Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 07 de agosto de 1996 Páx. 7.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 31 de xullo de 1996 sobre peche de oficinas de farmacia.

Trala entrada en vigor do Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, resulta manifesto que o único caso en que a nosa normativa admite o cesamento temporal das actividades das oficinas de farmacia é o desfrute do período vacacional máximo dun mes ó que se refire o artigo 4 do citado decreto.

Polo tanto, ó marxe de tal suposto e dos previstos en materia sancionadora, non procede outro peche temporal das oficinas de farmacia que, obviamente, o que traia orixe en forza maior.

Resulta, por iso, oportuno dictar unha norma que, con evidente carácter interpretativo, resolva definitivamente a anterior cuestión.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co disposto no Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, as ditas oficinas só poderán permanecer pechadas ó público fóra do horario ordinario de apertura e nos supostos de vacacións e forza maior.

O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo da obriga do cumprimento das quendas de urxencia nocturna e diurna reguladas no citado Decreto 253/1996.

Artigo 2º

En calquera outro suposto de peche dunha oficina de farmacia distinto ós mencionados no artigo anterior, a súa reapertura requirirá o levantamento da acta de inspección á que se refire o artigo 11 do Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia.

Artigo 3º

Se por causa de forza maior se pechase unha oficina de farmacia durante menos de 3 meses, a súa reapertura esixirá tan só comunicación ó colexio de farmaceúticos e á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan sen efecto, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o número 1 do artigo

8 da Orde do 17 de xaneiro de 1980, sobre funcións e servicios das oficinas de farmacia e cantas outras disposicións estatais se opoñan ó disposto na presente orde.

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1996.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9605847