Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 04 de outubro de 1996 Páx. 8.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Servimgal, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-6-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 30-5-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de xuño de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Convenio colectivo para a empresa Servimgal

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes contratantes.

O presente convenio colectivo foi negociado e subscrito pola empresa Servimgal e os seus delegados de persoal co ámbito territorial e persoal que máis abaixo se indica.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do convenio é o do centro de traballo da empresa Servimgal, existente na actualidade na provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal de lavandería pertencente ó cadro de persoal da empresa, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o día do seu asinamento sen prexuízo do cal as condicións económicas serán aplicadas a partir do 1 de maio de 1996.

Terá unha vixencia dun ano que expirará o 31 de decembro de 1996.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio quedará automaticamente denunciado dous meses antes do seu vencemento. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio colectivo establécense con carácter de mínimas.

Tódalas melloras que se implanten por normas legais ou outras, serán compensables e absorbibles ata onde alcancen, cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que en cómputo anual a suma das condicións do convenio sexan máis beneficiosas.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

De acordo coa lexislación vixente, crearase unha comisión paritaria para a interpretación do convenido, composta por tres membros da representación dos traballadores e tres da empresa.

A propia comisión establecerá as normas de funcionamento.

Persoal

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de febreiro de cada ano un rexistro do persoal ó seu servicio ordenado polo seu número e facendo consta-los seguintes datos: nome e número do traballador, categoría laboral e a súa antigüidade nela, profesión ou oficio e servicio no que traballa.

Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores o 1 de xaneiro de cada ano de publicación no rexistro.

Artigo 9º.-Categorías.

-Técnico/a grao medio electrónico.

-Encargado/a.

-Xefe/a de equipo.

-Oficial administrativo/a.

-Auxiliar administrativo/a.

-Oficial 1ª lavandería.

-Oficial 2ª lavandería ou ofical 2ª conductor/a.

-Especialista oficial 3ª ou axudante lavandería e sereno.

-Peón mozo de reparto.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

A empresa na caso de necesidade xustificada pode encomendar tarefas correspondentes a categoría inferior a aquela pola que está contratado o traballador, limitándoa temporalmente, neste caso o traballador recibirá a retribución correspondente á categoría pola que está contratado. En todo caso a empresa non poderá encomenda-la realización das tarefas descritas por un prazo superior ó necesario.

Se se lle encomendase ó traballador o desempeño de funcións correspondentes a categorías superiores, percibirá o salario correspondente á categoría na cal realice as súas funcións. Trancorridos seis meses desde que comezou o desempeño de tales funcións consolidarase o ascenso para tódolos efectos.

Artigo 11º.-Formación.

Constituirase unha comisión de formación, composta por un delegado do persoal e un membro da dirección.

Facer un estudio de necesidades. Os delegados deberá realizar un informe anual do estudio de necesidades da empresa, co fin de detectar que formación se necesita e que tipo de curso se debe realizar.

Unha vez detectadas as necesidades e definidos os cursos que se deberan impartir, elaborarase un informe determinando o nivel de prioridades deles e por grupo de necesidade.

Os delegados deberán elabora-los programas dos cursos, xunto coa empresa.

Artigo 12º.-Ascensos.

Tódalas vacantes que se produzan na empresa cubriranse en primeiro lugar mediante o sistema de ascensos, por consenso cos criterios que se marquen.

Os delegados de persoal deberán participar no concurso para cubri-las vacantes por ascensos.

Artigo 13º.-Persoal de novo ingreso (período de proba).

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, debendo quedar no seu poder unha copia del.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

-Persoal técnico: 4 meses.

-Persoal administrativo e de recibo e entrega: 30 días.

-Persoal subalterno: 15 días.

-Persoal restante: 15 días.

Artigo 14º.-Contratación de novo persoal e medidas de fomento de emprego.

A empresa comunicará ós representantes dos traballadores, con suficiente antelación, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou fixo.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción serán de 12 meses nun período de 15 meses. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio e aínda non esgotasen a súa duración máxima.

Réxime de traballo

Artigo 15º.-Xornada.

Establécese que a xornada será a mesma en día laborables e horas efectivas de traballo en cómputo anual para todo o persoal.

O número de horas efectivas de traballo en cómputo anual será de 1.820 horas.

Sempre que se poida realizarase a xornada continua. Esta non poderá exceder de 8 horas diarias.

En caso de xornada continua terase dereito a un descanso para bocadillo de 20 minutos, que serán contabilizados como xornada efectiva.

