Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 12 de agosto de 1996 Páx. 7.647

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xullo de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Vicente Risco.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Vicente Risco, con domicilio en Allariz (Ourense), rúa San Lorenzo, 4.

Supostos de feito.

1. José María de Castro Erroteta, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 19 de xuño de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Allariz (Ourense) o día 12 de abril de 1995, perante o notario Emilio Carballo Rodríguez, co número cento cincoenta do seu protocolo por Anxo Manoel Quintana González, Antonio Blanco Rodríguez e José María de Castro Erroteta. O 4 de outubro, outórgase escritura de rectificación por omisión por Antonio Blanco Rodríguez como membro, vocal, en nome e representación da Fundación Vicente Risco.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos a fundación ten por obxecto e finalidade:

a) A conservación da biblioteca, manuscritos, notas e debuxos de Vicente Risco, así como dos seus obxectos persoais e de obras artísticas que lle pertenceron , todo o cal se reunirá na casa de Allariz.

b) O estudio e difusión da obra de Vicente Risco.

c) A organización de grupos de traballo que estudien temas que foron particularmente caros a Vicente Risco, verbigracia: as literaturas fantásticas, as vangardas artísticas e literarias, a estética comparada, diferentes aspectos da literatura galega e o estudio da teoría do nacionalismo galego.

4. O padroado da fundación regúlase no artigo 10 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Vicente Risco, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei

11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de xullo de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Vicente Risco, e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5970