Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 16 de agosto de 1996 Páx. 7.763

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública a solicitude de concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Bergondo e a autorización do proxecto de instalacións gasificación do noroeste: ramal e rede da Coruña, promovido por Enagás, S.A.

De acordo co disposto na Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, artigos 39 da Lei de procedemento administrativo e 86 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, artigos 17 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu Regulamento, texto refundido da Lei sobre o réxime do solo e ordenación urbana, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia e demais normativa específica de aplicación, e para os efectos previstos no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 6 de maio de 1993, polo que se designa á Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e

resolución única do procedemento, sométese a información pública o proxecto gasificación do noroeste: ramal e rede da provincia da Coruña, declarado de utilidade pública polo artigo 10 da citada Lei 10/1987.

Peticionario: Enagás, S.A. con enderezo na Avda. de América nº 38, 28028 Madrid, titular da concesión administrativa outorgada por orde do conselleiro de Industria e Comercio, do 12 de marzo de 1993, para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industiais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada, Ferrol, Narón, Neda, Fene e Santiago de Compostela, ámbito no cal se inclúe o termo municipal da Coruña por resolución desta mesma consellería do 7 de xuño de 1993, estimatoria do recurso de reposición interposto contra a citada orde por Enagás, S.A.

Obxecto da petición: concesión administrativa para a condución e subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Bergondo (A Coruña) e autorización administrativa e aprobación do proxecto ramal e rede da Coruña.

A autorización administrativa que se solicita comprenderá, de acordo co que establecen os artigos 10 e 11 da citada Lei 10/1987, do 15 de xuño, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para o efecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

Características das instalacións: a subministración de gas para A Coruña e a súa zona industrial periférica ten a súa orixe na posición I-015 do Gasoducto de Transporte da Gasificación do Noroeste, sita no termo municipal de Abegondo, de onde parte un ramal en alta presión (72 bar) que unirá a posición I-015 coa posición I-015.1 situada no termo municipal de Culleredo.

A rede da Coruña ten a súa orixe na devandita posición I-015.1, onde se encontra unha estación de regulación e medida, tipo G-1000, de onde parte unha rede de tipo ramificado, dando lugar a un ramal R-1 para a subministración ós polígonos industriais de POCOMACO, A Grela, e Polígono de Sabón e o ramal R-2 que subministrará ás industrias situadas nas localidades de Culleredo, San Pedro de Nós, Cambre e Castro.

A calidade do aceiro empregado nas construccións será do tipo API-5L-X42 para o ramal á Coruña e API-5L-Gr.B para as condicións das redes, con diámetros de 10''para o ramal e de 12'' a 2'' para as redes de distribución, en función das conduccións da explotación, dotadas de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 16 bar para as redes de distribución e de 72 bar para o ramal.

As conduccións foron deseñadas para transportar un caudal de 38.000 Nm3/h.

As lonxitudes calculadas son as seguintes:

Ramal á Coruña: 12.839 m.

Rede da Coruña: 49.681 m.

Acometida eléctrica: a denominada posición I-015.1, situada no termo municipal de Culleredo, precisa de subministración de enerxía eléctrica para o seu correcto funcionamento, polo que o proxecto recolle a seguinte instalación auxiliar.

-Liña aérea de media tensión a 15 kV de 136 m de lonxitude, en conductor LA-56, de 54,6 mm e apoios metálicos.

-Centro de transformación intemperie de 25 kVA de potencia e relación de transformación 13,2/20-0, 4/0,231 kV, situado no apoio nº 3 de fin de liña.

-Acometida en baixa tensión desde o centro de transformación ó armario de protección e medida sito no valado da posición.

Termos municipais afectados: A Coruña (12.930 m), Culleredo (8.740 m), Arteixo (16.160 m) Cambre (12.587 m), Oleiros (2.216 m), Sada (82.902 m), Bergondo (602 m), Carral (2.010 m) e Abegondo (4.473 m).

Orzamento: mil douscentos sesenta e seis millóns once mil cen pesetas (1.266.011.100 pesetas).

Afección a predios particulares: a afección a predios particulares derivada da construcción do gasoducto e as súas instalacións auxiliares concrétase na seguinte forma:

Un. Expropiación forzosa en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán as instalacións fixas en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso, unha franxa de terreo de catro metros de largo para as redes de distribución por onde discorrerá soterrada a tubería ou tuberías que se requiran para a construcción do gas. Esta franxa estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de realizar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous metros contados desde o eixo da tubería.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar algún acto que puidese danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións a unha distancia inferior a dez metros do eixo do trazado para o ramal de transporte e cinco metros do eixo do trazado para as redes de distribución, a un e a outro lado deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instalalos fitos de sinalización, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflecte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres. Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica que estará suxeita á prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos e para realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación unha franxa de terreo de tres metros de largo (1,5 metros a cada lado do eixo das instalacións), así como o dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a distancia inferior á indicada.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicta para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro. Para as liñas eléctricas:

A) Servidume de paso de liña eléctrica aérea nunha franxa de terreo de dous metros de largo ó longo dela, que implicará:

1. Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar algún acto que poida dana-lo bo funcionamento da liña nunha franxa de cinco metros de largo, contando como centro da franxa a liña de postes do tendido.

2. Prohibición de plantar árbores de gran porte nunha franxa de dous metros de largo.

3. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demais titulares afectados polo dito proxecto, relación que se insire ó final deste anuncio, para que poida ser examinado o expediente na Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela e na Delegación Provincial da Coruña, edificio servicios múltiples, 1ª planta, Monelos, podendo presentar por triplicado nos devanditos centros as alegacións que se consideren oportunas, no prazo de vinte días a partir do seguinte ó da inserción deste anuncio.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9605669