Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 04 de novembro de 1996 Páx. 9.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Eurolimp, S.A. (limpeza no Hospital de Montecelo).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Eurolimp, S.A. (limpeza no hospital de Montecelo), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-7-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 18-7-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto

1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, trinta de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do servicio de limpeza do hospital Montecelo de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afectará a todo o persoal e empresas que presten servicios de limpeza no hospital Montecelo de Pontevedra.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá duración desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997. Os salarios establecidos no presente convenio serán en función dos aumentos que se produzan para o persoal subalterno do Sergas, sendo aplicables ó 1 de xaneiro de 1996.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, mentres non exista novo texto do convenio que o substitúa. Non obstante, a denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución polo novo nos termos que as partes establezan.

Artigo 3º.-Equiparación.

Os traballadores afectados por este convenio colectivo estarán equiparados ó persoal subalterno do Sergas, de tal forma que a partir desta equiparación toda mellora que repercuta no persoal subalterno do hospital Montecelo de Pontevedra aplicarase de igual forma ós traballadores/as afectados por este convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas por anteriores adxudicatarias que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores con respecto ó presente convenio substituirá para aqueles que o veñen desfrutando, pero sen que

poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Salarios.

As retribucións correspondentes ás distintas categorías afectadas por este convenio fíxanse de acordo coas táboas salariais anexas do grupo E do persoal subalterno do Sergas, co que se atopa equiparado, e faranse efectivas o último día de cada mes.

No caso de que se produza revisión salarial para o citado persoal do Sergas, a dita revisión será aplicada ós afectados por este convenio na mesma cuantía.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade retribuirase cos mesmos criterios e contía que teñen establecidos no Sergas para o persoal do grupo E, categoría pinche-limpadora.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as mesmas gratificacións extraordinarias que o persoal subalterno do hospital Montecelo, segundo os niveis que corresponda, con independencia de que o traballador estea de baixa.

Artigo 8º.-Complemento de destino.

Tódolos traballadores percibirán por este concepto a mesma cantidade que perciban os traballadores do hospital Montecelo, con categoría de persoal do grupo E.

Artigo 9º.-Complemento de productividade (factor fixo).

Tódolos traballadores percibirán por este concepto as mesmas cantidades que perciben os traballadores do hospital Montecelo, coa categoría de persoal do grupo E.

Artigo 10º.-Plus de perigosidade, e especial dedicación (P.R.D.) e P.R.D. por quendas.

Percibiranse as mesmas cantidades que perciban os traballadores/as do hospital Montecelo coa categoría do persoal do grupo E.

Artigo 11º.-Plus de nocturnidade.

Percibirase por este concepto o dito plus nas mesmas condicións que o fai o persoal subalterno do Sergas que realiza xornada nocturna.

Artigo 12º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, computándose como tal os 30 minutos de descanso da xornada, respectaranse as melloras existentes que supoñan mellora da xornada pactada.

Artigo 13º.-Traballo en domingos e festivos.

As condicións de traballo nos ditos días será na mesma forma e condicións económicas e organizativas que o fai o persoal subalterno do Sergas, do hospital Montecelo de Pontevedra.

Así mesmo, de producirse calquera mellora neste aspecto para o persoal do Sergas, os traballadores afectados por este convenio desfrutarán delas.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Con carácter xeral queda prohibida a práctica ou realización de horas extraordinarias, e no caso de emerxencia e/ou forza maior aboaranse as mesmas de acordo co disposto na Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 15º.-Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 17 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que convivan co traballador, 2 días naturais.

c) Parto de esposa, 5 días laborais.

d) Morte ou enfermidade grave: do cónxuxe, 5 días laborais. Do pai/nai e fillo/a, 3 días laborais. Irmáns e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días laborais. Se o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais.

O mesmo ocorrería se o casamento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producira fóra da praza.

e) Morte do tío/a, 2 días naturais. Se houbera convivencia entre o traballador/a e o falecido/a, a licencia sería de 3 días naturais.

f) Traslado de domicilio, 2 días laborais.

g) O tempo necesario para asistir ó médico especialista de Seguridade Social.

h) Nos casos de licencias referidas a esposo/a o cónxuxe, igualmente se referirá a compañeiro/a, sempre que se acredite a convivencia mediante certificación oficial.

As mesmas traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de ata cinco días de licencias e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Artigo 16º.-Excedencias.

Todo traballador/a fixo cunha antigüidade polo menos de dous anos na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior de cinco anos.

O traballador/a excedente cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo dos 6 meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso o traballador deberalle comunicar ó empresario a súa intención de voltar á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o traballador fixera uso do seu dereito xa non poderá voltar á empresa ata esgota-lo período total de excedencia solicitada.

