Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.300

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1640/1996, do 5 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.

A Constitución española resérvalle ó Estado, no seu artigo 149.1.29º, a competencia exclusiva en materia de seguridade pública, sen prexuízo da posibilidade de creación de policías polas comunidades autónomas na forma que se estableza nos seus respectivos estatutos no marco do que dispoña unha lei orgánica.

Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 2.b) da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, a Comunidade Autónoma de Galicia ten transferida a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que se deben axusta-los traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión

Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 25 de xuño de 1996, o oportuno acordo, a virtualidade práctica que esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa sesión do día 5 de xuño de 1996,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía, polo que se concretan as funcións e servicios da Administración do Estado que deben ser obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos, adoptado polo pleno da dita comisión na súa sesión do día 25 de xuño de 1996, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que se citan no referido acordo da comisión mixta nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Estes traspasos serán efectivos a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio do Interior produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de xullo de 1996.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

Certifican

Que na sesión plenaria da comisión mixta, celebrada o día 25 de xuño de 1996, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Administración do Estado en materia de espectáculos públicos, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara o traspaso.

A Constitución no seu artigo 149.1.29ª, establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de seguridade pública, sen prexuízo da posibilidade de creación de policías polas comunidades autónomas na forma que se estableza nos respectivos estatutos no marco do que dispoña unha lei orgánica.

Así mesmo, e de conformidade co previsto no artigo 2.b) da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, a Comunidade Autónoma de Galicia ten transferida a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, e segundo o seu artigo 5, de conformidade co disposto no artigo 149.1.29ª da Constitución, o contido desta competencia enténdese sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións ás que se teñen que axusta-los traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsións normativas, procede realiza-lo traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.

B) Funcións da Administración do Estado que asume a Comunidade Autónoma de Galicia.

Traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do seu ámbito territorial, as funcións

que viña desempeñando a Administración do Estado en materia de espectáculos públicos.

C) Funcións que reserva para si a Administración do Estado.

1. A Administración do Estado poderá suspender ou prohibir espectáculos, manifestacións deportivas ou actividades recreativas, así como clausurar locais por razóns graves de seguridade pública.

2. A Administración do Estado poderá dictar normas básicas de seguridade pública para os edificios e instalacións nos que se celebren espectáculos e actividades recreativas.

3. Calquera outra que lle corresponda legalmente se afecta á seguridade pública.

4. A Administración do Estado poderá dicta-las normas que regulen as corridas de touros e novilladas, nos termos que establece a regulación vixente.

D) Funcións de cooperación.

Co fin de garanti-lo eficaz cumprimento das competencias do Estado en materia de seguridade pública, así como o eficaz exercicio das funcións asumidas pola Comunidade Autónoma:

1. A Administración do Estado comunicaralle á Comunidade Autónoma de Galicia as autorizacións relativas a probas deportivas que, desenvolvéndose parcialmente en territorio daquela, teñan un ámbito superior a ela.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Coordinará coa Administración do Estado aqueles aspectos da súa actividade regulamentaria sobre a materia que afecten á seguridade pública.

b) Comunicaralle á Administración do Estado as resolucións adoptadas en expedientes que poidan afecta-la seguridade pública e os asentamentos e anotacións que realice no Rexistro de Empresas e Locais.

3. O Ministerio do Interior, a través das forzas e corpos de seguridade do Estado, no exercicio da súa competencia sobre a seguridade pública, colaborará coa Comunidade Autónoma de Galicia na vixilancia do cumprimento da normativa en materia de espectáculos públicos.

E) Bens, dereitos e obrigas da Administración do Estado que se traspasan.

Os bens, dereitos e obrigas adscritos ós servicios que se traspasan mediante este acordo inclúense na relación de bens correspondentes ó acordo de traspaso en materia de asociacións.

F) Persoal adscrito ós servicios que se traspasan.

O persoal adscrito ós servicios que se traspasan mediante este acordo inclúense na relación de persoal correspondente ó acordo de traspaso en materia de asociacións.

G) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios traspasados.

A valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios que se traspasan mediante este acordo inclúese na correspondente ó acordo de traspaso en materia de asociacións.

H) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aproba este acordo.

I) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de outubro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid, 25 de xuño de 1996.

Rosa Rodríguez Pascual

Alfonso Vaquero Marín

Secretarios da comisión mixta

5729