Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 10 de xullo de 1996 Páx. 6.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 15-7-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas

Capítulo I

Denominación, finalidade deportiva e domicilio social

Artigo 1º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas é unha entidade privada, de utilidade pública, sen ánimo de lucro; o seu ámbito de actuación esténdese á Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, e está integrada polos clubs deportivos, deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros dedicados á práctica do deporte do karate e disciplinas asociadas.

Dentro da dita federación, e sen prexuízo do recoñecemento de súa propia identidade, están acollidas e comprendense igualmente as seguintes disciplinas asociadas: Taijitsu, Kenpo e Shorinji Kenpo, ás que lles corresponde na asemblea xeral a representación proporcional a súa implantación real na federación.

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas ademais das súas propias atribucións, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo e actúa como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas organízase orgánica e funcionalmente de for

ma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de tódalas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita as súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas encóntrase integrada na Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas, ostentando de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ó karate e demais disciplinas naquela asociadas, conservando en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 3º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas ten competencia para dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concurrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias das súas especialidades deportivas, na coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estos estatutos e os seus regulamentos, polos da Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas, no que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.

Artigo 4º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas actividades propias de goberno, administración, xestión e organización, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación do karate e disciplinas asociadas en tódalas súas facetas, en coordinación coa federación española.

b) Anima-los deportistas a que canalicen a súa actividade á práctica do karate e disciplinas asociadas mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do karate e disciplinas asociadas, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta especialidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organizar, se é o caso, as actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que se lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Os actos realizados pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as resolucións da cal esgotan a vía administrativa.

Artigo 5º

O domicilio social da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas é na cidade do Ferrol, rúa Manuel Belando, 2-2º Drta.

A comisión delegada, pola maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma cidade. Para o traslado de tal domicilio a outra cidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ámbolos casos, o traslado do domicilio social non implicará modificación estatutaria, e deberalles ser notificado ós afiliados e organismos oficiais que proceda.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos puramente de organización interna, poderanse establecer oficinas e locais da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas en cada unha das sete cidades máis importantes de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo), excepto na que coincida co seu domicilio social.

Capítulo II

Dos órganos de goberno e representación

Artigo 6º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse a comisión delegada.

O nomeamento e a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios, e dos comités que puideran crearse dentro das federacións deportivas galegas, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

Estes nomeamentos e, se é o caso, as causas que motivaron a renovación deberán incluírse necesariamente na orde do día da seguinte reunión da comisión delegada.

Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos, e os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple; no caso de empate o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será esixi

da no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no R.D. 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

Sección primeira

Da asemblea xeral

Artigo 7º

A asemblea xeral estará constituída polos representantes dos clubs deportivos, os deportistas, os técnicos-adestradores e os xuíces-árbitros.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 8º

A asemblea xeral é o órgano superior da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e os seus membros serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre e secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos establecidos no Regulamento electoral así como desinará á xunta electoral para este proceso, integrada por tres membros titulares e tres suplentes elixidos entre os membros da federación con licencia en vigor no momento da convocatoria e sen que en ningún caso poidan ser desinados os que se presenten como candidatos nas eleccións.

Acordada pola asemblea a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen a asinará.

Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea a xunta directiva constituirase en comisión xestora.

Artigo 9º

A asemblea xeral está integrada por 25 membros, e a representación dos catro estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Clubs deportivos: 72%, correspondendo 18 membros.

-Deportistas: 20%, correspondendo 5 membros.

-Adestradores/técnicos: 4%, correspondendo 1 membro.

-Xuíces/árbitros: 4%, correspondendo 1 membro.

