Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 01 de agosto de 1996 Páx. 7.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de xullo de 1996 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a realización e mellora de infraestructuras que fomenten a competitividade empresarial nos polígonos industriais situados na Comunidade Autónoma galega.

Os polígonos industriais e as infraestructuras de solo empresarial existentes en Galicia con anterioridade ó Plan de Solo Empresarial de Galicia do 14 de maio de 1991 e cun alto nivel de ocupación de empresas, teñen, como consecuencia dos anos transcorridos desde a súa creación, determinadas carencias infraestructrurais como pode ser en materia de novas tecnoloxías de comunicación, de adecuación daqueles ás esixencias de normativas actuais e de servicios comúns de carácter xeral que lles permita unha actualización permanente fronte ós seus competidores.

A Consellería de Industria e Comercio, consciente da necesidade de renovación constante destas infraestructuras, a teor das demandas actuais e para evita-la súa obsolescencia e co obxecto de motiva-las asociacións de empresas sen ánimo de lucro no esforzo común de renovación e actualización permanente e dentro das súas competencias en materia de fomento empresarial, estima oportuno apoiar a

estas agrupacións establecendo medidas que permitan desenvolver proxectos investidores en materia de comunicacións, formación, consultoría e seguridade.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a mellora dos servicios e o acondicionamento de infraestructuras construídas ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos polígonos industriais poidan alcanzar un maior nivel de competitividade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán as asociacións ou agrupacións de empresas que se encontran radicadas nos polígonos industriais postos en servicio con anterioridade ó Plan de Solo Empresarial en Galicia do 14 de maio de 1991 e cun nivel de ocupación do 60% en número de parcelas, con cargo á aplicación 08.02.711-C.780.0 dos seus créditos orzamentarios para 1996, e nos de carácter plurianual con cargo ás cantidades que proporcionalmente correspondan con cargo a cada un dos orzamentos respectivos, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables aqueles proxectos de investimentos que supoñan a incorporación de novos servicios e a actualización e mellora dos existentes en materia de comunicacións, subministración eléctrica, iluminación, saneamento, vías, ou a dotación de infraestructuras para a prestación de servicios avanzados que poidan ser prestados a través das propias asociacións con carácter horizontal que supoñan unha mellora na competitividade en materia de xestión, seguridade, formación, segundo o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

A contía máxima da subvención neta equivalente poderá alcanzar ata o 60% do investimento incentivable nas provincias de Lugo, Ourense, Pontevedra, e na antiga ZID de Ferrol, e o 50% na provincia da Coruña.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral dos servicios centrais, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 10/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, dentro dos 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes de concesión de axuda.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura no anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

* Memoria técnica da acción que se vai desenvolver.

* Proxecto asinado por técnico facultado e visado polo colexio oficial correspondente.

* Orzamento desagregado do investimento.

* Prazo de execución do investimento.

* Licencia urbanística , se fose o caso, que posibilite a execución do investimento. No caso de carecer dela no momento de face-la solicitude de subvención, será suficiente a presentación dun informe urbanistíco emitido polo concello no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanistíca vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa a sinalada licencia urbanística.

* Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante.

* Titularidade das infraestructuras do proxecto.

* Copia cotexada da licencia fiscal CIF.

* Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para a mesma actividade en calquera outra institución, organismo ou administración pública.

* Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 7º.-Estudio e avaliación das solicitudes.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 8º.-Concesión da axuda.

Examinada a documentación e logo do correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

No caso de investimentos plurianuais poderanse establecer excepcionalmente os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Poderanse autorizar pagamentos parciais da subvención cos requisitos sinalados no artigo 36 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais para a Comunidade Autónoma para 1996, non podendo superar en ningún caso o 80% da subvención concedida.

Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería de Industria e Comercio poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención concedida naqueles casos en que o investimento requira pagamentos inmediatos.

Artigo 9º.-Recoñecemento e pagamento da axuda concedida.

Para percibi-la subvención as asociacións ou agrupacións empresariais beneficiarias deberán achega-la documentación acreditativa da realización dos proxectos ou actuacións previstas para o ano 1996 antes do día 15 de novembro, nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, de tres exemplares consistentes en:

* Solicitude de cobramento.

* Memoria na que se detalle os investimentos e gastos realizados. O proxecto xustificativo deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión de subvención.

* Certificación por conceptos e de fin de obra visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización de obras e/ou instalacións.

* Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisase e non se achegase coa solicitude.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, logo de inspección, que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

As subvencións plurianuais que se concedan estarán suxeitas ó disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. Os beneficiarios presentarán a devandita documentación acreditativa dos investimentos realizados en cada anualidade antes de cada 15 de novembro.

Artigo 10º.-Xustificación.

Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación que se sinala no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que o investimento ou actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puideran derivar.

Artigo 11º.-Incumprimento.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigras estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 12º.-Normativa xeral.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9604339