Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 04 de outubro de 1996 Páx. 8.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Snack Ventures Europe, S.C.A

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Snack Ventures Europe S, CA que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-12-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 24-5-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negocaidora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbiotraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de xuño de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Snack Ventures Europe, S, CA

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Este convenio aplicarase á totalidade dos traballadores que presten os seus servicios no centro de traballo indicado no artigo seguinte e pertenzan a algunha das categorías profesionais que se describen no artigo 5º do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación á delegación de vendas que a empresa ten actualmente en Mos, Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración de cinco anos, entrando en vigor o día 1 de marzo de 1995 e finalizando o 28 de febreiro do 2000.

O termo da súa vixencia, calquera das partes poderá denunciar á outra este convenio colectivo mediante escrito. A dita denuncia deberá efectuarse cunha antelación mínima dun mes antes da expiración do presente convenio ou de calquera das súas prórrogas.

O convenio quedará prorrogado tacitamente de non mediar denuncia en tempo, segundo o previsto nel.

Artigo 4º.-Unidade de convenio.

As condicións pactadas no presente convenio constitúen un todo orgánico e indivisible. Polo dito motivo, o convenio será nulo e quedará sen efecto, na súa totalidade de ser anulado ou modificado por resolución administrativa ou xudicial calquera pacto contido neste.

Capítulo II

Categorías profesionais

Artigo 5º.-Categorías profesionais.

1. Vendedor autovenda.

É quen se ocupa de efectua-la distribución a clientes da empresa, conducindo o vehículo apropiado que se lle asigne, efectuando os traballos de carga e descarga do dito vehículo, cobro e liquidación da mercadoría, rexistros e anotacións de promoción de productos e colocación da publicidade, informando diariamente os seus supervisores da súa xestión, responsabilizándose do mantemento e conservación do seu vehículo.

Niveis:

a) Vendedor 1. É o vendedor de autovenda que acredita unha antigüidade no posto menor dun ano.

b) Vendedor 2. É o vendedor de autovenda que acredita unha antigüidade no dito posto dun ano.

c) Vendedor 3. É o vendedor de autovenda que acredita unha antigüidade superior a dous anos no dito posto.

2. Vendedor de campaña.

É o vendedor con autovenda contratado especialmente para cubrir unhas rutas novas ou non consolidadas e/ou para campañas especiais.

3. Merchadiser ou enchedor de expositores.

É aquela persoa que conduce unha furgoneta e realiza traballos de carga e descarga dela, visita os clientes da empresa que lle son asignados e repón o producto no material de exhibición que se lle indica, etiquetando o PVP e seguindo as normas da empresa en canto a exhibición e merchandising dos productos.

Vixía e cumpre coas condicións pactadas pola campaña co cliente no que a exposición do producto e gama do producto se refire, coloca o material de publicidade que se lle asigna para cada cliente e realiza as tarefas administrativas propias do posto, como a de confección de albaráns da entrega do producto e a realización do inventario de productos da furgoneta e anotacións na ficha do cliente. Dentro das súas funcións non están, a diferencia do vendedor de autovenda, a prospección e captación de novos clientes, a introducción e venda de novos productos nos clientes habituais e o cobramento en efectivo do producto.

4. Monitor.

É o que realiza as funcións de ensino e suplencia de vendedores, así como a axuda nas tarefas administrativas do grupo e, nos casos que a empresa considere conveniente, por necesidade de incrementa-las vendas de algunha ruta, se lle poden asignar esta polo tempo determintado ata cumplimenta-lo obxectivo, dependendo xerarquicamente dun superior.

5. Conductor.

É o traballador que, conducindo un vehículo que se lle asigne, se encarga de transporta-lo producto ó punto de venda, tomando nota dos pedidos. Realiza funcións de carga e descarga do producto e é o responsable do cuidado e conservación deste.

6. Repoñedor.

É o traballador que se encarga de repoñer e rota-lo xénero no punto de venda. E responsable da colocación do producto, así como da publicidade, etiquetaxe e retirada do producto caducado.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 6º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva dos órganos directivos da empresa.

