Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 16 de agosto de 1996 Páx. 7.784

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa José Piñeiro González e Hijos, S.L., no concello do Porriño (Pontevedra), e se inclúe esta no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente número 399/1995 A.T.).

Visto o escrito presentado pola empresa José Piñeiro González e Hijos, S.L., con domicilio para efectos de notificacións en Mosende, concello do Porriño (Pontevedra), e tendo en conta os seguintes, feitos:

Primeiro.-No citado escrito, que tivo entrada o día 20 de novembro do pasado ano 1995 na Consellería de Industria e Comercio, a citada empresa, dedicada ó aserrado e secado da madeira, solicitou a autorización administrativa, así como o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, e a inclusión no grupo d) do Art. 2 do dito real decreto, para a planta de coxeración de enerxía eléctrica que ten previsto instalar na factoría que posúe en Mosende-O Porriño (Pontevedra).

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous grupos motoxeradores cunha potencia de 2.250 kW c/u, con motor de combustión interna para gasóleo e xerador síncrono, 2 caldeiras de recuperación e equipos auxiliares de almacenamento de combustible, regulación, control e transformación e interconexión á rede da empresa subministradora. A dispoñibilidade horaria da planta será de 4000 horas/ano e o orzamento de execución de 469 millóns de pesetas.

Segundo.-Achega á devandita solicitude o preceptivo anteproxecto da instalación, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e do aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas, e o resto da documentación á que fai referencia o artigo 5.4º do RD 2366/1994.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do Sistema Eléctrico Nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou Resolución con data 21 de decembro de 1995 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación da referida planta de coxeración, que se publicou no DOG do 9-2-1996 e no BOP de Pontevedra do 7-2-1996, non presentádose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-A solicitude deste expediente conta co informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, sendo observadas na tramitación deste tódalas formalidades legais.

Fundamentos de dereito.

Primeira.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de Autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segunda.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que, para o tipo de combustible, se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994.

Terceira.-Examinada a documentación que consta no expediente, queda de manifesto que debe accederse ó solicitado pola empresa José Piñeiro González e Hijos, S.L. e, por conseguinte, proceder á autorización administrativa da planta e ó recoñecemento a esta da condición de instalación acollida ó réxime especial do RD 2366/1994.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa José Piñeiro González e Hijos, S.L., que se situará nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Mosende, concello do Porriño (Pontevedra).

Segundo.-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do RD 2366/1994, e incluíla no grupo d) do Art. 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no rexistro de instalacións de producción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións prevista no Art. 11 do RD 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así coma o punto de interconexión.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

5812