A xornada de traballo estará abranguida entre luns e sábado e con tres quendas rotativas. O cadro horario confeccionarase nos primeiros días de xaneiro, coa conformidade dos delegados dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá, terá unha retribución específica incrementada nun 30 por 100 sobre o salario base de cada traballador e percibirase sobre as horas efectivas traballadas.

Para cubri-las necesidades da quenda de noite recorrerase preferentemente a persoal voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións será dun mes natural.

O calendario onde consten as vacacións do persoal laboral fixarase antes do 31 de xaneiro, elaborándose de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

As vacacións desfrutaranse preferentemente no período abranguido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

Os traballadores que desfruten as súas vacacións por necesidade da empresa nun mes distinto dos abranguidos no período descrito terán dereito a unha

bolsa de vacacións, cun importe mínimo que se fixa en 10.000 pesetas.

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, incluída prima media mensual para o persoal horario, polo tempo e os motivos seguintes:

Casamento: 15 días naturais.

Nacemento fillo ou adopción legal: 3 días laborables que se poderán desfrutar dentro dos sete días seguintes ó parto. No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km serán 4 días.

Falecemento:

-De pais, fillos ou cónxuxe do traballador: 3 días naturais.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 3 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

Se existe necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km corresponderán 2 días naturais máis.

Para efectos de cómputo dos días de permiso por falecemento considerarase o seguinte:

-Computarase como de permiso o día de falecemento se este se producise antes de transcorrida a metade da xornada laborable do traballador.

-Se o falecemento se produce en día non laborable para o traballador, computarase como día de permiso no caso de que o falecemento tivese lugar antes das 12 horas.

Enfermidade grave:

-De pais, fillos e cónxuxe do traballador: 3 días naturais. En caso de necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km corresponderá un día máis.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 2 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

Neste dous últimos casos se existe necesidade de desprazamento a distancia superior a 50 km corresponderán dous días naturais máis.

A referencia a cónxuxe nos permisos antes citados, faise extensiva á persoa que conviva maritalmente co traballador que acredite a súa situación de convivencia mediante certificado do concello, libro de familia ou documento substitutorio.

Casamento:

-De pais, fillos, irmáns e netos: 1 día natural.

Traslado de domicilio: 1 día natural.

Cumprimento de deber público: polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable

de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

Exames:

-Os traballadores matriculados en centros oficiais ou recoñecidos polo MEC, que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional, a teor da Lei xeral de educación, terán dereito ós permisos necesarios para concorrer ós exames correspondentes.

Asuntos propios: 1 día natural ó ano.

Artigo 19º.-Excedencias.

1. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia coa conservación do posto de traballo por un prazo non menor de un ano e non maior de tres. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se trancorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

2. Para cursar estudios por tempo superior a un ano e inferior a cinco anos. Este período só poderá ser desfrutado outra vez polo traballador, se trancorreron catro anos desde o final doutra excedencia xa sexa voluntaria ou especial.

3. Cando concorran circunstancias de enfermidade grave de longa duración ou defunción do cónxuxe ou familiares abranguidos no 1º grao de consanguinidade e se acredita a necesidade de atender persoalmente as consecuencias derivadas daquelas situacións.

Esta excedencia non será inferior a tres meses nin superior a un ano.

4. Cando o cónxuxe sexa trasladado por razóns laborais a un centro de traballo fóra da súa provincia onde o traballador preste os seus servicios. Esta excedencia non poderá ser inferior a seis meses nin superior a dous anos.

5. Cando opten por seguir un tratamento baixo vixilancia médica por razóns da alcoholemia ou toxicomanía. Esta excedencia non poderá ser superior a un ano e só poderá solicitarse unha vez. Para reintegrarse deberá acreditarse o rigoroso seguimento do tratamento.

As excedencias citadas non computarán ningunha antigüidade.

A comunicación para reintegrarse á empresa deberá formularse por escrito e cun mes de antelación á data do remate da excedencia.

Artigo 20º.-Excedencia para o coidado dos fillos.

Os traballadores fixos con polo menos un ano de antigüidade terán dereito a solicitar unha excedencia especial, con reserva do posto de traballo, para o coidado persoal e directo dos fillos menores de catro anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. A dita situación de excedencia non poderá exceder de tres anos.

Artigo 21º.-Servicio militar ou prestación social.

O traballador que pase a presta-lo servicio militar activo terá dereito á reserva do seu posto de traballo, comunicándolle este á empresa nos dous meses anteriores a súa intención de reincorporarse ó traballo.

Rexime de retribucións

Artigo 22º.-Retribucións.

