Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 03 de outubro de 1996 Páx. 8.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos e a experimentación de módulos profesionais no curso 1996-1997.

Coa finalidade de avanzar na implantación das novas ensinanzas de formación profesional específica recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procedeu a incrementa-lo número de ciclos formativos de grao medio e superior para o curso 1996-1997 en substitución dos módulos profesionais de nivel II e nivel III que se viñan impartindo con carácter experimental.

O permanente afán renovador da formación profesional que caracteriza a esta Comunidade Autónoma, inducido polas demandas do mundo productivo, coincide cos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia no período de 1994-1999. Estas circunstancias permiten

experimenta-las novas titulacións de formación profesional ó abeiro do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional. Como consecuencia, impóñense tamén novas situacións académicas e económico-administrativas que requiren fixar un marco de referencia que lles permita ós centros axusta-la súa organización e funcionamento.

Por todo isto, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 346/1996, do 13 de setembro (DOG do 24), polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e coas atribucións conferidas a esta Dirección Xeral na Orde do 1 de setembro de 1995, pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-Matrícula.

1. O alumnado admitido para cursar ciclos formativos de grao medio ou de grao superior, xa sexa por acceso directo ou despois de supera-la proba correspondente, realizará a matrícula nos prazos previstos na Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio) e na Resolución do 4 de xullo de 1996 (DOG do 12 de xullo).

2. A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo. Cando estas ensinanzas abrangan máis dun curso académico o alumnado deberá aboa-lo importe do seguro escolar en cada un deles.

3. O alumnado poderá renunciar á matrícula dun ou varios módulos cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como incorporación laboral, servicio militar ou prestación social substitutoria, enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro estime pertinentes por proposta do equipo docente. Non obstante o expresado anteriormente, no caso de incompatibilidade horaria entre módulos de períodos diferentes, estes deberanse cursar de forma secuenciada segundo figuren no proxecto curricular.

4. As solicitudes deberán presentarse ante o director ou directora do centro nun prazo de dous meses antes da avaliación final do módulo ó que se pretende renunciar. O director/a resolverá no prazo máximo de 10 días.

5. Non é posible compatibiliza-la matrícula presencial en ciclos formativos coa doutro tipo de ensinanzas non universitarias de carácter regrado.

6. Durante un mesmo ano académico unha persoa non poderá estar matriculada á vez en ciclos formativos da modalidade presencial e de formación a distancia da mesma ou de distinta familia profesional.

Segundo.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. O número de alumnos de cada grupo será de 30, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor.

Calquera modificación deste número requirirá autorización expresa da Inspección Educativa.

Terceiro.-Horario do ciclo.

1. A formación no centro educativo e a formación no centro de traballo deberá coincidir co número total de horas que se dispoñen no decreto polo que se establece o documento base do título (DBT). A temporalización non ten que coincidir necesariamente coa duración do curso académico ordinario.

2. Na modalidade presencial, a distribución horaria dos diferentes módulos que constitúen o ciclo formativo corresponderase coa que se indica no anexo I desta norma, no que tamén se reflicte o número de sesións semanais de 50 minutos equivalentes. Non obstante, o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular unha distribución horaria e unha secuencia diferente que deberá ser aprobada pola Inspección Educativa.

3. Nos horarios confeccionados no centro educativo para cada grupo de alumnos que curse ciclos formativos, deberá figurar, polo menos, 1 hora semanal para a súa atención titorial.

4. Aqueles centros que, polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten, requiran unha modalidade horaria especial deberano solicitar á delegación provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda.

5. Co obxecto de contribuír á formación permanente das persoas e atende-las demandas de cualificación do sistema productivo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar distribucións horarias diferentes que, aínda que incluídas no réxime presencial, constituirán unha modalidade horaria especial.

6. A solicitude desta modalidade horaria deberá xustificar:

-Que a distribución horaria por cursos, trimestres e semanas cumpra as horas totais establecidas para o ciclo formativo no anexo I, e que o período no que se realizará o módulo profesional de formación en centros de traballo é posterior ós asignados para cursa-lo resto de módulos profesionais que compoñen o ciclo.

-Que se atenda á poboación traballadora identificada que cumpra as condicións de acceso ó ciclo formativo.

-A planificación da oferta formativa asignada ó centro.

7. O horario de libre disposición do centro utilizarase para reforza-los contidos de carácter científico-tecnolóxico da formación profesional de base e complementa-los módulos asociados a unidades de competencia no primeiro curso.

8. Coa finalidade de verifica-lo cumprimento do horario mínimo para cada ciclo, a dirección do centro remitirá á Inspección Educativa, xunto co horario semanal do grupo, un calendario no que irán especificados os días lectivos do período académico.

