:

Artigo 1º.

A folga convocada que se levará a efecto os días 7 e 13 de novembro desde as 11 ás 12 horas e desde as 17 ás 18 horas, que afecta a todo o persoal de Institucións Sanitarias do Servicio Galego de Saúde, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das Institución Sanitaria, en evitación de que se produzan graves prexuízos para os usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de determinación destes que se corresponden cos asignados coas centrais sindicais con motivo da folga convocada no mes de maio de 1995. Loxicamente, os mentados criterios e a conseguinte determinación de efectivos para a presente folga atempéranse, en adecuada ponderación, á brevidade de tempo de duración dos paros da folga que nos ocupa.

Os ditos criterios rectores explicítanse do seguinte xeito:

Atención especializada:

* Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que, ó ingresaren, requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Atención ós paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-la atención indefectible dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

V. Unidades especiais:

Coidados críticos: o mesmo que para un domingo ou festivo.

Diálese: o número necesario para garanti-lo coidado dos pacientes afectados.

* Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que, ó ingresar, requiran intervención cirúrxica inaplazable.

-Atención ós paritorios.

II. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-los coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito dos servicios centrais, garantirase, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós pacientes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

IV. Unidades especiais:

Coidados críticos: o mesmo que para un domingo ou festivo.

Diálese: o número necesario para garanti-lo coidado dos pacientes afectados.

* Persoal non sanitario:

I. Áreas de hospitalización: un número de efectivos equivalente ó dos domingos ou festivos.

II. Servicio de admisión: un número equivalente ó dos domingos ou festivos.

III. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, con un mínimo de 1% e ata un máximo do 50% do cadro de persoal.

IV. Atención ó doente: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, con un mínimo de 1% e ata un máximo do 50% do cadro de persoal.

V. Servicios de mantemento: un número equivalente cos de domingos ou festivos.

VI. Servicios de lavandería e lencería: ata o 50% do cadro de persoal.

VII. Limpeza: ata o 50% do cadro de persoal.

VIII. Hostelería: un número mínimo en equivalencia cos domingos ou festivos, ou ben un 60% do cadro de persoal, segundo as necesidades de cada centro.

Coa finalidade de garanti-lo adecuado mantemento do servicio, se servirá, con carácter xeral, un único menú ós doentes que non requiran dieta médica especial.

IX. Conductores: o mesmo número do cadro de persoal de domingos ou festivos, con un mínimo, en todo caso, de un efectivo.

X. Servicios administrativos:

* Direccións-Información e Control de Xestión: unha persoa por cada servicio.

* De persoal: un efectivo.

* De nóminas: un efectivo.

* De subministracións: un efectivo.

* Almacéns: un efectivo.

XI. Outras áreas de traballo ou servicios: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente ós domingos ou festivos.

Atención primaria:

* Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Un facultativo de medicina xeral e un pediatra por centro de traballo.

* Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Un efectivo de cada categoría por centro de traballo.

* Persoal non sanitario:

I. Cita Previa: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, cun mínimo de un por centro de traballo.

II. Atención ó doente: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, cun mínimo de un por centro de traballo.

III. Servicios administrativos:

* Direccións-Información e Control de Xestión: un efectivo.

* De persoal: en efectivo.

Con tales premisas, os directores xerentes das Institucións Sanitarias determinarán, en relación ó persoal delas dependente, o número concreto de servicios mínimos do persoal afectado pola folga, por grupos profesionais, e áreas de traballo.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada tamén polo director-xerente, procedéndose a súa publicación nos taboleiros de anuncios de tódolos centros de traballo.

Artigo 3º.

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real Decreto Lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1996.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

7717