Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 30 de setembro de 1996 Páx. 8.778

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

EDICTO do 12 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, polo que se somete a información pública o acordo do 25 de abril de 1996, da Comisión Galega de Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da graveira Pedra, sita no termo municipal de Oímbra (Ourense), promovido por Áridos del Támega, S.A.

A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Ourense, somete a información pública o acordo do 25 de abril de 1996, da Comisión Galega de Medio Ambiente, de declaración de impacto ambiental do proxecto seguinte:

No Decreto 442/1990, do 13 setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que adoptará o órgano substantivo para a autorización da actividade, obxecto do proxecto.

O proxecto consiste na explotación dunha graveira para a estracción de áridos con destino á construcción en xeral e en especial á fabricación de formigón.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación, e o anexo II contén as medidas correctoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5.3º, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, e avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data 26 de setembro de 1995, someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Como resultado desta, non consta a presentación de alegacións ó devandito proxecto.

Consúltanse así mesmo, as direccións xerais de Industria, Calidade Mediambiental e Urbanismo, Obras Públicas, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental. O resultado das consultas realizadas encóntrase contido no anexo III da presente declaración. O informe da Dirección Xeral de Obras Públicas considérase favorable por canto non foi emitido no prazo de 1 mes, tal e como se indicaba no escrito de solicitude con data 20 de marzo de 1995.

Completada a tramitación, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto de explotación da graveira denominada Pedra, sita en terreos do termo municipal de Oímbra, provincia de Ourense, promovido pola empresa Áridos del Támega, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións minerais de explotación na superficie de 14,8 ha comprendida dentro do perímetro definido no proxecto por 25 vértices identificados mediante coordenadas rectangulares UTM.

Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega de Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

1. Protección da atmósfera.

1.1. Co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre a poboación puidera ter o pó xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de forma que no lugar de San Pedro, distante uns 500 m da zona de explotación, se cumpra que:

-Os niveis de partículas sedimentables non superarán os límites establecidos polo Decreto 833/1975, para zonas habitadas, de 300 mg/m (concentración mdio en 24 h).

-As partículas en suspensión, medidas polo procedemento gravimétrico, non superarán os niveis impostos polo Real decreto 1321/1992 (300 ug/m), e o seu valor medio anual non superará os 150 ug/m.

2. Protección do sistema hidrolóxico.

Co obxecto de evita-la propagación de contaminantes ás augas do río Támega, deberán adptarse as seguintes medidas:

2.1. A explotación non afectará a unha banda de protección do leito do devandito río, que terá unha anchura de polo menos 25 m, medidos entre a ribeira e a área de extracción.

Na devandita zona non poderán situarse instalacións auxiliares da explotación, aínda que estas sexan de carácter móbil.

2.2. Na zona obxecto do ámbito da presente declaración non se levarán a cabo labores mineras distintas ós de extracción descritas no proxecto.

2.3. Calquera vertido ó leito deberá contar coa previa autorización do correspondente organismo de conca.

2.4. As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios debrán ser conducidas a unha fosa séptica.

2.5. Os residuos que se poidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaránselle a un xestor autorizado.

2.6. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e elevados a vertidos autorizados antes do comezo dos traballos, non podéndose depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

3. Protección da vexetación e a paisaxe.

3.1. Respectarase sistematicamente a vexetación arbórea ou arbustiva presente na franxa de terreo á que fai referencia o punto 2.1 da presente declaración, así como aquela vexetación que, atopándose nos límites da explotación, sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

3.2. Así mesmo e co obxecto de minora-los impactos visuais e minimiza-los efectos producidos polo ruído, levantaranse as pantallas arbóreas que resulten necesarias, cunha disposición en triángulos de, polo menos, catro liñas de árbores en marco de plantación de 1 m.

4. Protección do patrimonio arqueolóxico.

4.1. Se no transcurso dos traballos de explotación apareceran restos de carácter arqueolóxico, deberá comunicarse, de forma inmediata, á Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental e ó Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

5. Plan de restauración.

O plan de restauración proposto considérase axeitado, non obstante:

5.1. Procederase á recuperación progresiva daquelas zonas que deixen de ser explotadas, aínda que non estivesen finalizados os labores de extracción.

