Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 03 de outubro de 1996 Páx. 8.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 1996 pola que se autoriza definitivamente a apertura e funcionamento de centro privado de educación secundaria Apóstol Santiago.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro, no que se solicita autorización definitiva para a apertura e funcionamento do centro privado de educación secundaria.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que o remite cos informes da unidade técnica e inspección educativa.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento do centro de educación secundaria, e, como consecuencia disto, establece-la configuración definitiva no mesmo edificio ou recinto escolar, segundo se especifica no anexo.

Segundo.-A presente autorización producirá efectos progresivamente, a medida que se implanten as ensinanzas autorizadas, de acordo co calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, segundo os Reais decretos 986/1991, do 14 de xuño e 1487/1994, do 1 de xullo.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, informe da inspección educativa, aprobará logo do expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-O centro de educación secundaria que pola presente orde se autoriza, deberá cumpri-la Norma básica da edificación NBE-CPI/1991, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 279/1991, do 1 de marzo (BOE do 8), e especialmente o establecido no seu anexo D, que establece as condicións particulares para o uso docente. Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou atonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teñan que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Domicilio: Sanjurjo Badía, 79.

Denominación específica: Apostol Santiago.

Titular: Compañía de Jesús.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 4 unidades.

b) Centro de educación primaria: 24 unidades.

c) Centro de educación secundaria: 16 unidades de educación secundaria obrigatoria.

d) Centro de bacharelato de 10 unidades coas modalidades seguintes: ciencias da natureza e de saúde e humanidades e ciencias sociais.

9607171