As retribucións entenderanse sobre xornada completa, realizándose o aboamento por meses dentro dos tres primeiros días do mes seguinte como máximo.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do traballo realizado e ata o 90% da retribución devengada.

Dentro do salario, para efectos de definición, distinguiranse os seguintes conceptos remunerativos:

a) Soldo base: cantidade mínima diaria garantida ó traballador que efectúe o seu traballo co rendemento normal segundo queda definido no presente convenio.

b) Soldo: cantidade mínima mensual garantida ó traballador que preste o seu traballo polo rendemento normal, segundo queda definido no presente convenio.

c) Xornal: importe total das retribucións que por calquera concepto perciba o traballador.

Ver táboa anexa.

Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán dúas gratificacións extraordinarias, que se aboarán nos meses de xullo e decembro, con anterioridade ó día 15 de cada un deles. O importe de cada unha das pagas será dunha mensualidade de salario base convenio, aplicando o que corresponda a cada un dos niveis, mailo importe dunha mensualidade do plus de antigüidade.

Artigo 24º.-Complementos e pluses.

Antigüidade: todo o persoal afectado por este convenio percibirá un premio por antigüidade polo importe de 4% do seu salario base por cada trienio cumprido.

Transporte: fíxase un plus de transporte na contía de 6.000 pesetas, que será igual para tódalas categorías e aboarase nas doce mensualidades.

Artigo 25º.-Horas extraordinarias.

O pagamento da hora extraordinaria normal será de 560 ptas., nocturnas 750 ptas., festivos 1.000 ptas.

Os representantes dos traballadores recibirán periodicamente información do número de horas realizadas por traballador e por departamento.

Artigo 26º.-Acoplamento do persoal con capacidade diminuída.

O persoal que por deficiencias das súas condicións físicas ou por outras circunstancias non estea en situación de dar rendemento normal na súa categoría, pasará a outro traballo e respectaráselle o salario que tivese acreditado antes de pasar á dita situación.

Artigo 27º.-Incapacidade transitoria por accidente de traballo.

Nos períodos de baixa por accidente de traballo, o traballador terá dereito a que a empresa complete ó seu cargo exclusivo as prestacións da Seguridade Social, de forma que o traballador perciba durante os días de baixa o 100% do salario real, tanto se o traballador é substituído como se non o é.

Melloras sociais

Artigo 28º.-Seguros.

Contratarase un seguro colectivo de vida con cargo á empresa, e que abrangue todo o persoal dela. O capital asegurado será equivalente ó salario anual, tomando o nivel do 1 de xaneiro de cada ano.

As coberturas deste seguro serán:

a) Morte por accidente laboral.

b) Invalidez permanente absoluta: derivada de enfermidade profesional.

c) Gran invalidez: aboamento do capital asegurado derivada de enfermidade profesional.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó persoal a correspondente roupa de traballo. Serán entregados dous equipos completos ó ano, con calzado incluído. Estes serán entregados no verán e no inverno.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal someterase a unha revisión médica e xinecolóxica anual obrigatoria, que será por conta da empresa.

O resultado do dito recoñecemento será entregado a cada traballador.

Artigo 31º.-Saúde laboral.

Nomearase un comité de saúde laboral con tódalas demais normas contidas segundo a Lei 31/1995, de riscos laborais.

Artigo 32º.-Acción sindical.

Os delegados de persoal terán dereito a:

Seren informados pola dirección da empresa periodicamente, sobre a evolución xeral, situación da producción, programa de producción e evolución probable do emprego.

Anualmente coñece-lo balance, a conta de resultados e a memoria.

A empresa informará previamente sobre sancións por faltas graves e en especial en supostos de despedimento.

A empresa facilitaralles ós delegados de persoal o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice, igualmente facilitaralles unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

Existirá un taboleiro de anuncios, que porá a empresa, para que os delegados de persoal poidan publicar, inserir, etc.

Os representantes dos traballadores deberán emitir informe previo e participar nas seguintes cuestións:

Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causas ou en razón do desempeño da súa función.

Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, e exercerá tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Táboa salarial para o ano 1996

CategoríaSalario

base

Plus

penosidade

Plus

transporte

Encargado/a xeral97.6006.000
Técnico/a gº medio97.6006.000
Xefe/a de equipo82.0006.000
Oficial administrativo/a81.0006.000
Auxiliar administrativo/a70.0006.000
Oficial 1ª lavandería81.0008.3506.000
Oficial 2ª lavandería ou oficial 2ª conductor/a75.0006.000
Especialista oficial 3ª ou axudante lavandería e sereno67.0006.000
Peón, mozo reparto65.0006.000

7255