Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 10 de xullo de 1996 Páx. 6.760

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 7 de xuño de 1996 pola que se establece o programa de axudas para a mellora da competitividade nas empresas.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5, autoriza a este ente público para

realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera acción que favoreza o desenvolvemento económico de Galicia. Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, no seu apartado ch), establece como unha das funcións do Igape favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas.

Neste sentido, Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, homologado oficialmente, segundo acordo da Comisión Europea (axuda estatal nº 21/95, SG(95)10-433, do 31 de xullo de 1995) prevé como mecanismo de axudas ó desenvolvemento industrial e á contratación de persoal especializado a subvención a fondo perdido sobre os custos tanto de proxectos ou programas de desenvolvemento, como da contratación de profesionais, empresas especializadas ou persoal directivo ou técnico altamente cualificado que polos seus coñecementos ou experiencia resulten totalmente necesarios para a posta en marcha e viabilidade dos ditos proxectos ou programas.

No artigo 13 do decreto mencionado establécese que a convocatoria de axudas ó amparo do mesmo será realizado por cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia dentro do ámbito das súas competencias mediante a aprobación das disposicións ou resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento das ditas axudas.

Pola outra parte, tendo en conta o carácter do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como instrumento básico da Xunta para o desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, o programa de axudas establecido na presente orde terá que integrarse como unha peza máis dentro do sistema promocional deste ente público integrándose na fase III do Plan Integral de Mellora da Empresa Galega (Pimega) que se dirixe á posta en marcha das diferentes técnicas e ferramentas de mellora da competitividade, co desenvolvemento e implantación de plans de mellora. Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde regula o procedemento de concesión das axudas previstas no Decreto 309/1995, do 23 de novembro sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia para os seguintes programas:

-Apoio á implantación de proxectos de investigación e desenvolvemento industrial en Galicia, consistentes na subvención a fondo perdido sobre o custo de proxectos ou programas de desenvolvemento industrial, de normalización, homologación, xestión, control e mellora da calidade.

-Apoio á contratación de persoal especializado, consistente na subvención a fondo perdido sobre

o custo da contratación de empresas consultoras especializadas necesarias para a posta en marcha dun proxecto empresarial.

Artigo 2º.-Xestión e concesión das axudas.

A concesión e xestión destas axudas serán efectuadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con cargo ós conceptos de gasto 0330 71202 77010, e o seu crédito é de 60.000.000 de ptas. para o ano 1996 e de 120.000.000 de ptas. para o ano 1997, do programa Pimega. A concesión das axudas previstas estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas todos aqueles empresarios individuais, sociedades, asociacións, agrupacións de empresarios e entes públicos e privados que realicen actividades previstas no artigo 4 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, que teñan o centro da súa actividade ou algún centro de traballo en Galicia e que presenten proxectos relacionados co desenvolvemento industrial que afecten ós seus procesos de negocio, destinados a acadar melloras competitivas acordes coa estratexia da empresa.

Artigo 4º.-Proxectos subvencionables.

Poderán ser obxecto de subvención ó amparo desta orde os seguintes proxectos de desenvolvemento que incidan na mellora da organización e xestión empresarial:

1. Proxectos de diagnóstico. Que comprenderán aqueles proxectos de diagnóstico da situación actual, análise e/ou definición de liñas de desenvolvemento futuro, definición de estructuras organizativas, deseño do sistema de calidade, certificación de empresa ou de desenvolvemento de melloras na xestión.

Estes proxectos caracterízanse por ter un reducido impacto na organización da unidade productiva e, por conseguinte un baixo risco na súa implantación, o seu menor custo e un reducido período de realización.

2. Proxectos de implantación de plans de mellora. Que comprenderán aqueles proxectos de implantación de melloras competitivas, análise de alternativas de diversificación ou estudios de mercado internacionais.

Estes proxectos caracterízanse por ter un forte impacto na organización da unidade productiva e, por conseguinte, un elevado risco na súa implantación, o seu maior custo e un dilatado período de realización.

Artigo 5º.-Proxectos de diagnóstico.