Artigo 7º.-Cambio de ruta.

De conformidade co disposto na Ordenanza laboral, a empresa resérvase expresamente a facultade de reorganiza-las rutas de vendas da forma que considere como máis conveniente para o bo funcionamento da organización do traballo.

Ó vendedor con autovenda que sexa cambiado de ruta garantiráselle durante 3 períodos o promedio das vendas que efectuase durante os últimos 13 períodos anteriores ó cambio, no caso de que estas na nova ruta sexan inferiores a este promedio.

No caso de restructuración da ruta, que supoña un menoscabo dos ingresos do vendedor, aplicaráselles a garantía prevista no parágrafo anterior.

Capítulo IV

Condicións de traballo

Artigo 8º.-Períodos de proba.

Fíxase un período de proba para tódalas categorías de 3 meses de duración.

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será, exceptuando os descansos de 40 horas de traballo efectivo semanais de luns a venres, excepto para os merchandisers que será de luns a sábado. Como ata o presente e sen que iso supoña cambio sobre o sistema de traballo actual, os vendedores con autovenda estará suxeitos ás normas establecidas pola empresa.

Non obstante, e dado que a actividade laboral do vendedor se desenvolva, debido ás especiais características do seu traballo, con relativa independencia no que a ritmo e intensidade se refire, iso pode conlevar posibles prolongacións de xornada, percibindo por elas un incentivo sobre a venda en forma de comisións, segundo o indicado no artigo 12 h) non tendo as ditas prolongacións de xornada, carácter de horas extraordinarias, polo que tampouco se verificará ningún cálculo por este concepto. Así mesmo, cando o vendedor non terminase o venres a totalidade das visitas correspondentes á ruta que tivese asignada, deberá de traballa-lo sábado para terminala.

Por razóns de orde práctica, acórdase rexerse polas festas locais do municipio de Vigo.

Artigo 10º.-Vacacións.

Os traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio desfrutarán de 30 días naturais de vacacións.

Para o cálculo da súa retribución computaranse os conceptos salariais que se sinalan no anexo A para cada categoría.

Correspóndelle á empresa sinala-las quendas de desfrute e número de persoas e ós traballadores a designación das persoas concretas. Isto levarase a efecto dentro do primeiro trimestre do ano.

Capítulo V

Condicións económicas

Artigo 11º.-Condicións máis beneficiosas.

Calquera mellora ou modificación establecida por disposición legal ou convenio de ámbito superior poderá ser absorbida ou compensada sempre que as condicións establecidas no presente convenio sexan no seu conxunto e cómputo anual máis favorable.

Artigo 12º.-Conceptos salariais.

Os traballadores percibirán algún dos conceptos salariais que se detallan a continuación e que se indican no anexo A.

a) Salario base: considérase formado polo salario mínimo interprofesional que estea en vigor.

b) Plus de empresa: ten carácter de plus voluntario e o seu importe pode absorber posibles incrementos do salario base realizados durante a vixencia do presente acordo.

c) Plus asistencia.

1. Denvengarase por día de asistencia ó traballo. A súa contía é a que se detalla na columna correspondente das táboas salariais.

2. O plus de asistencia percibirase por día efectivamente traballado, en xornada completa, así como nos domingos, festivos, días de vacacións e nos permisos que levan aparellados o dereito a percibo de retribución.

3. O plus asistencia non se computará para o cálculo de ningún concepto retributivo, nin complemento salarial (antigüidade, horas extraordinarias, plus de nocturnidade, etc.), sin máis excepcións cás gratificacións extraordinarias de beneficios, verán e Nadal.

4. A perda deste complemento nun ou máis días da semana, levará aparellada a perda do correspondente ó domingo da mesma semana, así como a súa parte proporcional das pagas extraordinarias de beneficiosv verán e Nadal.