Cuarto.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo está constituído polo conxunto de profesores e profesoras que imparten docencia nos diferentes módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e, polo tanto, será impartido, con carácter xeral, por un só profesor ou profesora. Este criterio non condiciona de ningún xeito as posibilidades de desdobramento do grupo naqueles módulos que así o indiquen no anexo I sempre que o número de alumnos sexa superior a 20 por grupo.

3. No caso de desdobramento de grupos de alumnos os criterios para a súa organización son:

-O profesorado deberá pertencer obrigatoriamente á mesma especialidade de profesorado ó que estea adscrito o módulo.

-O profesorado que participe do desdobramento dun módulo terá a obriga de responsabilizarse da impartición da totalidade dos contidos e de avalia-lo alumnado que o cursa. (Non se poderá dividi-lo módulo profesional por tipos de contidos).

-En ningún caso o profesorado dos grupos desdobrados rotará na aula ou no taller.

4. O profesorado que poderá impartir docencia nos diferentes módulos será o que se establece no Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro (BOE do 10), polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensinanza secundaria e profesores técnicos de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica; anexos IIa, IIb, IId, III, IVa, IVb, IVc e V.

5. O módulo de proxecto integrado será impartido polo profesor ou profesora que designe o director do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo.

6. Coa finalidade de favorece-la coordinación e a integración dos contidos dos diferentes módulos do ciclo formativo, o número de profesores que constitúan o equipo docente será o menor posible (con carácter xeral, entre tres e cinco persoas). Calquera outro equipo docente cun número de persoas diferente deberá ser autorizado polo delegado provincial, mediante solicitude razoada do centro e logo do informe da Inspección Educativa.

7. O equipo docente dun ciclo formativo deberá establecerse procurando a continuidade dos seus compoñentes ó longo de todo o ciclo e preferentemente polo profesorado que teña destino definitivo no centro. A Inspección Educativa resolverá sobre as posibles excepcións a esta norma.

8. Para a constitución do equipo docente terá prioridade o profesorado con destino definitivo no centro que no momento de presenta-lo proxecto-solicitude do ciclo formativo e que, posuíndo a titulación requirida, manifeste o seu interese en imparti-la docencia no ciclo. No caso de que o número de profesores interesados sexa superior ó requirido, seguiranse os criterios que se establecen no apartado 3.5 da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto).

9. O número de períodos lectivos de docencia directa de cada profesor no ciclo formativo é o que se establece na Orde do 1 de setembro de 1987 (DOG do 11).

10. A xefatura de estudios establecerá no horario de cada profesor unha hora semanal para que o equipo docente poida realizar reunións de programación, coordinación e seguimento.

11. O profesor titor disporá dunha reducción horaria para o desempeño das súas funcións. Esta reducción será de 4 horas á semana ademais das horas complementarias se se trata de ciclos de ata 1.400 horas de duración. Se a duración fora de 1.700 ou máis horas a reducción será de 2 horas no primeiro período e de 4 no segundo, ademais das horas complementarias.

12. Cando o alumnado do ciclo formativo estea realizando o módulo profesional de formación en centros de traballo os membros do equipo docente realizarán, entre outras, as seguintes actividades:

-Impartición de actividades ó alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional.

-Realización de actividades de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

-Actividades de formación e actualización científico-tecnolóxica do profesorado.

Quinto.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnos dun ciclo formativo terá un profesor ou profesora titor que pertencerá ó equipo docente do ciclo. O titor desempeñará as súas funcións durante todo o proceso formativo, salvo causas debidamente xustificadas. Será nomeado polo director do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo e asumirá as seguintes funcións:

-Convocar e coordina-las reunións do equipo docente e a coordinación intermódulos, cubrindo as correspondentes actas.

-Elaborar, baixo a supervisión da xefatura de estudios, o horario lectivo, atendendo ás necesidades de temporalización e organización docente de cada un dos módulos do ciclo.

-Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe, así como a orientación profesional do alumnado en relación coa súa evolución escolar, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais, posibles validacións, sempre co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, se é o caso, do departamento de orientación do centro.

-Convocar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

-Informar do proceso educativo de aprendizaxe do alumnado, tanto a eles mesmos como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

-Realiza-lo seguimento educativo do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

-Realiza-la avaliación do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración da persoa responsable designada para tal efecto pola empresa. A colaboración do titor ou titora de empresa consistirá nun informe que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a formación en centros de traballo se desenvolve en varios centros ou empresas solicitarase un informe de cada unha delas.