Para os proxectos de diagnóstico da situación actual, análise e/ou definición de liñas de desenvolvemento futuro, definición de estructuras organizativas, deseño do sistema de calidade, certificación de empresa ou de desenvolvemento de melloras na xestión, a axuda do Igape consistirá nunha

subvención a fondo perdido sobre os gastos externos á empresa necesarios para a realización do proxecto que non representen investimento en activos fixos tanxibles.

Esta subvención poderá acadar ata o 50% do custo subvencionable, cun máximo de 400.000 (catrocentas mil) pesetas por proxecto. Para os proxectos que comprendan a realización da documentación básica do sistema de calidade (manual de calidade, manual de procedementos e instruccións técnicas) o límite de subvención poderá ampliarse ata 800.000 (oitocentas mil) pesetas.

Poderase subvencionar máis dun proxecto a unha soa empresa, sempre e cando tódolos proxectos presentados teñan, a xuízo do Igape, coherencia e relación entre si.

Artigo 6º.-Proxectos de implantación de plans de mellora.

A axuda do Igape para os proxectos de implantación de melloras competitivas, análise de alternativas de diversificación ou estudios de mercado internacionais poderá consistir en:

a) Subvención dos gastos de contratación dunha empresa de consultoría externa, necesaria para a implantación do proxecto.

b) Subvención dos gastos externos á empresa, de carácter intanxible, necesarios para a posta en práctica das melloras de xestión. A subvención máxima por este concepto será de 800.000 (oitocentas mil) pesetas.

A subvención por ámbolos conceptos, a) e b), poderá acadar ata o 60% dos custos incentivables, cun máximo de 3.000.000 (tres millóns) de pesetas por empresa e proxecto.

c) Asignación ó proxecto dun bolseiro posgraduado na titulación ou titulacións requiridas, sempre e cando existan solicitudes suficientes dos mesmos e segundo as condicións da convocatoria anual de bolsas do Igape.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. A solicitude das axudas a que se refire a presente orde deberán presentarse, por triplicado, no Instituto Galego de Promoción Económica, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e acompañadas da instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo formato establecido no anexo I.

2. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria presentación da empresa, onde conste a súa actividade, historial con referencia dos feitos máis significativos, volume de facturación, número de empregados e instalacións que posúe, estructura organizativa, productos que comercializa, clientes e mercados ós que atende, situación actual do negocio e previsións sobre a situación futura del.

b) Certificados oficiais de estar ó corrente das obrigas tributarias e dos pagamentos á Seguridade Social. Certificación de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

c) Se o solicitante é persoa xurídica, fotocopia da tarxeta de persoas xurídicas e entidades en xeral establecida en aplicación do Real decreto 2423/1975, do 25 de setembro, escrituras de constitución e/ou modificación inscritas, se é o caso, nos rexistros que sexan legalmente procedentes, así como, escritura de poderes e DNI do asinante da instancia.

d) Se o solicitante é persoa física, fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal, establecida en aplicación, do Real decreto 2423/1975, do 25 de setembro e DNI.

e) Declaración do solicitante na que se fagan consta-las axudas obtidas, as solicitadas e as que se prevexan solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto obxecto da solicitude de axuda ou parte del, segundo modelo do anexo II.

f) Relación de documentación achegada, segundo modelo do anexo III.

3. Para os proxectos de diagnóstico achegarase ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que conterá as actividades que se vaian realizar e os obxectivos previstos coa súa realización, onde figuren descritos tódolos elementos significativos para a avaliación do proxecto, de acordo cos criterios de avaliación do artigo 11.1º.

b) Facturas pro forma ou orzamentos detallados aceptados polo solicitante, relativas ás contratacións externas que se vaian realizar para o desenvolvemento do proxecto.

4. Para os proxectos de implantación de plans de mellora achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, onde figuren descritos tódolos elementos significativos para a avaliación do proxecto, de acordo cos criterios de avaliación do artigo 11.2º.

b) Balance e conta de resultados dos anos 1994 e 1995, auditados cando o solicitante estea legalmente obrigado á realización de auditorías.

c) Cadro de resultados do proxecto, elaborado de acordo coas instruccións do anexo IV.

d) Cronograma de Gantt de desenvolvemento do proxecto, onde consten tarefas que haxa que realizar, prazo de execución e productos resultados delas.

e) Descrición detallada do custo do proxecto.

f) Memoria presentación da empresa de consultoría externa para os custos do cal se solicite subvención onde se indique a súa organización, meto

doloxía e saber facer en relación ó tema obxecto do proxecto. O solicitante poderá ser eximido da súa presentación se os ditos datos xa constan ó Igape por razón do programa Pimega, debendo solicita-la dita exención na solicitude.

g) Descrición das tarefas asignadas ó bolseiro dentro da planificación do proxecto.