5. En casos especiais, a empresa e os representantes dos traballadores estudiarán os supostos nos que deba percibirse este plus, atendendo ás circunstancias que poidan concorrer.

d) Plus administrativo: seralles aboado ós monitores en doce mensualidades en consideración á súa especial responsabilidade administrativa, de control e de vendas dun grupo ou delegación.

e) Plus conducción: seralles aboado ós merchadisers durante os seus primeiros seis meses de contrato.

f) Plus canal libre servicio: ten carácter voluntario e o seu importe pode absorber ou compensar posibles incrementos de salario base que poidan realizarse durante a vixencia deste convenio. Este plus seralles aboado ós merchandisers a partir do seu sétimo mes de contrato, substitutuindo ó plus de conducción que queda absorbido por este.

g) Pagas extraordinarias: os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito ó aboamento das gratificacións extraordinarias de beneficios, verán e Nadal nas contías que a continuación se indican:

1. A de beneficios, a razón de 30 días de salario base, antigüidade, pluses de acordo á categoría, tal como se detallan no anezo A, e promedio de comisións, calculadas sobre o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro anteriores, prorrateables polo tempo traballado. No caso dos monitores o promedio de comisión será sobre o 50% das rutas máis altas de DTS.

2. As de verán e Nadal, a razón de 30 días de salario base, antigúidade e pluses, de acordo á categoría tal como se detallan no anexo A prorrateables polo tempo traballado.

Para todo o persoal que se atope cumplindo o servicio militar ou servicio social substitutorio, seranlle aboadas as tres gratificacións extraordinarias que se establecen no presente convenio, a razón de 30 días de salario base, antigüidade, plus de empresa e plus de asistencia sen que, en ningún caso, ningunha delas poida supera-lo percibido polo traballador por estes concenptos no seu último mes de traballo na empresa.

En calquera caso, só se computarán para cada categoría, os conceptos salariais asignados a elas nas táboas do anexo A.

h) Comisións: os traballadores afectados polo presente convenio que perciban cominsións en función do sinalado no anexo A, farano de acordo coas porcentaxes seguintes:

1. Vendedor 1: o 3.0% da venda neta por período.

2. Vendedor 2: o 4,0% da venda neta por período.

3. Vendedor 3: o 5,5% da venda neta por período.

4. Vendedor de campaña: o 5,5% da venda neta por período.-5. Merchandiser: o 1,0% da venda neta por período durante o seu primeiro contrato e o 1,5% da súa venda por período durante o seu segundo contrato e posteriores.

6. Monitor: promedio comisión sobre o 50% das rutas máis altas de DTS.

Enténdese por venda neta por período cantidade de venda do período en pesetas por cada traballador, despois de deduci-las devolucións.

Para a liña de productos denominada prezo xove establécese unha comisión única para tódolos niveis de vendedor incluídos neste convenio do 4%.

Así mesmo, as comisións percibiranse con base a ptas. por unidade de venda, aínda gardando a mesma equivalencia económica que rexía no sistema tradicional.

No caso de enfermidade ou accidente, a empresa aboaralles unha comisión ós vendedores. Para o seu cómputo, aplicarará a porcentaxe correspondente de cada vendedor, ó promedio das vendas por el realizadas, durante os 13 períodos anteriores a causa-la baixa.

i) Antigüidade: o persoal afectado polo presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, nas condicións que a continuación se indican:

1. O aumento periódico pagarase por trienios vencidos, e será ilimitado o número de trienios que poderá acumula-lo traballador, cos topes do incremento salarial establecidos no artigo 25.1º do Estatuto dos traballadores.

2. Cada trienio pagarase ó tipo do 6% sobre o salario base establecido na táboa salarial e correspondente á categoría laboral que se ostente no momento do aboamento.

Artigo 13º.-Conceptos non salariais.

Estes conceptos teñen o carácter de compensación de gastos producidos polo traballador e en ningún caso supoñen retribución de ningún tipo polos servicios prestados.

a) Quebranto de moeda: esta cantidade percíbena unicamente os vendedores de autovenda e non se computará para efectos de cálculo de pagas extraordinarias nin de vacacións. A cantidade mensual percibirarse de acordo co indicado no anexo B.

b) Axuda comida: a empresa aboaralles ós vendedores con autovenda con dereito ad personam adquirido a percibi-lo concepto axuda comida a cantidade de 1000 ptas. sempre e cando o trazado da ruta obrigue a xantar fóra do seu domicilio.

