Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 12 de xullo de 1996 Páx. 6.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xuño de 1996 pola que se dictan as directrices ás que deberán axustarse as delegacións provinciais para a elaboración do calendario escolar nos centros de niveis non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Desde o curso 1990/91 véñense dictando ordes que supoñen un proceso de descentralización na elaboración do calendario escolar para os centros de niveis non universitarios dependentes desta consellería, e establécese que as propias delegacións provinciais, respectando as directrices fixadas con carácter xeral pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, elaboren o calendario escolar, co fin de axustalo ás especificacións das respectivas provincias.

A experiencia positiva das medidas introducidas en anos interiores fai aconsellable continuar na liña iniciada. En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

As delegacións provinciais elaborarán o calendario escolar que rexerá para o curso 1996/97 nos centros de niveis non universitarios dependentes delas, de acordo coas directrices seguintes:

1. O curso escolar abranguerá en educación infantil, educación primaria e EXB desde o día 2 de setembro de 1996 ata o día 30 de agosto de 1997.

En BUP, FP e ensinanzas de réxime especial o curso abranguerá desde o día 16 de setembro de 1996 ata o 13 de setembro de 1997. Excepcionalmente neste curso adaptaranse a estas datas os cursos da educación secundaria obrigatoria.

2. As clases comezarán o día 16 de setembro en educación infantil, educación primaria e EXB. Os primeiros días do referido mes o profesorado dedicaraos a aplica-las probas de avaliación para os alumnos de EXB, e elabora-la programación xeral anual que se vaia realizar, traballos sobre o proxecto educativo e curricular do centro e a organiza-lo curso.

Nos centros de BUP e FP e ensinanzas de réxime especial de titularidade pública, as clases comezarán o día 27 de setembro. Adaptaranse a estas datas os cursos da educación secundaria obrigatoria implantados anticipadamente. Os primeiros días de curso e mentres non dean comezo as clases, o profesorado dedicaraos a elabora-la programación xeral anual, a traballar sobre o proxecto educativo e curricular do centro e a organiza-lo curso.

3. En educación infantil, educación primaria, educación xeral básica e primeiro curso de educación secundaria obrigatoria durante os meses de setembro e xuño establecerase a xornada lectiva continuada.

4. Fixaranse períodos de vacacións de Nadal, cun máximo de 17 días, e Semana Santa cun máximo de 10 días.

5. Fixaranse, igualmente, os días festivos para efectos académicos que, en todo caso, deberán incluí-las festas do entroido e as correspondentes ós patróns dos distintos niveis educativos, sen prexuízo da posibilidade de unificar nunha única xornada escolar as festividades correspondentes ós respectivos patróns nos centros nos que se imparte educación primaria/ EXB ou calquera das modalidades de ensino secundario.

6. O calendario escolar deberá incluír, polo menos, as seguintes conmemoracións:

-4 ó 20 de decembro. Conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-10 de decembro. Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro. Día da Paz.

-14 de marzo. Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-14 ó 18 de abril. Semana da Prensa, da que o 18 se declara «con periódicos e sen libros».

-Entre o 2 e 23 de abril. Día do Libro.

-7 de abril. Día Mundial da Saúde.

-9 de maio. Día de Europa.

-12 ó 17 de maio. Semana das Letras Galegas.

-5 de xuño. Día Mundial do Medio Ambiente.

Estas datas son lectivas para tódolos efectos. Sen prexuízo do anterior, os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salienta-la importancia das referidas conmemoracións. No caso de que algunha coincida en festivo, trasladarase ó día lectivo inmediatamente anterior.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1995.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5107