Artigo 8º.-Acceso restrinxido ós rexistros e documentos.

En atención á naturaleza estratéxica dos proxectos para os que se solicite subvención ó amparo da presente orde, non se poderá exercer por terceiros o dereito de acceso ós rexistros e ós documentos que formen parte dun expediente, de acordo co previsto no artigo 37.5º d) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX/PAC).

Artigo 9º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes empezará á entrada en vigor da presente orde e rematará o 29 de novembro de 1996.

Artigo 10º.-Emenda e mellora de solicitudes.

Na fase de instrucción do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados, requirindo o interesado para que, se é o caso, emende a falta, xunte ou mellore os documentos preceptivos no prazo máximo de dez días, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite de acordo co establecido no artigo 71 da LRX/PAC e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

En calquera estado do procedemento, o Igape poderá requiri-la documentación ou realiza-las actuacións que considere oportunas para os efectos de comprobar ou amplia-la información achegada polo solicitante.

O Igape notificará, por escrito, estes requirimentos ó interesado, fixando un prazo de 15 días laborables para achega-la documentación solicitada. A non contestación ou contestación parcial para estes requirimentos poderá ser motivo de denegación da axuda solicitada ou de revogación da axuda concedida.

Artigo 11º.-Avaliación.

1. Para a cualificación dos proxectos de diagnóstico como incentivables e a determinación, se é o caso, da contía da axuda, teranse en conta os seguintes factores:

a) O carácter innovador do proxecto nas vertentes técnica e comercial.

b) O sector no que se desenvolva o proxecto.

c) A inclusión do mesmo dentro de plans asociativos de empresas para compartir e reduci-los custos de investigación.

d) A cooperación ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

2. Para os proxectos de implantación de plans de mellora do artigo 6º desta orde, o Igape resolverá sobre as solicitudes correctamente presentadas, atendendo, ademais dos anteriores, ós seguintes criterios:

a) A aplicación práctica do proxecto no relanzamento da empresa, para o que se terán en conta os seguintes factores:

I) Proxecto con impacto claro nos procesos primarios da empresa. Defínense procesos primarios como aquela secuencia de actividades que teñen como fin último atender unha necesidade do cliente final, sexa mediante a obtención dun producto, a prestación dun servicio ou calquera combinación entre ambos. O impacto do proxecto nos ditos procesos medirase a través de calquera combinación dos seguintes parámetros de medida:

-Valor engadido ó cliente do proceso.

-Custo do proceso.

-Tempo de ciclo do proceso.

Na memoria do proxecto han de quedar especificados os valores iniciais dos parámetros de medida, o conxunto de indicadores e medidores, en valores absolutos e relativos de acordo co volume de actividade, cos cales se avaliará a evolución dos parámetros de medida e o impacto previsible do proxecto nestes parámetros.

II) Proxecto que implique á organización no camiño cara á mellora continua e a calidade total. A memoria do proxecto deberá especificar qué accións se acometerán con relación a liderado, motivación, participación, formación, mellora de procesos e satisfacción de clientes e empregados.

III) Proxecto con encadramento claro na estratexia da empresa. A memoria do proxecto deberá especificar unha descrición detallada da situación de partida, do futuro previsible ou desexado, das accións que se van acometer como camiño cara o ese futuro e da relación entre o proxecto e os tres factores anteriormente indicados.

IV) Coherencia do proxecto coa estructura económico-financeira da empresa.

b) Proxectos de carácter cooperativo, realizados por tres ou máis empresas ou por unha asociación, agrupación ou organismo desconcentrado que as represente.

c) A achega de coñecementos ou habilidades inexistentes ou inusuais. Proxectos de especial risco, ben porque a súa realización afecte á empresa na súa práctica totalidade, cunha forte reestructuración da súa organización, ben porque se trate da aplicación dunha técnica sobre a que non existan suficientes experiencias contrastadas.

d) A experiencia da consultora especializada e a retribución ou prezo pactado co beneficiario.

