Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 07 de agosto de 1996 Páx. 7.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 321/1996, do 26 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción da estrada Ponteareas-As Neves.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 29 de marzo de 1996, aprobou o proxecto de construcción da estrada Ponteareas-As Neves e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de xuño de 1996 de baixo o número 5875.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de xullo 1996, nº 6662.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras pertencen ó Programa Operativo Interreg II, España-Portugal, cofinanciados polo FEDER e fundaméntase en que o dito programa foi autorizado pola Dirección Xeral de Planificación do Ministerio de Economía e Facenda o 21 de xuño pasado, para a súa distribución en varias anualidades, de forma que ó aprobarse as ditas obras polo

Pleno Corporativo do 29 de marzo de 1996, absorbéronse as cantidades consignadas para 1994, 1995 e 1996, tal e como constata o informe do enxeñeiro xefe de Vías e Obras, no que se destaca a importancia de acometer canto antes as mencionadas obras, dado que supoñen o remate das realizadas no seu día con cargo ós plans transfronteirizos e Interreg 1990, 1991, 1992 e 1993, pois doutro modo quedarían incompletas aquelas estradas iniciais que supuxeron fortes investimentos durante moitos anos, co conseguinte prexuízo para o interese público.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción da estrada Ponteareas-As Neves.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9605848