Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.304

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1642/1996, do 5 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social.

A Constitución española dispón no seu artigo 149.1.6ª, 11ª e 13ª que o Estado ten competencia exclusiva sobre a lexislación mercantil; as bases da ordenación do crédito, banca e seguro, e as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Así mesmo, e de conformidade co previsto no artigo 2, parágrafo a) da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, a Comunidade Autónoma de Galicia ten transferida a competencia exclusiva sobre mutuas non integradas no sistema de Seguridade Social, respectando a lexislación mercantil.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que deben axustarse os traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da comisión mixta de transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 25 de xuño de 1996, o oportuno acordo, que esixe para a súa virtualidade práctica a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa sesión do día 5 de xullo de 1996,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, polo que se concretan as funcións e servicios da Administración do Estado que deben ser obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, adoptado polo Pleno da dita comisión, na súa sesión do día 25 de xuño de 1996, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os créditos orzamentarios que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Estes traspasos serán efectivos a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Economía e Facenda produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen conforme a relación número 1 do anexo, serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financia-lo custo dos servicios traspasados á Comunidade Autónoma, unha vez que se remitan ó departamento citado, por parte da Oficina Orzamentaria do Ministerio de Economía e Facenda, os certificados de retención de crédito,

co fin de lle dar cumprimento ó disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado para 1996.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e mais no Diario Oficial de Galicia e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de xullo de 1996.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

Certifican

Que no pleno da comisión mixta, celebrado o día 25 de xuño de 1996, se adoptou acordo sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara o traspaso.

A Constitución española no seu artigo 149.1.6ª, 11ª e 13ª resérvalle ó Estado competencia exclusiva sobre a lexislación mercantil; as bases da ordenación do crédito, banca e seguros, e as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfírenselle, no seu artigo 2, parágrafo a), á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre mutuas non integradas no sistema de Seguridade Social, respectando a lexislación mercantil.

Sobre a base destas previsións normativas procede realiza-lo traspaso de funcións, así como dos medios adscritos a elas, da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social.

B) Funcións da Administración do Estado que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servicios que se traspasan.

A Comunidade Autónoma de Galicia exercerá, respecto das mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, cun domicilio social, ámbito de operacións e localización dos riscos que aseguren limitados ó territorio da comu

nidade, as seguintes funcións que viña realizando a Administración do Estado:

1. Dicta-las normas para a súa regulación, respectando as bases de ordenación da actividade aseguradora.

2. Exerce-las facultades administrativas correspondentes, referidas a:

a) A autorización, revogación e rexistro das mutualidades de previsión social no integradas na Seguridade Social.

b) A vixilancia, inspección e control do seu funcionamento.

c) A autorización de fusións, escisións e transformacións e a facultade de acordar, cando proceda, a disolución de oficio.

Para tales efectos, enténdese por mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, as entidades privadas que operan a prima fixa ou variable, sen ánimo de lucro, fóra do marco dos sistemas de previsión que constitúen a seguridade social obrigatoria, e exercen unha modalidade aseguradora de carácter voluntario encamiñada a protexe-los seus membros ou os seus bens contra circunstancias ou acontecementos de carácter fortuíto e previsible mediante achegas directas dos seus asociados ou doutras entidades ou persoas protectoras, conforme a vixente lexislación sobre ordenación dos seguros privados.

Na súa denominación debe figurar necesariamente a indicación de mutualidade ou montepío de previsión social ou similar.

C) Funcións e servicios que reserva para si a Administración do Estado.

Seguirá sendo exercido polo órgano correspondente da Administración do Estado o alto control económico-financeiro das entidades que son obxecto do presente acordo de traspaso.

D) Funcións en que deben concorre-la Administración do Estado e maila Comunidade Autónoma.

Para os efectos previstos nos apartados anteriores, a Comunidade Autónoma de Galicia e maila Administración do Estado establecerán os mecanismos adecuados mediante os que a Comunidade Autónoma lle comunicará de forma inmediata ó Ministerio de Economía e Facenda cada autorización que conceda así como a súa revogación, e remitiralle anualmente ó dito ministerio os datos estatísticos e contables de cada entidade, manténdose entre a Administración do Estado e a da Comunidade Autónoma de Galicia a necesaria colaboración para efectos de homoxeneiza-la información documental e coordinar, se é o caso, as actividades de ámbalas administracións.

E) Bens, dereitos e obrigas do Estado que se traspasan.

Non existen bens, dereitos e obrigas neste traspaso.

F) Persoal adscrito ós servicios e institucións que se traspasan.

Non existen medios persoais no presente traspaso.

G) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios traspasados.

1. A valoración definitiva do custo que, en pesetas de 1990, corresponde ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma elévase a 133.061 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1996, que corresponde ó custo efectivo anual é o que se recolle na relación número 1.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 1 financiarase do seguinte xeito:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós ditintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, serán obxecto de regularización no momento do peche do exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación, que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

H) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

No prazo dun mes desde a entrada en vigor do real decreto polo que se aprobe o presente acordo, procederase a entrega-la documentación e mailos expedientes que documenten os procedementos administrativos, terminados ou en trámite, relativos ás mutualidades de previsión social que se enumeran na relación adxunta número 2, subscribirase para tal efecto a correspondente acta de entrega e recepción.

I) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de outubro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación, en Madrid, 25 de xuño de 1996.

Rosa Rodríguez Pascual

Alfonso Vaquero Marín

Secretarios da comisión mixta

RELACIÓN NÚMERO 1

Coste efectivo correspondente a Comunciade Autónoma de Galicia, segundo orzamento 1996

Sección 15. Ministerio de Economía e Facenda.
Servicio 29: Dirección Xeral de Seguros.
Programa 631.A: Dirección, control e xestión de seguros.
Pesetas
Capítulo I:
Artigo 12107.122
Capítulo II:
Artigo 2286.854
Total coste

193.976

RELACIÓN NÚMERO 2

Entidades de previsión social con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia e de ámbito circunscrito a ela.

DenominaciónEnderezo

Unión de Artesanos Mutualidad de Previsión SocialXeneral Pardiñas, 11. 15701 Santiago de Compostela (A Coruña)

Montepío de Previsión Social del NoroesteAvda. Cooperación B-1-14, 6. 15500 Fene (A Coruña)

Mutualidad de Citroën Vigo de Previsión SocialAvda. Citroën, 3-5. 36210 Vigo (Pontevedra)

Mutualidad Labauto-Allibert Orense de Previsión SocialPolígono Industrial S. Cibrao das Viñas, 5. 32901 Ourense

Mutualidad Indugasa de Previsión SocialAvda. Citroën, s/n. 36219 Vigo (Pontevedra)

5731