3. Estes criterios serán valorados, a xuízo do Igape, consosnte a documentación achegada polo solicitante e serán utilizados para decidir sobre o importe da axuda a conceder. O solicitante poderá aportar calquera tipo de documentación que considere necesaria para a avaliación destes criterios, ata o momento en que sexa emitida resolución, tralo cal esta posibilidade se considerará pechada.

4. Incorrerán en causa de denegación da solicitude os solicitantes que, a xuízo do Igape, concorra nunha ou máis das seguintes circunstancias:

a) Existencia de desequilibrios económicos e/ou financeiros nos datos presentados pola empresa, a non ser que se xustifiquen medidas concretas para a súa corrección.

b) Incongruencia entre o proxecto presentado e a estratexia empresarial.

c) Falta dalgunha documentación solicitada, tras requirimento para a súa reparación.

d) Falta de concreción na definición do proxecto, tras requirimento para a súa mellora.

e) Obxectivos do proxecto non concordes cos obxectivos xenéricos de cada un dos tipos de proxectos definidos no artigo 4 e segundo o tipo de proxecto identificado polo solicitante no formulario de solicitude.

f) Actividade económica do solicitante non incentivable ou non relacionada coa actividade industrial.

Artigo 12º.-Resolución.

Rematado o estudio de cada solicitude o director da área de innovación, formación e información do Igape emitirá proposta de resolución, elevándoa ó director xeral do Igape.

A resolución de concesión poderá establecer condicións técnicas ou económicas de observancia obrigatoria para a realización do proxecto subvencionable que serán reflectidas no documento denominado cadro de control do proxecto, que será elaborado polo Igape de acordo coa documentación achegada polo solicitante, así como a esixencia de presentación dunha memoria dos resultados obtidos, previsións de explotación ou calquera outra información que se coide necesaria.

A resolución de concesión deberá ser expresamente aceptada polo beneficiario quen deberá comunicar de forma que faga fe a dita aceptación no prazo de quince días hábiles desde a notificación, entendéndose a súa renuncia no caso contrario.

Na dita aceptación o beneficiario fará consta-la cesión dos seus dereitos á empresa consultora nos casos en que se estipule a subvención dos gastos relativos dela.

O prazo máximo para resolve-la solicitude de subvención será de catro meses, en caso de non se ter dictada resolución no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

A resolución non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 13º.-Procedemento de xustificación, liquidación e abono.

1. Para os proxectos de diagnóstico, o beneficiario achegará memoria xustificativa dos traballos realizados e copia das facturas, xunto cos seus correspondentes documentos de pagamento, xustificativas da realización dos traballos. Esta documentación será analizada e comprobada no Igape; tralo cal, se procederá ó pagamento da axuda concedida á empresa beneficiaria.

2. Para os proxectos de implantación de plans de mellora, o beneficiario deberá segui-las instruccións que marque o cadro de control para a xustificación, achegando nos prazos marcados por este a documentación especificada. Esta documentación será analizada e comprobada no Igape, tralo cal, se procederá ó pagamento da axuda concedida á empresa beneficiaria para os gastos identificados no artigo 6º, apartado b) ou directamente á empresa consultora, para os gastos identificados no artigo 6, apartado a).

As cantidades libradas nos puntos de control intermedios, identificados no cadro de control, consideraranse aboadas a conta da axuda total concedida.

Artigo 14º.-Obrigas das empresas beneficiarias.

1. Realización do proxecto conforme a memoria descritiva del. Calquera modificación nas condicións de concesión deberá ser comunicada, inmediatamente, ó Igape. Estas modificacións terán que ser aprobadas polo director xeral do Igape, podendo este, coa aprobación do cambio, modifica-la contía da subvención concedida, sen superar en ningún caso, o máximo establecido.

2. Seguimento do proxecto e achega da documentación especificada, segundo o cadro de control do proxecto.

3. Facilita-las actividades auditoras que o Igape estime oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto, achegando no prazo que lle sexa concedido para o efecto toda a documentación ou información que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape, sen perxuicio das obrigas adquiridas no cadro de control do proxecto.