-Emitir informe nas peticións de validación ou exención formuladas polo alumnado do ciclo.

-Concretar e tramita-la documentación relativa á formación en centros de traballo.

-Coordina-lo desenvolvemento da programación das actividades complementarias previstas para o alumnado.

-Actuar como interlocutor entre o equipo docente, a dirección do centro e os distintos servicios da Administración, se é o caso, colaborando con esta no desenvolvemento e seguimento da experiencia educativa.

-Informar sobre as necesidades de material preciso para a impartición das ensinanzas.

-Informar á dirección das horas de prácticas realizadas polo alumnado.

-Redacta-la memoria de final de curso.

Sexto.-Profesorado especialista.

Naqueles ciclos formativos nos que, segundo o real decreto que establece as correspondentes ensinanzas mínimas, sexa necesario o concurso de profesorado especialista para a impartición dalgún módulo, por non existir no centro profesorado co perfil idóneo, a súa selección será realizada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, considerando as propostas que formule o equipo docente do ciclo, se é o caso.

Con esta finalidade os centros remitirán o currículo das persoas candidatas e as certificacións que acrediten a súa experiencia no correspondente campo profesional.

Sétimo.-Proxecto curricular.

1. O equipo docente, coordinado polo titor e cos apoios que considere necesarios da Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro, elaborará o proxecto curricular do ciclo formativo a partir das ensinanzas mínimas establecidas pola Administración educativa procurando que os obxectivos, contidos, criterios de avaliación e metodoloxía respondan ás características do alumnado, ás posibilidades formativas que ofrece o contorno do centro e, se é o caso, ó proxecto educativo do centro.

2. O proxecto curricular incluirá os obxectivos xerais que se pretenden acadar no ciclo formativo para darlles resposta ás finalidades a que fai referencia o artigo 2 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional, e demais aspectos que se indican no artigo 94 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico dos institutos de secundaria, contextualizados no ámbito socio-productivo no que está inmerso o centro.

3. Así mesmo, incluirá para cada módulo profesional os obxectivos específicos, os contidos que se deben desenvolver, a metodoloxía que se vai empregar, a distribución temporal da materia que se vai impartir e os criterios de avaliación que van seguir.

4. Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado de que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade conforme o establecido no artigo 6 da Orde do 1 de setembro de 1995 e no artigo 13 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), para cada módulo profesional deberán concretarse:

-Os contidos mínimos esixibles, que permitirán en todo caso a adquisición das capacidades terminais correspondentes.

-Os criterios e procedementos para establece-las actividades de recuperación daqueles módulos profesionais pendentes de superación polo alumnado.

-O procedemento de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

5. No caso do módulo de formación en centros de traballo o proxecto curricular incluirá tamén o perfil básico das empresas nas que se deba realiza-la formación, engadindo a relación das existentes no contorno do centro nas que sería posible realizalas.

6. O proxecto curricular do ciclo formativo, asinado por tódolos membros do equipo docente, será remitido á Inspección Educativa antes do 20 de decembro. Se algún membro do equipo docente estivese desconforme con el, manifestarao en escrito razoado, sen que isto exima inicialmente do seu cumprimento.

7. A Inspección Educativa asesorará os equipos docentes no proceso de elaboración e realizará o oportuno seguimento do seu cumprimento.

Oitavo.-Proxecto integrado.

1. O proxecto integrado debe permitir culmina-la integración dos contidos impartidos ó longo do ciclo, globalizando e interrelacionando, e se é preciso, completando aqueles contidos susceptibles de amosar ó final do ciclo formativo o grao de consecución dos seus obxectivos xerais.

2. Tomando como base un hipotético proceso productivo, o proxecto integrado debe:

-Analiza-la interrelación e contribución das distintas etapas da organización, programación e control dun proceso.

-Determina-las especificacións do proceso productivo dun artigo (materia prima, medio productivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determina-la viabilidade das especificacións do proceso de producción e, se é preciso, as medidas correctoras a partir da elaboración e avaliación do prototipo.

-Determina-la cantidade de recursos, o nivel de stocks óptimo, os sistemas de traballo e de control da producción máis adecuada e a organización das liñas de producción, aprovisionamento, mantemento preventivo dos recursos e as fases productivas necesarias para a producción en función dos recursos dispoñibles, volume e variedade do pedido, así como os prazos establecidos.

-Determina-las medidas correctoras que se deben tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de producción para garanti-las condicións de producción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

Noveno.-Formación en centros de traballo.