Artigo 10º

Para ser membro da asemblea xeral requirese:

1. Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

2. Ser maior de idade e estar no pleno exercicio dos dereitos civís.

3. Non estar incurso en sanción federativa que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Os requisitos esixidos para ser elixibles ou electores deberán cumprirse no día en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 11º

Os membros da asemblea xeral cesarán por:

1. Demisión.

2. Incorreren en calquera das causas de inelixibilidade.

3. Convocatoria de novas eleccións á asemblea xeral.

4. Deixaren de pertencer á Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Artigo 12º

As vacantes que se produzan na asemblea antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtiveran maior número de votos despois dos que resultaron electos e, na falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocupa-las vacantes a que se refire o apartado anterior exercerán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Artigo 13º

Os representantes dos clubs deportivos na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de clubs deportivos inscritos no rexistro público da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e que estiveran igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participaran en competicións e actividades de karate de carácter oficial no ámbito autonómico organizados pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

A representación dos clubs deportivos correspóndelle ó propio club na súa calidade de persoa xurídica. Para estes efectos, o representante do club será o presidente deste ou a persoa que o club designe.

Tódoslos clubs deportivos, calquera que sexa a súa finalidade específica e a forma xurídica que adopten, deberán inscribirse no correspondente Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia.

Circunscrición electoral será cada unha das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra na que teñan o seu domicilio social cada un dos clubs deportivos.

Artigo 14º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18

anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tiveran, polo menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participaran en competicións ou actividades de karate de carácter oficial e de ámbito autonómico organizados pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Circunscrición electoral será cada unha das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra na que se expediran licencias deportivas no ano en que se celebren eleccións.

Artigo 15º

Os representantes dos técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tiveran, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participaran en competicións ou actividades de karate de carácter oficial e de ámbito autonómico organizados pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

A circunscrición electoral será única para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o regulamento de eleccións á asemblea xeral que deberá ser aprobado pola mesma, a proposta do presidente, e haberá de regula-las seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral e número de representantes que por cada circunscrición electoral lle corresponda a cada un dos estamentos de deportistas e clubs deportivos. Cada provincia o circunscripción terá, por estes estamentos, como mínimo un representante na asemblea xeral e o resto distribuirase entre as distintas circunscricións electorais, proporcionalmente á relación entre o número de clubs con domicilio en cada unha ou en relación ó número de deportistas con licencia en vigor en cada circunscripción e o número total dos mesmos.

2. Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral central.

5. Requisitos, presentación e proclamación de candidatos.

6. Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral.

8. Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección da comisión delegada.

Artigo 17º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo de acordo dela, procederá inmediatamente á convocatoria de dita asemblea para, en conformidade có disposto co artigo 27º dos estatutos, elixi-lo presidente e á comisión delegada da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Artigo 18º

A asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre a mesma. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que desenvolverá a Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e das bases o regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

6. Aprobación do regulamento de eleccións á asemblea, presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do regulamento de disciplina deportiva.

9. O coñecemento dos recursos que se interpoñan contra resolucións ou acordos da xunta directiva e do presidente e comisión delegada da federación, nos termos previstos nestes estatutos.

Artigo 19º

Para o exercicio da competencia sinalada no artigo 18º.9, a asemblea xeral nomeará entre os seus membros unha comisión de recursos integrada por 5 persoas, que elixirán entre eles un presidente, que terá voto de calidade, en caso de empate. Ante a ausencia do presidente exercerá dito cargo o vocal de maior idade. Os acordos, que requirirán como mínimo a asistencia de 3 membros da comisión, adoptaranse por maioría simple, podendo solicitarse os asesoramentos técnicos e xurídicos necesarios, e nas deliberacións e decisión non poderán intervir aqueles membros que, á súa vez formen parte do

órgano que dictou a resolución obxecto de recurso en calquera das súas instancias. Os membros da comisión de recursos serán renovados, sendo posible a súa confirmación total ou parcial, despois de cada elección á asemblea xeral.

O secretario da comisión de recursos será o da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas quen sempre terá voz e ademais voto se é un dos elixidos pola asemblea xeral.

Artigo 20º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, con 30 días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da federación e como mínimo en dúas publicacións diarias de ámbito galego, debendo incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros ó enderezo que deberá constar na federación 30 días antes da data da convocatoria; a notificación remitirase por calquera medio que permita ter constancia da recepción e da data. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros desta recibiran a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún otro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membros dela.

A orde do día poderá ser modificada no sentido de incorporar novos puntos a petición fundada dun quinto dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas cunha antelación mínima de 10 días sobre a data da convocatoria.