5.2. Co carácter xeral os moiros finais da explotación, na súa parte seca e na súa parte húmida, ata a profundidade de 1 m terán unha pendente máxima 3 (H) : 1 (v), na totalidade do perímetro de charca.

5.3. Deberán configurarse zonas secas mediante a formación de illas, naturais ou artificiais, nunha densidade de unha illa por cada 5.000 m, coa superficie suficiente para garanti-lo sosego e benestar das aves que puidesen habitala, e cunha altura máxima duns 40 cms sobre a lámina de auga.

5.4. O recheo das plataformas de ribeira levarase a cabo preferiblemente con estériles da propia explotación e, se teñen outra procedencia, estarán exentos de productos contaminantes e que poidan modifica-las condicións físico-químicas das charcas.

5.5. Co fin de asegurar unha correcta revexetación das charcas utilizaranse nas distintas zonas da plataforma de ribeira, especies entre as sinaladas a continuación:

-Bordo ou perímetro exterior. Xéneros: Alnus, Salix, Fraxinus, Betula.

-Nivel medio plataforma. Xéneros: Juncus, Thypa.

-Nivel superior plataforma. Xéneros: Salix, Juncus.

-Nivel inferior. Xéneros: Thypha, Phargmites.

-Nivel subacuático. Xéneros: Potomogeton, Ranunculus.

-Nivel acuático. Xéneros: Ranunculus, Lemna.

5.6. Unha vez finalizada a explotación, deberanse desmantela-las instalacións adscritas á graveira e que puideran ser construídas durante o período de explotación.

6. Documentación adicional.

O promotor da explotación remitiralle, anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación, á Comisión Galega de Medio Ambiente, a través do órgano substantivo, a documentación que a continuación se relaciona:

-Resultado das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables e de partículas en suspensión, de acordo co exposto no punto 1.1 da presente declaración, e medidas correctoras propostas no caso de supera-los citados límites.

-Informe sobre a calidade das augas procedentes tanto das zonas inundadas pola explotación coma do río Támega, baseado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado.

-Reportaxe fotográfica sobre as medidas correctoras e protectoras levadas a cabo no correspondente ano e cronograma das accións de restauración previstas para o vindeiro ano, de acordo co punto 5.1 da presente declaración.

7. Condicións adicionais.

7.1. O órgano substantivo fixará un aval para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Esta aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

7.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Non obstante, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicada co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxícamente presentaran graves deficiencias para a súa implantación ou implicaran modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas

medidas propostas permitan acada-los obxetivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega de Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibidas a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

7.3. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

7.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstas, serán causa suficiente para que se proceda ó pecha cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

7.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo modificacións na actividade.

7.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto de explotación

O proxecto consiste na explotación dunha graveira para a extracción de áridos con destino á construcción en xeral e en especial á fabricación de formigón, situada no lugar denominado A Alameda, no concello de Oímbra, provincia de Ourense, e no que o promotor proxecta a extracción, carga e transporte de areas e gravas na contía dunhas 32.000 Tm/ano (19.000 m), sobre unha superficie dunhas 14,8 ha, ata esgota-lo recurso.

A explotación levarase a cabo con retroescavadora en banco seco ata unha profundidade de 2,50 m, no que se encontra o nivel freático. A partir da dita profundidade máxima de 10 m, non será necesario en ningún caso o emprego de explosivos.

O material arrincado levarase na súa totalidade á planta de tratamento próxima á zona de explotación, non realizándose lavado nin tratamento na área obxecto do estudio.

As instalacións constarán da maquinaria necesaria para o funcionamento da explotación. O número de traballadores será de 3 persoas.

ANEXO II

Medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avalización de impacto ambiental

Sobre a atmósfera. Rego periódico dos viais utilizados polos vehículos, durante os períodos secos, e cubrición dos camións de trasporte co obxecto de evita-lo desprendemento de po.

Sobre as augas. Reducción da pendente dos moiros ata 1:3 co obxecto de reduci-la erosión. Así mesmo, non se realizará ningún vertido hídrico nin na lagoa, nin no río Támega nin nos terreos adxacentes.

