Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.302

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL Decreto 1641/1996, do 5 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte marítimo.

A Constitución española dispón no seu artigo 149.1.20ª que o Estado ten competencia exclusiva en materia de mariña mercante e abanderamento de buques, iluminación de costas e sinais marítimos e portos de interese xeral. Así mesmo, o artigo 149.1.6ª e 8ª establece a competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación mercantil e lexislación civil, respectivamente.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, dipón no seu artigo 2.C que se transfire á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de transporte marítimo que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais, e no seu artigo 6, que o exercicio desta competencia se axustará, en todo caso, ó disposto polo Estado no exercicio das súas competencias, de acordo co artigo 149.1.20ª da Constitución.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que se axustarán os traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 25 de xuño de 1996, o oportuno acordo, cunha virtualidade práctica que esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa vitude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 5 de xullo de 1996.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, polo que se concretan as funcións e servicios da Administración do Estado que deben ser obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte marítimo, adoptado polo pleno da dita comisión, na súa sesión do día 25 de xuño de 1996, e que se transcribe com anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os créditos orzamentarios, que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Estes traspasos serán efectivos a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Fomento produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen de acordo coa relación número 1 do anexo serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financia-lo custo dos servicios traspasados á Comunidade Autónoma, unha vez que se remitan ó departamento citado, por parte da oficina orzamentaria do Ministerio de Fomento, os certificados de retención de crédito, co fin de dar cumprimento ó disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado para 1996.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de xullo de 1996.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

Certifican

Que no pleno da comisión mixta, celebrado o día 25 de xuño de 1996, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Administración do Estado, en materia de transporte marítimo, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara o traspaso.

O artigo 149.1.20ª da Constitución establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de mariña mercante e abanderamento de buques, iluminación de costas e sinais marítimos e portos de interese xeral. Pola súa parte, o artigo 149.1.6ª e 8ª establece a competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación mercantil e lexislación civil, respectivamente.

Así mesmo, e de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, a Comunidade Autónoma de Galicia ten transferida a competencia exclusiva en materia de transporte marítimo que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais, e segundo o seu artigo 6, axustándose, en todo caso, ó disposto polo Estado no exercicio das súas competencias, de acordo co artigo 149.1.20ª da Constitución.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que teñen que axustarse os traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsións normativas, procede realiza-lo traspaso de funcións, así como dos medios adscritos a elas, da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte marítimo.

B) Funcións da Administración do Estado que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servicios que se traspasan.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servicios relativos á actividade de transporte marítimo que se leva a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da mesma comunidade, sen conexión con portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

C) Funcións e servicios que reserva para si a Administración do Estado.

De conformidade co artigo 149.1.20ª da Constitución, quedan reservadas ó Estado, nos termos da lexislación vixente, as funcións relativas a mariña mercante, abanderamento de buques, iluminación de costas e sinais marítimos e portos de interese xeral.

D) Funcións en cooperación.

1. A Comunidade Autónoma informará, con carácter preceptivo, a autorización, modificación ou extinción de liñas regulares de transporte marítimo entre portos ou puntos doutros ámbitos territoriais que leven a cabo, tamén, actividades entre portos ou puntos do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

2. A Administración do Estado e a da Comunidade Autónoma facilitaranse a información relativa a rexistro de liñas de transporte, autorizacións de liñas e outros datos estatísticos, así como calquera información que resulte de interese para ámbalas administracións.

E) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios traspasados.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1990, lles corresponde ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma elévase a 1.371.930 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1996, que corresponde ó custo efectivo anual detállase na relación número 1.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 1, financiarase da seguinte forma:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio, a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, serán obxecto de regularización ó cerre do exercicio económico, mediante a presentación

das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación, que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

F) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega de documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aproba este acordo.

g) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de outubro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación, en Madrid, 25 de xuño de 1996.

Rosa Rodríguez Pascual

Alfonso Vaquero Marín

Secretarios da comisión mixta

RELACIÓN NÚMERO 1

Valoración do custo efectivo do traspaso a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte marítimo

(Datos do Orzamento do Estado para 1996)

Sección 17. Ministerio de Fomento.
Servicio 32: Dirección Xeral da Marina Mercante.
Programa 514-A: Seguridade de tráfico marítimo.
Pesetas
Capítulo I:
Artigo 122.000.000
Total custo efectivo

2.000.000

5730