Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 07 de outubro de 1996 Páx. 8.893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 19 de setembro de 1996 pola que se recoñece a denominación específica «Pataca de Galicia», e se nomea o seu consello regulador provisional.

Por Orde do 5 de abril de 1989 recoñécese a denominación «Producto Galego de Calidade para a Pataca de Galicia».

A actual evolución da producción de pataca na área xeográfica da mencionada denominación, o grao de organización acadado polo sector nas zonas de Bergantiños, Vilalba e A Limia, xunto coa mellora na presentación e comercialización dun producto tan tradicional e básico na economía de Galicia, fan aconsellable un empuxe adicional que conduza á apertura de novas vías de comercialización e a asegurar unha presencia nos mercados nacionais cada vez maior, para a «Pataca de Galicia» con indicativo de calidade.

En consecuencia, por petición do sector interesado, e de conformidade co artigo 30.1º 3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Recoñécese a denominación específica «Pataca de Galicia», para as patacas de consumo producidas e envasadas na Comunidade Autónoma de Galicia na maneira e condicións que determine o seu regulamento particular.

Artigo 2º

Noméase un consello regulador, con carácter provisional, que, por proposta dos sectores interesados queda formado polos membros seguintes:

* Presidente: Julio Gómez Fernández.

* Vocais:

-Polo sector productor:

Luciano Pereira Pombo.

Ramón Pérez Vérez.

Ramiro Geada Otero.

Ángel González Domínguez.

Miguel Fernández Grande.

Manuel Cid Quintas.

-Polo sector envasador:

Manuel Prado Airas.

Fidel Javier Gil Puente.

Manuel Fernández Braña.

José Luís Conde Bugueiros.

José Enríquez Rodríguez.

José Domingo Rivero Salgado.

Artigo 3º

Encoméndaselle ó consello regulador provisional a redacción do regulamento particular da denominación específica «Pataca de Galicia», que elevará á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación.

Artigo 4º

O consello regulador provisional elaborará os censos de productores e de envasadores de pataca que se atopen interesados en adscribirse a esta denominación, integrando pola súa vez nos novos rexistros ós inscritos ata a actualidade na denominación «Producto Galego de Calidade Pataca de Galicia».

Artigo 5º

A indicación «Denominación Específica Pataca de Galicia» non poderá ser mencionada nas etiquetas, documentación e publicidade destas patacas de consumo ata que o seu regulamento sexa aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Disposición transitoria

Única.-Durante a fase provisional de funcionamento da denominación específica «Pataca de Galicia», os inscritos nos rexistros do Producto Galego de Calidade Pataca de Galicia poderán seguir utilizando os nomes e símbolos da mencionada denominación nas condicións que sinala o seu regulamento. A súa ordenación substantiva adecuarase ás obrigas das ordes do 5 de abril de 1989, e do 19 de setembro de 1989, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes mentres non sexan substituídas definitivamente, unha vez que se elabore e aprobe o Regulamento da denominación específica «Pataca de Galicia».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1926