Sobre o solo. Retirada da capa de terra vexetal e almacenamento en caballóns de non máis de 2 m de altura e en zonas nas que non poida resultar afectada polo tránsito da maquinaria e por erosión hídrica. Así mesmo, non se depositarán ni na zona de explotación nin en terreos próximos residuos sólidos diferentes dos materiais procedentes da extracción.

Sobre a paisaxe e a vexetación. As únicas medidas serán as previstas na restauración, que comprende as seguintes operación: (1) Acumulación da terra vexetal. (2) Acondicionamento e remodelación do terreo: na zona de augas superficiais (1/4 do perímetro total) a pendente dos taludes será 1:3 ou menor, e na zona de augas profundas, os taludes manteranse con pendentes de polo menos 1:3. (3) Corrección do solo: extendido, fertilización e estercado. (4) Revexetación, mediante a sementeira de herbáceas, leguminosas e gramíneas, e a plantación de especies arbóreas propias da vexetación potencial da zona.

ANEXO III

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, e no que se refire ó aproveitamento do recurso e usos do solo, considera necesario ter en conta as normas subsidiarias de planeamento de Ourense, vixentes no concello de Oímbra.

A Dirección Xeral de Montes e M.A.N. establece adicionalmente as seguintes condicións:

-En relación ás charcas resultantes, unha vez abandonada a explotación, o promotor garantirá a permanencia no tempo das destas baixo a tutela e vixilancia da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-A pendente media nun tercio da charca para a plataforma de ribeira será de 1:3 asegurando unha lámina de auga de 1 m de profundidade sobre a base da dita plataforma, e nos dous tercios restantes 1:5 coa mesma lámina.

-O recheo das plataformas de ribeira levarase a cabo preferiblemente con estériles da propia explotación e, se teñen outra procedencia, estarán exentos de productos contaminantes e que poidan modifica-las condicións fisico-química das charcas.

-A servidume a cada lado do eixe dos viais non será inferior a 5 m tal e como se considera no proxecto.

-Co fin de asegurar unha boa revexetación das charcas utilizarase, nas distintas zonas da plataforma de ribeira, especies entre as sinaladas a continuación:

Bordo ou perímetro exterior. Xéneros: Alnus, Salix, Fraxinus, Bétula.

Nivel superior plataforma. Xéneros: Salix, Juncus.

Nivel medio plataforma. Xéneros: Juncus, Thypha.

Nivel inferior. Xéneros: Thypha, Phargmites.

Nivel subacuático. Xéneros: Potomogeton, Ranunculus.

Nivel acuático. Xéneros: Ranunculus, Lemna.

A Dirección Xeral de Saúde Pública considera necesario instalar pantallas vexetais co fin de amortecelo e, con relación ó oco inundado vixiar periodicamente o peche de tela metálica; non poderá utilizarse como zona de baño.

A Dirección Xeral de Industria informa favorablemente o estudio ambiental presentado establecendo, non obstante, as seguintes condicións:

-Con carácter xeral, os moiros finais da explotación na súa parte seca terán punha pendente máxima 3(H):1(V).

-Terán que configurarse zonas secas mediante a formación de illas, cunha densidade de dúas illas por hectárea.

-Os niveis de emisión de partículas sólidas non sperarán os límites establecidos no Decreto 833/1975.

-A composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados.

-A velocidade da maquinaria móbil, dentro dos límites da explotación, non superará os 15 km/h.

-Respetarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica.

-Co obxecto de minora-los impactos visuais e minimiza-los efectos producidos polo ruído, levantaranse pantallas arbóreas cunha disposición en triángulo de catro liñas de árbores en marco de plantación de 1 m.

-No referente ás pistas e viais, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.07.1.03.

-Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos tanto na zona de explotación coma en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregárselle a un xestor autorizado. (Sic.).

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental non presenta obxeccións ó devandito proxecto, dado que non consta catalogado ningún depósito arqueolóxico dentro da área onde se vai desenvolve-la explotación. Non obstante, advirte que calquera achado casual de restos arqueolóxicos deberá serlle comunicado, de forma inmediata, á Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental e ó Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Ourense, 12 de xuño de 1996.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense

6662