Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 01 de agosto de 1996 Páx. 7.360

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de limpeza de institucións hospitalarias do Sergas da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial do sector de limpeza de institucións hospitalarias do Sergas (código nº 3200395) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpeza de Hospitais e da parte social pola central sindical; CIG, ambos con lexitimidade suficiente para asina-lo dito convenio, en xuntanza celebrada o 24 de abril de 1996, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición deste no libro de rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 23 de maio de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpeza de institucións hospitalarias do Sergas da provincia de Ourense

Artigo 1º

O presente convenio colectivo afecta ás empresas dedicadas á limpeza de institucións hospitalarias pechadas do Sergas da provincia de Ourense e o ámbito de aplicación deste convenio afecta a tódolos/as traballadores/as dependentes destas empresas e que presten os seus servicios nas institucións hospitalarias pechadas da Seguridade Social da provincia de Ourense.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio empezará a rexer desde a súa publicación no BOP de Ourense; non obstante os seus efectos económicos serán desde 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1996. O remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte. O convenio prorrogarase pola tácita de ano en ano, se por calquera das partes non fose denunciado, polo menos con tres meses de antelación ó final da súa vixencia. A fórmula de denuncia será mediante comunicación da parte denunciante á outra parte na que expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles/as que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas terá que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 4º.-Salario base, complemento de destino, complemento de productividade fixo e complemento específico.

O importe que hai que aboar nestes conceptos especificaranse nos anexos I e II deste convenio, que serán os mesmos que por este concepto cobren os/as limpadoras/es e os/as pinches do Sergas durante o ano 1996 e para o resto das categorías aumentarán en proporción correspondente ás táboas salariais de 1995.

Artigo 5º.-Complemento quenda fixa.

Todos aqueles traballadores/as que estean en quenda fixa, e dicir, en réxime de prestación de servicios que non comporte rotación, percibirán un complemento mensual de 2.588 ptas.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os/As traballadores/as comprendidos/as no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados no mesmo centro de traballo, na contía do 5% do salario base por cada trienio.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá dúas gratificacións extraordinarias, unha en xullo e outras no Nadal, cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade, máis o complemento de destino.

Artigo 8º.-Plus domingos, festivos e nocturnos.

O persoal que preste os seus servicios en domingos, festivos e traballos nocturnos percibirá a mesma cantidade que por este concepto se aboe ó persoal

de pinches do Sergas. O complemento de traballo en domingos e festivos será de 2.838 ptas./día traballado. Por noites fixas percibiranse 10.278 ptas. durante a primeira e segunda semana e 8.510, no caso de tratarse da terceira ou cuarta.

Artigo 9º.-Plus de toxicidade, perigosidade e penosidade.

Estes pluses aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 10º.-Xornada de traballo e descansos.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, entendéndose como traballados os 15 minutos de bocadillo naquelas empresas que o veñan desfrutando. Para o ano 1997 a xornada será a mesma do persoal de institucións hospitalarias do Sergas. As libranzas a que terán dereito os/as traballadores/as serán as mesmas que desfruten o persoal subalterno do Sergas, que nestes momentos son as seguintes:

-Descanso quincenal (dous ó mes).

-Os días 1, 2, 3 e 8 de abril.

-Os días 23, 24, 26, 27 e 28 de decembro.

-Os correspondentes ó terceiro sábado.

Se durante a vixencia do presente convenio se producise algún cambio de adxudicatario na prestación do servicio de limpeza dos centros nos que é de aplicación, será de conta de cada un dos adxudicatarios o aboamento das cantidades correspondentes ós descansos quincenal e de terceiro sábado non desfrutados polos traballadores/as durante a vixencia das súas respectivas adxudicacións, ou ben o desfrute acumulado destes sempre que se produza durante a vixencia das adxudicacións baixo as cales estes non foron desfrutados.

No que ós restantes descansos non desfrutados fai referencia, será por conta dos adxudicatarios o aboamento ou desfrute acumulado deles, sempre en estricta proporción ós períodos de vixencia das respectivas contratas, de tal maneira que cada unha delas se faga cargo dos días non descansados en proporción ó tempo de duración da adxudicación.

No suposto de que fosen os domingos ou festivos os non desfrutados, procederanse a facer actua-los mecanismos de compensación previstos no presente convenio, pero sempre considerando os períodos en que estes non foron desfrutados, procedendo entón da forma prescrita no parágrafo primeiro da presente disposición. Os días correspondentes a asuntos propios, en caso de coincidi-lo seu desfrute con licencias ou enfermidade, desfrutaranse noutra data que se establecerá de común acordo empresa-traballador/a.

Artigo 11º.-Festivos.

O/A traballador/a cunha xornada laboral que se desenvolva en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa poderá:

a) Desfrutar en compensación dun día de descanso semanal.

b) Percibir aboamento correspondente segundo a normativa vixente.

c) Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se realizarán horas extraordinarias de carácter normal, non obstante, poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural. Consideraranse horas extraordinarias motivadas pola forza maior as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que se realicen para prevelos. E as horas estructurais, as que con carácter extraordinario e esporádico se efectúen no seo dunha empresa para cubri-la realización dun traballo que non foi posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

Enviarase á Delegación de Traballo informe mensual da realiación e motivos destas horas e será realizado conxuntamente polo comité de empresa e a dirección e, se é o caso, polos delegados/as ou delegado/a de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo, así como o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e RDL 1985, do 20 de agosto, considerarase falta grave, para efecto do disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Licencias.

Logo da solicitude dos/as traballadores/as afectados/as, concederase licencia retribuída e polo tempo que se indica, nos casos seguintes:

-Polo matrimonio do/a traballador/a: 15 días naturais.

-Polo matrimonio de fillos/as: 1 día natural.