En ningún caso será acumulable esta cifra ás cantidades que o traballador tivese dereito a percibir en virtude do disposto nos parágrafos c) e d).

c) Axudas de custo: o persoal ó que se lle confire algunha misión de servicio fóra da área de cobertura da súa delegación, terá dereito ás cantidades sinaladas no anexo B.

d) Pernocta: Para aqueles vendedores con autovenda ós que o itinerario da súa ruta os obrigue a pernoctar fóra do seu domicilio a cantidade quedará reflectida no anexo B.

e) Axuda escolar: establécese unha axuda escolar por traballador con fillos en idade escolar nos niveis de preescolar e EXB de 8.000 ptas por unidade familiar e ano.

Aboarase dunha soa vez dentro do último trimestre do ano, logo da presentación da certificación demostrativa.

Estes conceptos teñen carácter de compensación de gastos producidos polo traballador, e en ningún caso supón retribución de ningún tipo polos servicios prestados.

Artigo 14º.-Incremento salarial.

Para o primeiro ano de vixencia do presente convenio páctase un aumento salarial nos conceptos fixos do salario do 3,5%.

Para o segundo e terceiro ano de vixencia o aumento salarial pactado nos conceptos fixos do salario establécese no IPC do ano anterior máis 0,5%.

Para o cuarto e quinto ano de vixencia negociarase o incremento dos conceptos fixos do salario tomando como referencia o IPC real do ano anterior, o mercado e o resto de delegacións que teñan un convenio que se negocie.

Capítulo VI

Uniformidade

Artigo 15º.-Uniformes.

A empresa facilitaralles anualmente ós vendedores con autovenda o seguinte vestiario: 4 camisas, ( 2 de verán e 2 de inverno), 4 pantalóns (2 de verán e 2 de inverno) e 1 gravata. Así mesmo facilitará cada tres anos 1 anorak. A criterio do supervisor e cando se produza unha causa que o xustifique poderase proporciona-lo anorak con carácter individual nun prazo inferior ó anteriormente sinalado.

Capítulo VII

Seguridade e hixiene

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

A empresa comprométese a que a totalidade dos traballadores afectados por este convenio pasen unha revisión médica ó ano, a través dos servicios sanitarios da mutua patroal que proceda.

Artigo 17º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese a comisión mixta paritaria para a vixilancia e interpretación do presente convenio.

Estará formada por dous membros por cada unha das partes e poderá ter cada unha delas ter un asesor con voz pero sen voto.

A comisión reunirase por requirimento de calquera das partes e os seus pronunciamentos terán carácter vinculante. En caso de non chegarse a un acordo nas cuestións debatidas someteranse estas á decisión da autoridade xudicial competente.

A comisión fixa como sede desta o domicilio social da empresa.

Artigo 18º.-Atrasos.

A empresa comprométese a aboar no prazo máximo dun mes os atrasos que se produzan como consecuencia da retroactividade do convenio.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio estarase ó disposto na Ordenanza laboral para as industrias de alimentación, Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais vixentes.

ANEXO A

Condicións salariais 1995

DC Vigo 3,50% Desde 1-3-1995 Ata 28-2-1996

Condicións económicas salario fixoCondicións económi-

cas salario variable

CategoríaSalario

base

Plus

empresa

Plus

asistencia

Plus

Admon.

Plus

CLS

Plus

conducción

% comisións

Vendedor 162,70031,5383,0003,0%
Vendedor 262,70031,5383,0004,0%
Vendedor 362,70031,5383,0005,5%
V. campaña62,7005,5%
Monitor62,70031,5383,00020,307Garantidas
Mercha 162,7009,8651,0%
Mercha 262,70018,9351,5%
Conductor (*)62,70034,567
Repoñedor (*)62,70034,567

ANEXO B

Condicións non salariais

DC Vigo

199519961997

Axuda comida1.0001.0001.000

Quebranto moeda10%

1.582

10%

1.740

10%

1.914

Axuda escolar (u.f.)10%

8.000

10%

8.800

10%

9.680

4850