Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 04 de novembro de 1996 Páx. 9.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 7 de outubro de 1996 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Vicente Risco.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Vicente Risco, con domicilio en Allariz (Ourense), rúa San Lourenzo, 4.

Supostos de feito:

Primeiro.-José María Castro Erroteta, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 19 de xuño de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública, outorgada en Allariz (Ourense) o día 12 de abril de 1995, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Emilio Carballo Rodríguez, co número cento cincuenta do seu protocolo, por Anxo Manoel Quintana González, Antonio Blanco Rodriguez y José María de Castro Erroteta. O 4 de outubro de 1995, outórgase escritura de rectificación por omisión por Antonio Blanco Rodríguez como membro-vocal, en nome e representación Fundación Vicente Risco.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como cultural da fundación Vicente Risco, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adcrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comsiión de Secretarios Xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 23 de xullo de 1996 (DOG do 12 de agosto)clasificouse como cultura a Fundación Vicente Risco, tendo en conata o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos a fundación ten por obxecto e finalidade:

a) A conservación da biblioteca, manuscritos, notas, debuxos de Vicente Risco, así como dos seus obxectos personais e de obras artísticas que lle pertenceron, todo o cal se reunirá na casa de Allariz.

b) O estudio e difusión da obra de Vicente Risco.

c) A organización de grupos de traballo que estudien temas que foron particularmente caros a Vicente Risco, verbigracia: as literaturas fantásticas, as vangardas artísticas e literarias, a estética comparada, diferentes aspectos da literatura galega e o estuido da teoría do nacionalismo galego.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Vicente Risco, capacidade xurídica, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación regúlase no artigo 10 dos seus estatutos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacion para ins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Vicente Risco, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcions que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da ei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Vicente Risco.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga delles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestacio dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memora anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

9606082