-Polo parte da esposa: 2 días naturais, se é na provincia, e 5 días, se é fora dela.

-Polo falecemento de cónxuxe e familiares en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, quere dicir, pais, nais, fillos/as, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos, fillos políticos, avós políticos e netos políticos: 3 días naturais, se é na provincia, e, se é fora dela, 5 días naturais.

-Polo falecemento de parentes no terceiro grao, quere dicir, tíos, bisavós políticos, bisnetos políticos e sobriños políticos: 1 día natural.

-Nos demais casos haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

-No caso de asistencia ó/á médico/a, o tempo necesario con xustificación e cun máximo de 3 horas. No caso de desprazamento ó especialista terase en

conta a distancia e, en consecuencia, o tempo indispensable.

Artigo 14º.-Excedencias.

Todo/a traballador cunha antigüidade de polos menos un ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a súa situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, non perdendo en ningún caso a antigüidade que tiña no momento de solicitala, e sendo obrigatorio para a empresa a concesión da excedencia.

Artigo 15º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres terán dereito a cambiar de posto de traballo, co fin de que en ningún caso estarán obrigadas a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos e infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

Concederase a todo o persoal, axeitada e regulamentaria roupa de traballo, funda para o persoal masculino e bata para o persoal feminino cada seis meses, zapatillas cada tres meses, luvas cada vinte días e zocos cada nove meses. O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios utilizados no momento que se produza a substitución.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral transitoria.

O/A traballador/a que cause baixa por accidente laboral, non laboral, maternidade ou enfermidade común, percibirá o 100% do salario convenio desde o primeiro día da baixa, incluídas as pagas extras.

Artigo 18º.-Extinción do traballo na contrata correspondente.

O persoal de limpeza que realice a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de dous meses, no caso do cesamento da contrata, terá dereito a continuar coa nova empresa adxudicataria cos servicios de limpeza do centro. Esta nova empresa adxudicataria, terá a obriga de absorber a este persoal respectándolle a antigüidade e demais dereitos adquiridos.

Artigo 19º.-Garantías dos cargos sindicais.

Por mor de situacións concretas, como son confección do cadro de horarios, calendario de vacacións, e acordo para a negociación colectivo, o empresario facultará as reunións nos locais da empresa ós traballadores/as e ós representantes sindicais durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora en tales casos e de común acordo para a designación do día e hora, sen menoscabo da realización de traballos urxentes que puidesen xurdir.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará dun mes natural de vacacións anuais retribuídas.

As vacacións tomaranse entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, non obstante, o persoal que desexe toma-las vacacións no resto dos meses do ano e sempre de acordo coa empresa, recibirá unha bolsa extrasalarial de 7.000 ptas. durante o período de vacacións.

Os traballadores que no momento de desfruta-las vacacións, se atopen de baixa por enfermidade ou accidente, terán dereito a desfrutalas inmediatamente despois de producirse a alta e dentro do ano natural.

Elaborarase un calendario de vacacións en cada empresa de acordo entre empresa, traballador/a e comité, de tal xeito que os traballadores desfruten das súas vacacións rotativamente, respectando a lexislación vixente.

O persoal da quenda de noite percibirá tamén o plus de nocturnidade na retribución de vacacións.

Artigo 21º.-Control médico.

Os traballadores que desempeñen o seu traballo en lugares radioactivos ou infecciosos terán dereito a control médico por parte da empresa, como mínimo unha vez ó ano.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos seguintes membros:

Parte económica: Asociación de Empresarios de Limpeza de Instituciones Sanitarias do Insalud de Ourense.

Parte social: Confederación Intersindical Galega (CIG).

Artigo 23º.-Xubilacións.

Todo/a traballador/a afectado/a polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos, ó amparo do previsto no RDL 15/1981, do 28 de agosto, neste suposto a empresa verase obrigada a contratar outro/a traballador/a perceptor/a de desemprego ou mozo/a demandante do primeiro emprego, a través dun contrato de idéntica natureza.

Disposicións xerais

Primeira.-Todo o que non se preveu no presente convenio estará disposto na ordenanza laboral de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada o 15 de febreiro de 1975, así como nas demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste, así como a copia dos boletíns de cotización da Seguridade Social no taboleiro de anuncios da empresa para coñecemento de tódolos/as traballadores/as, co fin de que constaten a súa situación laboral.

Terceira.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación de Empresarios de Limpeza de Institucións Sanitarias do Insalud de Ourense e a central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), con capacidade suficiente e lexitimación, de conformidade co disposto na Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Se se producisen nalgunha das empresas afectadas polo presente convenio, baixas de traballadores/as fixos/as do cadro de persoal dos centros sanitarios afectados, estes serán cubertos polos/as traballadores/as que teñan carácter de fixos.

ANEXO I

CategoríasSalario base

-Administrativos/as

Xefe/a de 1ª

96.218
Xefe/a de 2ª76.344
Caixeiro/a76.344
Oficial de 1ª75.317
Oficial de 2ª74.394
Auxiliar73.109
Cobrador/a72.751

-Mandos intermedios

Encargado/a xeral

89.820
Supervisor/a encargado/a zona78.218
Supervisor/a encargado/a sector75.317
Encargado/a grupo ou edificio73.612
Responsable de equipo72.738

-Persoal obreiro
Especialista72.738
Peón especializado72.738
Limpador/a71.802
Conductor/a-limpador/a72.738

-Persoal oficios varios

Oficial

72.738
Axudante71.802
Peón71.802

Traballadores/as menores de 18 anos: S.M.I.

ANEXO II

Complementos:

-O complemento de destino será de 30.714 ptas./mes para tódalas categorías.

-O complemento de productividade será de 11.746 ptas./mes.

-O complemento específico será de 5.458 ptas./mes.

4410