Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 17 de setembro de 1996 Páx. 8.442

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 339/1996, do 13 de setembro, de asunción de servicios transferidos á Comunidade Autónoma mediante o Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura ó Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) en canto ás actuacións relativas á intervención e regulación de mercados, e da asignación dos medios asumidos ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Polo Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, transferínronse á Comunidade Autónoma de Galicia os medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura, segundo o acordado no convenio de colaboración asinado entre ámbalas dúas administracións, sobre a intervención e regulación de mercados.

Semella, pois, conveniente, asumir de forma expresa tales medios, que se consignan relacionados no antedito Real decreto, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias, e asignárllelos ós órganos correspondentes da Administración autonómica de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Quedan asumidas as funcións e servicios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, sobre a xestión encomendada en materia de agricultura ó Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) en canto ás actuacións relativas á intervención e regulación de mercados nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias publicado coma anexo ó devandito real decreto.

2. Quedan asumidos os medios persoais e orzamentarios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, dos medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA) en canto ás actuacións relativas á intervención e regulación de mercados nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias publicado como anexo ó devandito real decreto.

Os bens, dereitos e obrigas, así coma o persoal e créditos orzamentarios que figuran nas relacións adxuntas ó anexo do real decreto citado asígnanse

ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Disposicións derradeiras

Primeira. O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes dictará cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6775