Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.742

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 313 que afecta ós montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro, da parroquia de Entrecruces (concello de Carballo).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 8 de xullo de 1996, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 8 de xullo de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación. O vocal José Manuel Caramés Franco,

representante das comunidades veciñais de montes en man común xustificou a súa ausencia por motivos laborais. Reunidos nesta data para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 313.

Monte: Bustelo, Berbia e Cargadoiro.

Parroquia: Entrecruces.

Concello: Carballo.

Resultando que diversos veciños da parroquia de Entrecruces, concello de Carballo, solicitaron con data 1-6-1993 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 66,75 Ha.

Lindeiros: coincide co monte Bustelo, Berbia e Cargadoiro nº 397 do CUP.

Norte: desde o piquete nº 1, seguindo a orde de piquetes ata o nº 67, con propiedades particulares de veciños das parroquias de Seavia e Silván, concello de Coristanco.

Leste: desde o piquete nº 67 ó nº 86, con propiedades particulares de veciños de Entrecruces.

Sur: desde o piquete nº 86 ó nº 168, con propiedades particulares de veciños de Entrecruces-Vilela.

Oeste: desde o piquete nº 168 ó nº 171 e deste ó nº 1, co monte Río do Sol, concello de Coristanco.

Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 28-6-1994, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor do mesmo a Ramón Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Carballo, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Carballo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 213, do 7-11-1995), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Resultando que os veciños de Entrecruces fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na posesión do citado monte de forma pública e pacífica en concepto de donos, así como no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo. Presentan copia de acta notarial na que os maiores do lugar declaran tal condición, así como de escrituras privadas con referencias á colindancia con parcelas de monte veciñal.

Resultando que ante o presente expediente a Comisión de Goberno do Concello de Carballo, en sesión do 16-10-1995, acordou emitir informe des

favorable para a declaración como veciñal en man común de tales montes, alegando que son propiedade do concello e que nunca estiveron destinados ó aproveitamento dos veciños. Figuran incluídos no inventario xeral do patrimonio do concello, clasificados como comunais, e están inscritos no Rexistro da Propiedade. Ó mesmo tempo solicita que sexa considerando como parte interesada no expediente para a defensa do que considera lexítimos intereses.

Por outro lado, o informe do servicio de montes fai referencia ós aproveitamentos realizados no monte en virtude do consorcio vixente entre o Concello de Carballo, a Deputación, e o Patrimonio Forestal.

Resultando que, recibida certificación do Rexistro da Propiedade, se constata a existencia de titulares rexistrais de predios que puideran estar enclavados naquel do que se pretende a súa clasificación. En concreto trátase de Práxedes Hernández Rodríguez, Daniel García Vázquez e Ricardo Vázquez Carracedo, ós que se dá trámite de audiencia mediante carta certificada, non obténdose resposta deles.

Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en mano común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que foron citados en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e oíronse as representacións dos promotores del así como do Concello de Carballo, ratificándose ámbalas partes nas súas alegacións.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos Art. 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Considerando que, de conformidade co contido do Art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Entrecruces, concello de Carballo, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (Art. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de septembro de 1992).

Considerando que o xurado, á vista dos escritos motivados dos dereitos dos solicitantes, así como os do Concello de Carballo, mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade de veciños de Entrecruces, o que é corroborado no correspondente informe do servicio de montes o cal administra o dito monte en nome do concello en virtude do convenio vixente, estima que non están suficientemente probados nin a pertenza nin os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puidesen ter sobre o monte os aspirantes a comuneiros, implicando que, o neste formulado é cuestión relativa ó dominio de tales montes da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, a substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Considerando que de acordo co exposto no resultando quinto, existen titulares de dereitos de propiedade protexidos pola inscrición rexistral, segundo consta no expediente, ós que se lles notificou conforme as previsións legais da vixente Lei de procedemento administrativo mediante carta certificada con xustificante de recepción.

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda que non hai lugar a pronunciarse sobre a cualificación como veciñal en man común do monte Bustelo, Berbia e Cargadoiro afectado polo presente expediente.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 8 de xullo de 1996.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

6997