Estas actividades auditoras poden ser, entre outras:

-Visita ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso ós rexistros internos da empresa, nos que se baseen as xustificacións técnicas e administrativas.

4. No caso de asignación dun bolseiro:

a) Aceptación dun dos bolseiros preseleccionados polo Igape, de acordo co procedemento que se estableza na convocatoria anual de bolsas do Igape.

b) Subscribir un seguro de accidentes laborais ó bolseiro asignado polo Igape polo importe mínimo establecido no convenio colectivo que sexa de aplicación ós traballadores da empresa beneficiaria.

c) Facilitarlle ó bolseiro asignado polo Igape tódolos medios necesarios para desempeña-lo seu labor, incluíndo o abamento dos custos ocasionados polas viaxes que deba realizar no desempeño dela.

d) Realizar un informe da actividade desempeñada polo bolseiro asignado polo Igape, avaliando a súa contribución ó proxecto de mellora da competitividade.

Artigo 15º.-Prazo de execución.

1. Establécense os seguintes prazos máximos de realización dos proxectos:

a) Para os proxectos de diagnóstico establécese un prazo máximo de tres meses. En función do desenvolvemento do proxecto o Igape poderá conceder unha única prórroga por un período máximo doutros tres meses. Para os casos nos que se trate da elaboración da documentación básica do sistema de calidade estes prazos poderán duplicarse.

b) Para os proxectos de implantación de plans de mellora establécese un prazo máximo de seis meses. En función do desenvolvemento do proxecto o Igape poderá conceder unha única prórroga por un período máximo de catro meses máis.

2. O proxecto deberá iniciarse en todo caso con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda e dentro do prazo máximo dun mes contado a partir da data de notificación da correspondente resolución.

Artigo 16º.-Modificación da concesión.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo de solicitude do beneficiario nos casos nos que se produzca un incumprimento parcial, se se acredita que o dito incumprimento non resulta de gran entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención e decretará o reintegro do indebidamente percibido

ata o dito momento, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 17º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento das obrigas dos beneficiarios.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para iso.

c) Incumprir a finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumprir as condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Tratándose de condicións referentes á contía dos gastos subvencionables, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ós gastos non xustificados ou xustificados indebidamente.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o proxecto que se presentase.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

Artigo 18º.-Compatibilidade.

A concesión das axudas desta orde queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

En todo caso serán de aplicación os límites de axudas previstos no artigo 7 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Correspóndelle ó Igape a interpretación do contido da presente orde e a resolución das incidencias e dúbidas que xurdan sobre a súa aplicación e cumprimento.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO II

Don/Dona..., con domicilio en..., e DNI nº..., actuando no seu propio nome e dereito, ou en representación de..., con domicilio social en... e NIF..., en virtude de...,

Tendo presentada unha solicitude de axudas ó amparo da orde... pola que se establece o programa de axudas para a mellora da competitividade nas empresas,

DECLARA:

-Que non solicitou nin obtivo, nin ten previsto solicitar ningún tipo de axuda de calquera Administración ou ente público ou privado en relación co proxecto obxecto desta solicitude.

-Que obtivo ou solicitou as seguintes axudas de calquera Administración ou ente público ou privado en relación co proxecto obxecto desta solicitude:

Administracion ou entidade:

Pública ou privada:...

Contía obtida ou solicitada:...

Data de solicitude/resolucion:...

Situación do expediente:...

E comprométese,

A notificar de maneira que faga fe ó Igape no prazo máximo de 15 días hábiles, a partir da data de recepción de calequera notificación ó respecto calquera modificación sobre as axudas solicitadas ou obtidas en relación co proxecto obxecto desta solicitude.

(Lugar, data e sinatura do solicitante)

ANEXO III

RELACIÓN DE DOCUMENTACIÓN ACHEGADA

Con carácter xeral:

-Solicitude.

-Memoria presentación da empresa.

-Certificados oficiais de estar ó corrente das obrigas tributarias e dos pagamentos á Seguridade Social.

-Declaración xurada de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

-Fotocopia tarxeta NIF e fotocopia de escritura de outorgamento de poderes do asinante da solicitude, se o solicitante é persona xurídica.

