Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.306

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1643/1996, do 5 de xullo, sobre traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais.

A Constitución española establece no seu artigo 149.1.18ª que o Estado ten competencia sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas e, á súa vez, o artigo 36 da Constitución prevé que a lei regulará as peculiaridades propias do réxime xurídico dos colexios profesionais.

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, tansfírese no seu artigo 3 á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que deberán axustarse os traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da comisión mixta de transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 25 de xuño de 1996, o oportuno acordo, cunha virtualidade práctica que esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 5 de xullo de 1996,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, sobre traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais, adoptado polo Pleno da dita comisión na súa reunión do 25 de xuño de 1996 e que se transcribe como anexo do presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e créditos orzamentarios que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Estes traspasos serán efectivos a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Economía e Facenda produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinan de conformidade coa relación número 1 do anexo serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado destinados a financia-lo custo dos servicios traspasados á Comunidade Autónoma, unha vez que se remitan ó departamento citado, por parte da Oficina Orzamentaria do Ministerio de Economía e Facenda, os certificados de retención de crédito, co fin de dar cumprimento ó disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado para 1996.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e

no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de xullo de 1996.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

Certifican

Que na sesión plenaria da comisión mixta, celebrada o día 25 de xuño de 1996, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións en materia de colexios oficiais ou profesionais nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais e legais nas que se ampara o traspaso.

A Constitución española no seu artigo 149.1. 18ª reserva ó Estado a competencia sobre as bases do réxime xurídico das Administracións públicas; á súa vez, o artigo 36, tamén da Constitución, prevé que a lei regulará as peculiaridades propias do réxime xurídico dos colexios profesionais.

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfírese, no seu artigo 3, á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

Sobre a base destas previsións normativas, procede realiza-lo traspaso de funcións en materia colexios oficiais ou profesionais á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Funcións da Administración do Estado que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servicios que se traspasan.

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións que realiza a Administración do Estado en relación cos colexios oficiais ou profesionais con ámbito territorial esclusivamente comprendido dentro do territorio propio da comunidade.

Todo iso sen prexuízo de que os citados colexios manteñan a súa vinculación cos respectivos consellos xerais, como órganos de relación dos colexios oficiais ou profesionais no ámbito estatal e internacional.

C) Funcións e servicios que se reserva a Administración do Estado.

En relación cos colexios oficiais ou profesionais, permanecen na Administración do Estado as seguintes funcións:

1. Establecemento das bases do réxime xurídico dos colexios oficiais ou profesionais.

2. Regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos profesionais, conforme o artigo 149.1.30ª da Constitución.

D) Funcións compartidas entre ámbalas administracións.

A Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia colaborarán entre si, directamente ou, se é o caso, mediante os consellos xerais correspondentes, para a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins destas corporacións.

E) Bens, dereitos e obrigacións que se traspasan.

Non existen bens, dereitos e obrigacións no presente traspaso.

F) Persoal adscrito ós servicios que se traspasan.

Non existe persoal no presente traspaso.

G) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios traspasados.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1990, corresponde ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma elévase a 148.786 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1996, que corresponde ó custo efectivo anual é o que se recolle na relación número 1.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 1 financiarase da seguinte forma:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio, a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, serán obxecto de regularización ó peche do exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación, que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

H) Documentación e expedientes que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes que correspondan ás funcións traspasadas realizarase, polos ministerios afectados en cada caso, no prazo de tres meses, desde a entrada en vigor do real decreto polo que se aprobe este acordo, e levarase

a efecto mediante a oportuna acta de entrega e recepción.

No suposto de que con anterioridade á efectividade do traspaso se presentasen ante os ministerios competentes expedientes de creación de colexios de ámbito autonómico, ou de creación, por segregación, doutros de ámbito supracomunitario, ou de modificación do ámbito territorial existente, unha vez realizadas polo ministerio as actuacións no ámbito da súa competencia, remitirase o expediente á Comunidade Autónoma para a súa definitiva resolución.

I) Data de efectividade dos traspasos.

O traspaso de funcións obxecto do presente acordo terá efectividade a partir do día 1 de outubro de 1996.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid, 25 de xuño de 1996.

Rosa Rodríguez Pascual

Alfonso Vaquero Marín

Secretarios da comisión mixta

RELACIÓN NÚMERO 1

Valoración do custo dos servicios traspasados

Sección 15. Ministerio de Economía e Facenda

ServicioProgramaConcepto

orzamentario

Pesetas

1996

01 Ministerio, Subsecretaría e Servicios Centrais611 ACapítulo I216.900

5551