1. A formación en centros de traballo, na que se perseguirán as finalidades que se indican no artigo 2 do Decreto 239/1995, ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos. Desenvolverase procurando que o alumnado complemente e aplique as competencias profesionais adquiridas no centro educativo, razón pola que, con carácter xeral, constituirá a última fase de formación do alumnado, conforme se establece nos artigos 7 e seguintes da Orde do 1 de setembro de 1995.

2. A duración da formación en centros de traballo será a que se establece no anexo I para ciclos formativos.

O centro educativo proporalle á Inspección Educativa para a súa aprobación, se procede, cunha antelación mínima de dous meses ó seu calendario previsto, a relación de empresas e titores ou titoras nelas, a relación de alumnos e o horario de formación.

3. O período de formación en centros de traballo constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos. Consecuentemente, a súa realización non dá dereito á percepción por parte do alumnado de ningunha compensación económica distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral. Non obstante, este alumnado poderá solicitar de forma transitoria as axudas previstas para as prácticas en alternancia, quedando a súa concesión supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Décimo.-Exencións.

1. Os alumnos e alumnas que, pola súa experiencia laboral, consideren que teñen superados os obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, dos módulos que segundo o respectivo real decreto sexan susceptibles de correspondencia coa práctica laboral, poderán solicitar na secretaría do centro a posible exención destes módulos mediante escrito dirixido ó director ou directora do centro dentro dos primeiros quince días do comezo do ciclo correspondente.

2. Para poder solicitar esta exención será preciso acreditar, polo menos, unha experiencia laboral de seis meses no mesmo campo profesional. Esta acreditación consistirá nunha certificación de cotización á Seguridade Social e nun certificado de empresa no que se indiquen as funcións, actividades e tarefas desenvolvidas, así como a súa duración.

No caso de persoas traballadoras autónomas, a certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

3. O titor do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar en cada caso.

4. No caso de informe favorable a persoa que solicita a exención terá que realizar e superar unha proba que permita evidencia-la competencia profesional á que estea asociado o módulo profesional do que se solicita a exención. Para determina-las características da proba, deberán terse en conta os criterios de realización das unidades de competencia asociada do documento base do título (DBT).

5. Esta proba será realizada por unha comisión presidida polo director do centro educativo e na que formarán parte o titor do ciclo e o profesor do módulo correspondente.

Décimo primeiro.-Módulos profesionais experimentais.

1. Para os módulos de nivel 2 e nivel 3 que se continúan impartindo con carácter experimental será de aplicación o que se establece nesta resolución en todos aqueles aspectos que non contraveñen o establecido na súa lexislación específica e os límites fixados por ela.

2. Expertos en módulos profesionais.

2.1. Co fin de procurar un maior nivel de actualización nas novas técnicas e procesos de traballo, imprescindible en determinadas áreas de formación profesional específica, o equipo docente poderá solicitar autorización para contar coa colaboración de persoas expertas, alleas ó centro, para a impartición de relatorios/conferencias sobre temas puntuais. Para isto, os centros educativos remitirán a súa solicitude á Inspección Educativa, especificando as áreas, temas e horas concretas que vai impartir cada persoa experta, xustificando a necesidade de recorrer a esta colaboración externa e xuntando o currículo da persoa proposta.

A autorización previa da Inspección Educativa será requisito imprescindible para poder contar coa colaboración de expertos.

2.2. O número máximo de horas de relatorio/conferencia que poderán impartir estes expertos será o 5% da duración total do módulo. Calquera incremento sobre esta cifra requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

2.3. Dadas as características específicas desta colaboración, en ningún caso poderá figurar como experto o profesorado dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2.4. No caso de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

o pagamento destas colaboracións, que se aboará con cargo ós gastos de funcionamento que se deben xustificar ante o Fondo Social Europeo, farase de acordo co seguinte procedemento:

a) Unha vez realizada a colaboración, o centro aboaralle ó experto a cantidade correspondente que non poderá superar en ningún caso 8.000 ptas. por hora de colaboración. A esta cantidade deduciráselle a retención correspondente do IRPF.

b) A persoa experta asinará un xustificante de ter recibida esa cantidade ó que se lle engadirán:

-Datos de cada persoa experta, horas de colaboración en cada módulo e datas en que se produciu esa colaboración.

-Autorización previa da Inspección Educativa.

-Xustificante do pagamento asinado pola persoa experta.

-Xustificante (modelo 110) de ter ingresada en Facenda a retención correspondente.

Décimo segundo.

Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa.

Décimo terceiro.

Os delegados provinciais, a través do servicio da Inspección Educativa, garantirán o cumprimento do disposto na presente resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

Décimo cuarto.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1996.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Académica e Formación Profesional

9607092