Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 10 de outubro de 1996 Páx. 9.006

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 1996 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal do monte Lombo do Medio, no concello de Ourol (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, de 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 14 de marzo de 1996, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación forestal do monte Lombo do Medio, no térmo municipal de Ourol (Lugo), promovido por Celulosas de Asturias, S.A. (Ceasa).

O Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas plantacións co xénero eucaliptos, establece no seu artigo 2, punto 2 a elaboración dun estudio de avaliación de impacto ambiental para as plantacións superiores ás 50 ha, segundo o Real decreto lexislativo 1302/1986, lexislación básica estatal, incorporada ó marco lexislativo autonómico mediante o Decreto 442/1990.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establece a obriga de formular unha declaración de impacto ambiental con carácter previo á resolución administrativa que deberá adopta órgano substantivo.

O 27 de xullo de 1994 tivo entrada na Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente a documentación relativa ó estudio de impacto ambiental e ó proxecto de repoboación forestal, na que se solicitaba á Comisión Galega de Medio Ambiente que determinase o oportuno.

De acordo co artigo 6 del Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, solicitou as consultas pertinentes a organismos, institucións e administracións sobre o impacto ambiental previsible para o proxecto referido. Así mesmo, en cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2, a mesma Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural someteu o EIA ó trámite de información pública durante 30 días hábiles, o 19 de xullo de 1995 (DOG nº 138), non constando que no dito período se presentasen alegacións.

A relación de consultados e o resumo dos informes inclúese no anexo I adxunto ó presente acordo.

O anexo II detalla os aspectos esenciais do proxecto.

No anexo III enuméranse as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

No anexo IV consta un resumo do plan de vixilancia ambiental.

Cumprida a tramitación, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto de repoboación forestal do monte Lombo do Medio, sito na parroquia de San Pantaleón, no concello de Ourol (Lugo), promovido por Ceasa, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Agricultura, Gandería Montes da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental a Comisión Galega de Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola pre

sente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental para que a realización das obras proxectadas poida considerarse ambientalmente viable.

Primeira.-Protección do chan.

Tomaranse as seguintes precaucións:

Antes de inicia-la repoboación con especies de Eucalytus globulus o Eucalyptus nitens, realizaranse as obras de infraestructura correspondentes ás pistas, de vasas e balsas de auga.

Para evita-la alteración do perfil do chan e, na medida do posible, os arrastres á rede fluvial, suprimiranse os aterrazamentos propostos no proxecto, podendo ser unha alternativa a estes o método do subsolado.

Segunda.-Protección da fauna e a vexetación.

Poñeranse en práctica as seguintes medidas:

Respectaranse os bosquetes de arboedo autóctono existentes e as zonas de matogueira como lugares de refuxio e nidificación da fauna.

O herbicida que se empregará será de cualificación AAA para a fauna e de persistencia inferior a unha semana.

Terceira.-Protección das augas.

Adoptaranse as seguintes medidas:

Para a captación de auga do Rego Mosqueiro, o promotor deberá posuí-lo permiso correspondente do organismo de conca, segundo o establecido na Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico.

Reducirase ó mínimo o volume de auga á entrada da balsa, proxectada para abastece-la explotación en caso de incendio.

Cuarta.-Protección da paisaxe.

Levarase unha actuación planificada no tempo de xeito que se difumine o impacto; para isto elaborarase un plan de actuacións dividido en dúas fases: no primeiro ano exceptuarase das actuacións un 10% da matogueira (en coroas dispersas de 1/2 hectárea); no seguinte ano, xunto cas labores de reposición de marras, efectuarase a repoboación dos coroas de matogueira. Ademais, a plantación de frondosas farase por bosquetes eliminando as aliñacións sen entidade, tendo as plantacións do borde da masa un largo medio de 30 m. Os bordos perimetrais da explotación difuminaranse facendo devasas desta masa vexetal.

As balsas de auga e gabias realizaranse con materiais acordes coa paisaxe, recubrindo de vexetación tanto a balsa como a canle para enmascara-lo seu impacto.

Quinta.-Documentación complementaria.

O plan de actuacións ó que se refire o apartado cuarto da declaración presentarase ante o órgano substantivo no prazo máximo de tres meses, a contalos desde a comunicación ó promotor da presente declaración e será remitido, xunto cun informe, á Comisión Galega de Medio Ambiente para a súa aprobación.

Sexta.-Medidas de control e vixilancia ambiental.

O promotor remitirá ó órgano substantivo un informe e unha reportaxe gráfica das obras de infraestructura realizadas.

O órgano substantivo realizará unha inspección de repoboación efectuada no primeiro ano, de acordo coas características do proxecto. Así mesmo, o promotor remitiralle ó órgano substantivo un informe sobre os labores forestais realizados na zona, ós cinco anos de inicia-la repoboación. A devandita inspección así como o informe correspondente realizaranse dúas veces nos dous anos de repoboación.

O órgano substantivo, pola súa vez, remitirá un informe á Comisión Galega de Medio Ambiente acerca dos resultados das devanditas inspeccións xunto cun informe técnico anual no que se reflicta o progreso da repoboación.

Sétima.-Condicións adicionais.