Artigo 17º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lle cambie o posto de traballo e outro máis acordo co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de 16 semanas, con efectos e condicións previstas segundo a nova redacción da Lei 3/1989, de BOE 8 de marzo.

Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata ó 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 18º.-Centro médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a unha revisión médica a cargo da empresa cada ano; e terán tamén dereito a un recoñecemento xinecolóxico.

Artigo 19º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que ir ó médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera o traballador tivera o seu consultorio en localidades distinta daquela na que prestan os seus servicios os traballadores, estes disporán do tempo necesario.

O/A traballador/a que teña que ir ó consultorio médico estará obrigado a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario, logo da presentación do volante do médico de cabeceira.

Así mesmo terán dereito a 3 horas retribuídas para asistir a consultorio médico con fillos/as menores de 12 anos ou diminuídos/as, cun máximo de tres veces por mes, sempre que o horario coincida co horario laboral do mesmo ou do seu cónxuxe compañeiro/a.

Artigo 20º.-Roupas de traballo.

Proverase a tódolos/as traballadores/as de roupa de traballo adecuada para traballar en lugares radioactivos ou infecciosos, concederase a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo, fundas

para o persoal masculino e batas para o feminino, cada seis meses, guantes cada dez días, e zocos cada seis meses.

As batas poderán substituírse, de mutuo acordo para todo o persoal de centro de traballo, por chaquetas curtas e pantalóns (pixama completo), referíndose exclusivamente a centros hospitalarios e clínicos.

Artigo 21º.-Complemento por baixa de accidente ou enfermidade.

A empresa estará obrigada a cumprimentar ata o 100% do salario e tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade, desde o primeiro día.

Artigo 22º.-Xubilación.

Os/As traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse a modalidades de xubilación determinada no RD Lei 14/1981, do 20 de agosto e RD 1194/1985, quedando obrigadas as empresas a contratar simultaneamente no canto do xubilado/a a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego tal e como dispoñen as normas citadas.

Artigo 23º.-Adscrición de persoal.

Ó remate da concesión da contrata da limpeza os traballadores/as da empresa contratista que prestou servicios no hospital Montecelo de Pontevedra pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria verbo dos traballadores/as, calquera que sexa a situación na que se encontran e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles/as traballadores/as que foran incorporados/as dentro dos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou a unha esixencia expresa do cliente.

Artigo 24º.-Medidas de fomento de emprego e da contratación laboral. Cadros de persoal.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias de producción será de 12 meses nun período de 18. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio e aínda non esgotaran a súa duración máxima.

Todo o persoal que cubra baixas por enfermidade ou vacacións e non teña praza no cadro de persoal, terá preferencia para incorporarse á mesma para efectos de substitucións por enfermidade, vacacións, por orde de antigüidade.

Artigo 25º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregar ós/ás traballadores/as fotocopia da alta dos mesmos/as na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Igualmente, a empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización nun taboleiro de anuncios nas oficinas da empresa.

Artigo 26º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas a desfrutar entre os meses de xullo a agosto, ademais terán dereito a outros nove días que desfrutarán de acordo coa dirección da empresa, sempre tendo en conta a xornada real de cada traballador/a, sendo de seis días para os de menos xornada real.

A empresa, de acordo co comité elaborará as quendas correspondentes seguindo cada ano unha orde rotatoria de preferencia. Os/As traballadores/as que no momento de desfruta-las vacacións estean en situación de baixa por accidente ou ILT, terán dereito ó desfrute das mesmas inmediatamente ou ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

O aboamento das vacacións será de acordo coas retribucións que por este concepto perciba o persoal subalterno do Sergas.

Artigo 27º.-Garantías de cargos sindicais.

a) En todo o relacionado con este tema rexerá o disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que, cando un representante legal, deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicalo á mesma o día anterior, salvo situacións excepcionais que se xustificarán posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

b) As horas sindicais poderán acumularse nun ou varios dos distintos membros do comité de empresa.

O sindicato que teña a maioría no comité de empresa terá dereito a constitución dunha sección sindical de empresa, e polo tanto a designación dun delegado de sección sindical que terá os mesmos dereitos e garantías que os membros do comité de empresa.

A empresa descontará a cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización deles.

Artigo 28º.-Asembleas.

Os/As traballadores/as da empresa terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes, e por tempo máximo de dúas horas, durante a xornada, debendo comunicar á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, nas que bastará con avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 29º.-Xubilación anticipada.

Os/As traballadores/as que opten pola legalmente establecida xubilación anticipada percibirán no momento de ser efectiva a dita xubilación, unha mensualidade, exactamente igual que si estiveran en activo, por ano completo que lle falte para cumpri-los 64 anos.

