Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 12 de agosto de 1996 Páx. 7.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de xullo de 1996 pola que se modifica parcialmente a Orde do 19 de decembro de 1995 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas e agrupacións deportivas escolares, comarcais ou de zona para 1996.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, e as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra, veñen colaborando coas federacións deportivas galegas e os clubs deportivos galegos con sede nas respectivas provincias con programas de axudas económicas para o fomento de actividades deportivas. Para rendibilizar estes recursos, e con base no principio de coordinación entre as administracións públicas, estas institucións asinaron senllos convenios de cooperación, incidindo o seu obxecto e contido, pola súa vez, na Orde do 19 de decembro de 1995 (DOG nº 247, do 28 de decembro de 1995).

En virtude dos convenios asinados prodúcese un aumento dos créditos destinados á finalidade mencionada e faise preciso, así mesmo, abrir un novo período para a recepción de solicitudes dos interesados. Ámbalas dúas circunstancias xustifican a modificación, por ampliación, da devandita orde.

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 19 de decembro de 1995 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos extremos que de seguido se indican:

1.1º.-Programa III. Axudas a clubs.

As subvencións ás que se refire o artigo 1º A) da Orde do 19 de decembro de 1995 serán atendidas con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

1.2º.-Ámbito xeográfico e crédito máximo.

As subvencións ás que se refire a presente orde poderán ter por destinatarios as federacións deportivas galegas, con destino ós clubs deportivos da súa respectiva disciplina que teñan o seu domicilio social nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Para tal finalidade as administracións cofinanciadoras das axudas e subvencións, e con cargo á aplicación precitada, destinarán un total máximo de 372.626.736 ptas. na provincia de Pontevedra e de 385.663.822 ptas. no que se refire á provincia da Coruña.

1.3º.-As solicitudes dos interesados formalizaranse no modelo oficial que se xunta á presente como anexo I, achegando á solicitude unha referencia expresa sobre o número de entidades afiliadas á federación, de equipos e de licencias detalladas por categorías.

1.4º.-O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes efectuarase no Rexistro Xeral da Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben por calquera dos medios prescritos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1.5º.-Na tramitación, estudio e resolución das solicitudes observarase o pactado nos convenios de cooperación referidos.

Artigo 2º

No non previsto na presente orde observarase o disposto na de 19 de decembro de 1995 (DOG do 28).

Artigo 3º

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5946