Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.740

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 306 que afecta ó monte O Son, do lugar do Son, parroquia de Cee (concello de Cee).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 1 de xullo de 1996, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 1 de xullo de 1996 o Xurado

Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación. O vocal José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común xustificou a súa ausencia por motivos laborais. Reunidos nesta data para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 306.

Monte: O Son.

Lugar: O Son.

Parroquia: Cee.

Concello: Cee.

Resultando que diversos veciños do lugar do Son, parroquia de Cee, concello de Cee, solicitaron con data 15-1-1993 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 29,18 ha.

Lindeiros: coincide coa parcela 546, polígonos 16 e 19 do catastro de rústica. Dentro da mesma compréndese o monte San Andrés, dunha superficie de 11,52 ha, e excluído da presente cualificación.

Norte: Hrdos. de Celestino Canosa.

Leste: Camiño de Toba ó Son, J. Bouzas, camiño

público, Hrdos. de María Trillo, de novo camiño público e camiño de Toba ó Son, José Caeiro e outro, S. Roget, Humberto Creus e camiño.

Sur: Alejandro Domínguez e outros, camiño real que o separa do termo do concello de Corcubión.

Oeste: M. Castro, J. Yermo e outros.

Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 18-5-1993, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Juán Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Corcubión, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Cee, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 121, do 26-6-1995), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Resultando que os veciños do Son fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos remotos de leñas, madeiras, esquilmos e pastos no citado monte, sen adscrición de cotas. Presentan acta de comparecencia ante notario na que os máis vellos do lugar manifestan tal condición.

Así mesmo, o Concello de Cee informa sobre o monte, certificando a súa condición de veciñal en man común.

Resultando que ante o presente expediente formulou alegación o Concello de Corcubión, o cal considera que parte do monte solicitado polos veciños do Son é en realidade o monte San Andrés, aproveitado noutros tempos polos veciños de Corcubión, incluído nos límites do concello de Corcubión e actualmente consorciado co Servicio de Montes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Está incluído no inventario de bens do concello de Corcubión como ben de propios, e inscrito como tal no Rexistro da Propiedade.

Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, eisixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron o alcalde de Corcubión e os veciños do Son promotores da cualificación, ratificándose nas súas alegacións. Ámbalas partes comprometéronse a respecta-los posibles acordos preexistentes en relación ó deslinde entre os montes do Son e

San Andrés, recollidos, ó parecer, nunha acta ante notario do Concello de Corcubión. Os ditos acordos teranse en conta para a aprobación dunha acta de apeo.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, de 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Considerando que en conformidade co contido do Art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do Son, parroquia de Cee, concello de Cee, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de calificación.

Considerando que en relación á alegación presentada polo Concello de Corcubión, unha vez recoñecido o terreo por técnicos do Servicio de Montes e obtida a oportuna información do Servicio Xeográfico, comprobouse que o monte San Andrés está incluído no monte O Son solicitado como veciñal polos veciños do lugar do Son e situado polo tanto fóra dos límites do concello de Corcubión, estando suficientemente probados os aproveitamentos que vén facendo o Concello de Corcubión no citado monte, habendo constancia documental do que alega no resultando cuarto desta resolución en canto á propiedade e pacífica posesión del.

Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (Art. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no terceiro resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar do Son, parroquia de Cee, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar do Son,

parroquia de Cee, concello de Cee, o denominado monte O Son, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando, se ben se procede á exclusión do perímetro do denominado monte San Andrés, reivindicado na súa propiedade polo Concello de Corcubión, procedéndose ó seu apeo, do que se levantará a correspondente acta. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 1 de xullo de 1996.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

9606660