Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 10 de xullo de 1996 Páx. 6.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xuño de 1996 pola que se establecen axudas para a cobertura de parte dos xuros que deberán aboa-los titulares dos centros privados concertados de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia polo préstamo bancario para a adaptación das instalacións ás ensinanzas da Lei orgánica 1/1990, xeral do sistema educativo.

A Lei 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece no seu artigo 14 que os centros docentes deberán reunir uns requisitos mínimos referidos a titulacións académicas do profesorado, relación numérica profesor/alumno, instalacións docentes e deportivas e número de postos escolares.

Así mesmo, a disposición adicional sexta da Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, modifica o artigo 23 da anteriormente citada Lei 8/1985, condicionando a apertura e funcionamento dos centros docentes privados á previa autorización administrativa que se concederá sempre que aqueles reúnan os requisitos mínimos esixibles no devandito artigo 14.

Consonte o anterior promúlgase o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitario, no que respecta a aulas, salas de usos polivalentes,

patios, bibliotecas, espacios cubertos (incluídos vestiarios, duchas, almacéns, ...), aseos e servicios hixiénico-sanitarios, despachos, salas de profesores e asociacións, laboratorios, eliminación de barreiras para diminuídos, etc.

Co obxecto de que os centros privados sostidos con fondos públicos que, tendo necesidade de proceder á adaptación das instalación ós requisitos mínimos esixibles polo devandito Real decreto 1004/1991, poidan reducir parte da carga financeira,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar axudas que consistirán na cobertura pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de parte dos xuros dos préstamos entregados ós titulares dos centros privados concertados dos niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de proceder á adaptación de instalacións para imparti-las ensinanzas previstas na Lei orgánica 1/1990, xeral do sistema educativo.

Segundo.-O importe que se concederá estará en función da disposición orzamentaria e con cargo á aplicación 07.03.221A.770.0 do vixente orzamento, podendo concederse ata un máximo de 5.000.000 (cinco millóns) de ptas. por axuda e centro docente.

A parte dos xuros de cada petición que será cuberta, determinarase en función do número de peticións tomando en consideración os seguintes datos:

a) Importe do préstamo, ou capital pendente de pagamento na data en que a subrogación se formalizase.

b) Tipo de xuro do préstamo na data da súa formalización ou da subrogación, segundo proceda, tanto se é o xuro fixo ou variable.

c) Prazo total de amortización do préstamo ou, se é o caso, de subrogación. O período de carencia, se o houbese, computarase como prazo de amortización.

O importe total da axuda concedida aboarase dunha soa vez directamente ó titular do centro docente e aplicarase á reducción do capital prestado, de acordo coas fórmulas bancarias usuais, de xeito que, aínda que o xuro nominal continuará sendo o pactado, a cantidade que devolverá o solicitante (capital máis xuros) será equivalente á que se obtería coa reducción do tipo.

Terceiro.-Os centros deberán reuni-los requisitos seguintes:

1. Ter realizado ou estar realizando as obras de adaptación pertinentes, o que deberá xustificar documentalmente.

2. Ter concedido un préstamo bancario ou por entidade financeira para a realización das obras citadas.

Cuarto.-As solicitudes presentaranse no modelo de instancia que figura no anexo I da presente orde, acompañadas da documentación que figura nela:

a) Documentación acreditativa da personalidade xurídica do centro e, se é o caso, poder do asinante e fotocopia do DNI.

b) Certificación/s da empresa constructora relativa/s ás obras realizadas e importe destas ou proxectos de obras e contrato para aquelas adaptacións que se están realizando ou se van realizar.

c) Copia da póliza ou escritura do préstamo e cadro de amortización deste.

d) Certificación pola entidade financeira de xuros pendentes de aboar á data de final da convocatoria.

e) Compromiso do titular do centro ou representante legal de destina-la axuda que se conceda á finalidade solicitada.

f) Fotocopia da tarxeta do NIF.

g) Certificación bancaria ou da entidade financeira na que se especifique que a conta onde se ingresará a axuda, se é o caso, é de titularidade do solicitante.

Quinto.-As instancias e documentación acompañante presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As delegacións provinciais remitirán as instancias e documentación á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, no prazo de dez días.

Sétimo.-Para a proposta de concesión de axudas teranse en conta os seguintes criterios prioritarios, ademais dos indicados no parágrafo segundo do punto segundo da presente orde:

a) Que o titular sexa unha cooperativa.

b) Atención ás necesidades de escolarización de zonas con déficit de postos escolares.

c) Calidade do proxecto (ampliación, reforma, adaptación, etc.)

Oitavo.-A proposta de concesión será realizada por unha comisión composta por:

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

Subdirector xeral de Centros.

Xefe do Servicio de Centros, que actuará como secretario.

2 representantes das organizacións patronais máis representativas do ensino privado concertado.

Noveno.-A comisión, á vista das solicitudes recibidas, unha vez verificado que se cumpren os requisitos e que se trata dun centro concertado, elaborará unha proposta provisional, na que figurarán os centros ós que se concede axuda, así como o seu importe, e os centros ós que se lles denega, indicando o motivo desta.

Décimo.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros cumprirá o trámite de audiencia, que será iniciado coa notificación ós interesados da concesión ou denegación, concedéndose un prazo de quince días para formula-las alegacións oportunas.

Undécimo.-Transcorrido o prazo concedido para o trámite de audiencia, a comisión analizará as alegacións presentadas e, se é o caso, emitirá unha nova proposta de distribución.

Duodécimo.-O director xeral de Ordenación Educativa e centros elevará a proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na que figurarán os centros coas axudas concedidas, así como os excluídos e razóns da dita exclusión.

Décimo terceiro.-A resolución da presente convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia, e nela figurarán os centros beneficiarios da axuda, así como a contía concedida.

Décimo cuarto.-Para o pagamento da axuda os beneficiarios deberán presentar, con anterioridade ó 31 de decembro de 1996, a seguinte documentación, sempre que non a xuntanse á solicitude:

a) Certificacións administrativas de estaren ó día das obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non teren débeda pendente de pagamento por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

b) Facturas e outros documentos xustificativos do gasto que acrediten a realización do proxecto de investimento que se subvenciona.

c) Aceptación da axuda polos beneficiarios.

Décimo quinto.-Os centros beneficiarios xustificarán, no prazo dun mes contado a partir da recepción da axuda concedida, que esta foi aplicada á reducción de xuros correspondentes ó préstamo para a adaptación ás ensinanzas da LOXSE de instalacións educativas de centros privados.

Décimo sexto.-Procederase á revogación da axuda co reintegro dos importes percibidos máis os xuros de mora nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de presentación de xustificantes no prazo e condicións establecidas na presente orde.

b) Obte-la axuda sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras.

c) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

Décimo sétimo.-A consellería, de dispor de crédito orzamentario suficiente, poderá prorroga-la

concesión das axudas sempre que o beneficiario o solicite con anterioridade a finalización do prazo máximo de presentación de xustificantes expoñendo as razóns que imposibilitaron o seu cumprimento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para aplicar e desenvolve-lo disposto na presente orde.

Segunda.-A resolución da convocatoria esgota a vía administrativa, podendo interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5146