-Fotocopia CIF, se o solicitante é persona física.

-Declaración de axudas concorrentes, segundo o anexo II.

Para os proxectos tipo a):

-Memoria descritiva do proxecto.

-Facturas pro forma ou orzamentos detallados aceptados polo solicitante.

Para os proxectos tipo b):

-Memoria descritiva do proxecto.

-Balance e conta de resultados dos anos 1994 e 1995.

-Descrición das tarefas asignadas ó bolseiro.

-Cadro de resultados do proxecto.

-Cronograma de Gantt de desenvolvemento do proxecto.

-Descrición detallada do custo do proxecto.

-Memoria presentación da empresa de consultoría externa ou solicitude da exención de dita documentación.

Nota: toda a documentación ha de presentarse por triplicado (admítese a presentación dun orixinal e dúas fotocopias), encadernada nun único volume.

ANEXO IV

INSTRUCCIÓNS PARA A CUBRI-LO CADRO DE RESULTADOS DO PROXECTO

O cadro de resultados do proxecto é o instrumento clave no cal se baseará a elaboración do cadro de control do proxecto, o cal, á súa vez, conterá as obrigas que o solicitante terá que xustificar para que se lle aboe a subvención concedida. Debe, polo tanto, prestarse especial atención á súa elaboración.

No cadro de resultados do proxecto debe figura-la descrición dos seguintes elementos:

1. Data de comezo do proxecto. Poderá ser absoluta (por exemplo: 01.05.96) ou relativa á aprobación da subvención (por exemplo, quince días despois da concesión da subvención).

2. Prazo de execución do proxecto. Definido, preferentemente, en meses.

3. Puntos de control propostos. O punto de control é un fito importante no desenvolvemento do proxecto, no cal se poden obter resultados parciais. O aboamento das cantidades a conta sobre a subvención concedida realizarase en función dos puntos de control que se establezan para cada proxecto. Debe identificarse a data dos puntos de control, de forma absoluta ou relativa á data de comezo do proxecto (por exemplo: 2 meses despois do comezo).

4. Resultados do proxecto. Deberán identificarse entre 1 e 5 resultados importantes do proxecto. Deberá definirse a situación inicial da empresa, antes do comezo do proxecto e a evolución previsible destes resultados á finalización do proxecto e en cada un dos puntos de control, utilizando, para iso, os índices de evolución a que se refire o punto 5. A definición dos resultados deberá ser clara e concisa, en non máis dunha liña de texto.

5. Índices de avaliación dos resultados. Para cada un dos resultados do proxecto definiranse entre 1 e 3 índices de avaliación, en valores absolutos e relativos á cifra de negocio ou calquera outro elemento de medición da actividade. O valor destes índices deberá quedar perfectamente establecido antes da realización do proxecto e identificada a súa evolución cuantitativa ó remate do proxecto e en cada un dos puntos de control.

Desta maneira, o cadro de resultados do proxecto configurarase como unha táboa resumo, na cal:

-En abcisas figurarán a situación inicial, a situación final e os puntos de control propostos, todo iso referido ás súas correspondentes datas, absolutas e relativas.

-En ordenadas figurarán os resultados do proxecto, cada un cos seus correspondentes índices de avaliación.

-En cada un dos puntos de cruzamento abscisas-ordenadas, figurará o valor do índice correspondente á data, sexa esta situación inicial, situación final ou punto de control, especificada de forma absoluta ou de forma relativa.

O aspecto final dun cadro de resultados do proxecto deberá parecerse, por tanto, á seguinte táboa:

Sit. finalPto.

control 1

Pto.

control n

Sit. final

(data)(data)...(data)(data)
Rtdo. 1
Índice 1.1.(valor(valor)...(valor)(valor)
.
.
.
Índice 1.n.(valor(valor)...(valor)(valor)
.
.
.
Rtdo. n
Índice n.1.(valor(valor)...(valor)(valor)
.
.
.
Índice n.n(valor)(valor)...(valor)(valor)

En folla anexa á táboa, ou dentro da memoria do proxecto, poderán realizarse todo tipo de aclaracións, matizacións, comentarios, explicacións,... relativos ós resultados do proxecto, os índices de avaliación dos ditos resultados, as datas dos puntos de control, etc.

5145