Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 30 de setembro de 1996 Páx. 8.782

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 1 xullo de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 321 que afecta ó monte de Manda, do lugar de Manda, parroquia de Coiro (concello de Mazaricos).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989 de Montes Veciñais en Man Común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 1 de xullo de 1996, adoptóu o seguinte acordo:

Reunido na data 1 de xullo de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a Presidencia do Delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial de A Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados de A Coruña e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación. O vocal José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común xustificóu a súa ausencia por motivos laborais.

Reunidos nesta data para estudiar e resolve-lo:

Expediente nº: 321.

Monte: de Manda.

Lugar: Manda.

Parroquia: Coiro.

Concello: Mazaricos.

1º Resultando que diversos veciños de Manda, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, solicitaron con data 21-10-1994 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 374 ha.

Lindeiros: é parte do monte Cadaval, Ruña e outros nº 103-D do C.U.P.

Norte: con monte da comunidad e Fornís e Loureiro, desde o piquete nº 138o ata o 154, seguindo os lindeiros do citado monte veciñal.

Leste: con propiedades particulares de veciños de Manda e Fornós, desde o piquete nº 154 ó 174 seguindo a orde de piquetes.

Sur: con propiedades particulares de veciños de Suevos, desde o piquete nº 174 ó 179 seguindo a orde de piquetes. Con monte da comunidade de suevo, pola liña recta que vai desde o piquete nº 179 ó nº 253 no punto chamado Cruz de Servo Saído.

Oeste: con monte da comunidade das Paxareiras e Recarea, desde o piquete nº 253 ata o 57, segundo os lindeiros do dito monte veciñal. Con foro de Gosende, desde o piquete 57, pasando polo 58 e 59 ata chegar a un punto intermedio entre os piquetes 59 e 60 no sitio denominado Pedra Cabalgada. Con monte da comunidade de Xestoso deste último punto ata o piquete 138o, seguindo os lindeiros do monte veciñal de Xestoso.

2º Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 1-12-1994, acordóu inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor do mesmo a Ramón Olano Calleja, quen aceptóu expresamente dito cargo. Procedéuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 247 do 28-12-1995), taboleiro de anuncios do Concello e lugares de costume.

3º Resultando que os veciños de Manda fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de forma consuetudinaria, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, no monte correspondente ó dito lugar. Presentan diversos documentos que acreditan a orixe do monte, entre outros a escritura de redención do Foro de

Manda, autorizado polo notario de Mazaricos José Rodríguez Pequeño con data 6 de setembro de 1927.

De tal petición emitiuse informe favorable polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos de data 29 de xullo de 1994.

4º Resultando que ante o presente expediente foi formulada pola comunidade veciñal do lugar de Xestoso unha alegación referida ós lindeiros da parte de monte solicitada polos veciños de Manda. Presentan copia do acordo do xurado de data 22 de xuño de 1989 polo que se declarou como veciñal en man común o monte dos veciños do lugar de Xestoso.

5º Resultando que na Manuel Alvela Tuñas fomula alegación referida á propiedad e dun predio situado na parte de monte solicitada polos veciños de Manda. Presenta escritura de compra-venta dela, a cal consta inscrita no Rexistro da Propiedade.

6º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e oíronse as representacións dos promotores del, e de Manuel Alvela. Ámbalas partes ratificáronse nas súas respectivas alegacións.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos arts. 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que en conformidade co contido do Art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Manda, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Considerando que ante a alegación que realiza a comunidade veciñal do lugar de Xestoso, os veciños de Manda presentaron unha nova descrición dos lindeiros, axustada á descrición do declarado para o lugar de Xestoso.

4º Considerando que o xurado, á vista dos dereitos alegados por Manuel Alvela Tuñas, estima que o formulado é cuestión relativa ó dominio do citados predio, da competencia dos tribunais da xurisdic

ción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

5º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (arts. 1, 2 e 3 da Lei 13/89 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

6º Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º resultando, dedúcese de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal de Manda, parroquia de Coiro, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nésta data.

Acorda cualificar como monte veciñal en Man Común da Comunidade Veciñal do lugar de Manda, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, o denominado Monte de Manda, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando, excluíndose de tal cualificación aquela parcela que resultou sobre a que formulou alegación Manuel Alvela Tuñas, que permanecerán coa condición que teñen actualmente. Así mesmo acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 1 de xullo de 1996.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

6661