O importe resultante incrementarase nun 10% no caso de que o traballador leve prestado para a empresa máis de 10 anos de servicio, nun 20% se este tempo supera os 12 anos e nun 30% se supera os 15 anos.

Artigo 30º.-Formación do persoal.

De cara a facilita-la formación dos/as traballadores/as, crearase un crédito de dúas horas ó ano por traballador. Estas horas poderán ser cedidas ós representantes sindicais.

Artigo 31º.-Comité de seguridade e saúde.

Crearase un comité paritario de seguridade e saúde, que se reunirá como mínimo unha vez cada trimestre ou cando unha das partes o solicite.

En todo o non previsto neste artigo, será de aplicación a Lei 31/1995, de riscos laborais.

Artigo 32º.-Plus de penosidade.

Percibirase un plus de penosidade dunha contía de 10.000 (dez mil) pesetas/mes para tódolos traballadores/as que teñan que utilizar na súa función máquinas pulidoras, abrillantadoras, etc., así como que esta función sexa o traslado de lixo ó exterior ou traballos de limpeza altos polos que teñan que utilizar escalas de máis de cinco pasos.

O/A traballador/as que por causa dunha substitución ou similar tivera que realiza-los traballos anteriormente descritos máis de 5 días laborais seguidos ó mes, empezará a cobra-lo mencionado plus. Este plus percibirao nas mesmas condicións o encargado xeral.

Artigo 33º.-Seguro de accidentes.

A empresa afectada por este convenio subscribirá pólizas de seguro colectivo en favor de tódolos/as traballadores/as que teñan máis de media xornada, realicen tarefas dun certo risco ou se dediquen de xeito habitual á limpeza de cristais a alturas superiores a 1,80 metros.

O resto de traballadores/as tamén estarán incluídos na mencionada póliza, se ben, neste caso os capitais asegurados que se indican, reduciranse á metade.

O dito seguro cubrirá, con carácter xeral, as seguintes garantías mínimas:

-Morte ou invalidez total: 1.500.000 pesetas.

-Invalidez absoluta ou grande invalidez: 2.000.000 de pesetas.

As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itinere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas ós/ás traballadores/as en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 34º.-Comisión de vixilancia.

O control sobre o cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral de cantas cuestións se deriven da aplicación do mesmo, exercerase polo comité de empresa, asesorado nesta laboura polos demais asinantes sinalados no artigo anterior.

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria de interpretación deste convenio estará composta polos representantes dos traballadores/as que subscriben este convenio, que son: a empresa, o comité e as centrais sindicais.

Artigo 36º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son:

En representación dos/as traballadores/as:

Alfonso Ferrín Vales.

Isabel Sueiro Cadavid.

Rosario Peso Andre.

Encarnación Filgueira Villaverde.

Carmen Estévez García.

En representación da central sindical CC.OO.:

Carmen Segurana Bedrina.

Carmen Reboredo Salgueiro.

En representación da central sindical CIG:

Manuel Curras Meira.

En representación da empresa:

Pedro Colinas Rodríguez.

Cláusula adicional.

Adecuación ó convenio sen prexuízo salarial para os/as traballadores/as. As actas e convenio faranse en galego, de acordo coa Lei de normalización lingüística de Galicia, sempre e cando a parte social se comprometa á súa redacción e elaboración.

Todo aquilo que non fora pactado neste convenio e que afecte ás relacións laborais e económicas, estará no disposto no Estatuto dos traballadores e na ordenanza, e no caso de que esta desapareza, os artigos que non estean neste convenio, pasarán a formar parte dos mesmos.

Así mesmo queda incluído neste convenio o artigo 23 e 33 do convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais de Pontevedra.

TÁBOAS SALARIAIS ANO 1996

CategoríasSal. base

mes

Comp.

Dest.

Comp.

Esp.

Comp.

Prod.

Encargado xeral129.03851.93621.274
Encargado edificio 71.80230.71421.046
Limpador/a 71.80230.71411.746
Especialista 71.80230.71411.746
Peón especialista 71.80230.71411.746
Cond. limpador 71.80230.71411.746
Peón 71.80230.71411.746

CategoríasComp.

P.R.D.

P.P.A.D.V.Plus por

quendas

Encargado xeral7.6414335.175
Encargado edificio5.4584332.588
Limpador/a5.4584332.588
Especialista5.4584332.588

CategoríasComp.

P.R.D.

P.P.A.D.V.Plus por

quendas

Peón especialista5.4584332.588
Cond. limpador5.4584332.588
Peón5.4584332.588

6398