As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental son de obrigado cumprimento para o promotor; sen embargo, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión daquelas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que, tecnoloxicamente, presentaran graves deficiencias para a súa implantación ou implicaran modificacións importantes na actividade e sempre e cando as novas medidas propostas permitan logra-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración. Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo, á Comisión Galega de Medio Ambiente achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas comunicando o acordo adoitado á empresa promotora.

A presente declaración refírese, en exclusiva, á actividade definida no proxecto de referencia. Para outras accións precisaríase unha nova declaración.

O presente acordo adoptado por esta comisión non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a repoboación, nin cumpri-las medidas ambientais impostas por outros departamentos da Administración, sempre que sexan máis restrictivas cás contidas nesta declaración.

O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

O órgano substantivo asumirá a responsabilidade de vixia-lo cumprimento da DIA segundo o establecido no artigo 7 do Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes no caso de observar anomalías.

ANEXO I

Resultado das consultas realizadas.

1. Relación de entidades u organismos consultados:

Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Dirección Xeral de Saúde Pública.

2. Resumo dos escritos de contestación:

2.1. A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo indica que o método de repoboación empregado (aterrazamentos, subsolados lineais e rozas de matogueira) inclúe notables modificacións do terreo, o que dá lugar a un elevado risco de erosión. Ademais, evita-la repoboación continua manténdoa no seu estado actual e ampliando as áreas naturais ocupadas por vexetación de ribeira, conservar pequenos enclaves de vexetación de queirogal, repoboa-las áreas esixidas con outras especies e seleccionar determinadas zonas de fácil visibilidade para diversifica-la vexetación implantada, favorece unha maior estabilidade do sistema natural e a vida silvestre, o que, pola súa vez, se traduce nunha mellora da calidade paisaxística.

2.2. A Dirección Xeral de Montes e M.A.N. suxiren a adopción de diferentes medidas correctoras do impacto que se producira pola actividade. Entre as devanditas medidas correctoras propostas cabe subliñar:

-Realiza-las obras de infraestructura antes de inicia-la repoboación.

-Respecta-lo 10% dos bosquetes de arboredo autóctono e zonas de matogueira.

-Empregar un herbicida de cualificación AAA para a fauna e de persistencia menor dunha semana.

-Respecto ó caudal da auga do regato reducindo o volume de auga de entrada na balsa.

-Plantar frondosas por bosquetes eliminando as aliñacións sen entidade.

2.3. A Dirección Xeral de Saúde Pública, emite informe favorable.

ANEXO II

A repoboación proxectada consiste na implantación dunha cuberta vexetal de Eucalyptus globulus(47,2 ha) e de Eucalyptus nitens (16,7 ha) con fins productivos (fabricación de pasta de papel) e especies autóctonas frondosas (Ilex, Betula castanea e Quercus) nunha superficie de 7,1 ha., como masa protectora de ribeira. Está situada no monte Lombo do Medio, na parroquia de San Pantaleón, concello de Ourol (Lugo). Algúns aspectos da repoboación están incluídos en varios proxectos da universidade (Proxecto Acebo- Universidade de Oviedo e Xestión de Materia Orgánica- Escola de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo) e da U.E. (BIOGENIE -Eureka E-721).

Ademais das accións encamiñadas á repoboación propiamente dita, abriranse pistas que permitan o acceso ó monte e ampliaranse as xa existentes suprimindo as que se consideren inútiles. Tamén se construirá un devasas perimetral e un depósito de auga.

Nas tarefas de repoboación empezarase por limpa-lo terreo, o que, en función da pedregosidade e a pendente, se fará con bulldozer, roza ó aire ou sistemas mixtos, empregándose ademais glifosfato, que dificultará que agrome a da matogueira máis persistente. Seguidamente prepararase o terreo facéndo un subsolado e as zonas onde a pendente non o permita faranse terrazas. A repoboación propiamente dita farase a man e fertilizarase con estrume complexo en cantidades entre os 100 y 150 g por planta.

ANEXO III

Medidas Correctoras e Protectoras propostas no EIA

Deseño do proxecto

* Implantación de frondosas en valgadas e bosquetes de acivro, para palia-los efectos derivados da eliminación de vexetación natural do monte e a súa substitución por especies exóticas.

* Nas operacións de limpeza e roce coidarase de arrastra-la menor cantidade de terra vexetal posible, así como de deixa-la vexetación rozada sobre o terreo co obxecto de manter unha protección sobre o chan.

* Na realización do subsolado en máxima pendente levantarase o ripper polo menos cada 30 m para evitar a continuación do subsolado e os efectos da erosión. Nas zonas chas da parte superior, o subsolador realizarase segundo as curvas de nivel.

Na época de maior perigosidade, desde o punto de vista dos incendios, a colaboración de Ceasa cos organismos e a Administración competente será máxima.

Realizaranse estudios que permitan dispoñer de datos sobre os efectos das repoboacións e das diversas operacións que implican sobre os diferentes factores medioambientais, neste sentido se desenvol

veranse estudios de biodiversidade e xestión da materia orgánica en colaboración coa Universidade de Oviedo e coa Escola de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo.

Santiago, 17 de setembro de 1996.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural

7028