Artigo 21º

O presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente antes do inicio da nova tempada deportiva para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, as aprobacións do calendario deportivo e das bases ou regulamentos que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

Tódalas demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas sempre que o estime oportuno, ou a petición dun número de membros que integran a asemblea non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da federación, indicando os puntos que compoñerán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días desde a entrada da petición no rexistro

da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados no artigo 20º, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, a celebrar nun prazo non superior de 20 días naturais desde a convocatoria. No caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude se efectuara sen resposta, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte, para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno e control.

Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningún salvo a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso nunha asemblea convocada desta forma non poderán modificarse os estatutos.

Artigo 22º

A asemblea quedará legalmente constituída na primeira convocatoria, cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

Na segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

Non será admisible de ningún xeito para formación da vontade dos órganos colexiados da FGKEDA nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros.

A asemblea será presidida polo presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e o seu voto será de calidade no caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Nembargantes, para a modificación dos estatutos e Regulamento electoral será preciso o voto favorable da maioría de 2/3 dos membros que compoñen a asemblea, asistan ou non a ela. No caso de que os asistentes co seu voto favorable non alcancen a maioría esixida por falta de quórum, o acordo deberá ser notificado fidedignamente ós ausentes, os cales no prazo de 30 días hábiles poderán opoñerse a el tamén de forma fidedigna. Pasado dito prazo sen formular oposición considerarase o seu voto como favorable ó acordo.

Para os efectos de cómputo de quorums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleistas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente

existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes, salvo para reforma dos estatutos e Regulamento electoral no que a maioría de 2/3 se computará sempre sobre o número total de membros de dereito da asemblea, incluídas as vacantes.

Artigo 23º

A asemblea non poderá adoptar ningún acordo nin realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

No caso de dúbida ou a petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Sección segunda

Da comisión delegada

Artigo 23º Bis

A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

Estará integrada por cinco membros.

Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

O presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas convocará á comisión delegada que se reunirá, como mínimo cada 4 meses para os fins de súa competencia e alomenos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

As modificacións no poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión correspóndelle exclusivamente ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Sección terceira

Do presidente

Artigo 24º

O presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas é o órgano executivo desta. Exerce a súa representación legal, convoca e pre

side os órganos de goberno e representación e executa os acordos deles. O presidente poderá nomear delegados nas oficinas locais aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente según o seu criterio.

Artigo 25º

O presidente será elixido cada catro anos, coincidindo cos anos no que se celebren Xogos Olímpicos de inverno pola asemblea xeral e logo da renovación desta, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea e a súa elección producirase por un sistema de dobre volta debendo alcanzar maioría absoluta de membros que a compoñen na primeira e maioría simple de asistentes na segunda celebradas cunha hora de diferencia e logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas alomenos polo 10% dos membros da asemblea. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo de catro anos mencionado, considerarase dimisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade, procedéndose pola asemblea xeral, logo de convocatoria da dita comisión, a unha nova elección para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, observarase ó disposto no artigo 29º destes estatutos.

Artigo 26º

Para poder ser candidato a presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas haberán de reunirse as condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas o polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na FGKEDA.

c) Ocupación de cargos nunha federación autonómica de kárate.

d) A persoa que resulte elixida como presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 27º

A elección do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas levarase a cabo na asemblea xeral extraordinaria que se celebre despóis de súa propia renovación no prazo máximo de 45 días; na orde do día constará unicamente a constitución da asemblea xeral e a elección do presidente e membros da comisión delegada nos termos que, de conformidade con estes estatutos, establézcanse no Regulamento electoral.

O procedemento de elección do presidente e comisión delegada deberá axustarse ó previsto nas disposicións legais de aplicación.

Artigo 28º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física o psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade.

Artigo 29º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan alomenos un 20% desta mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día así como propoñer un candidato alternativo á presidencia. No caso de prospera-la moción, que se votará nun sistema de dobre volta, debendo alcanzar maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea na primeira e maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato quedará investido, con un mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire este artigo, observarase o disposto no artigo 20º destes estatutos. A sesión da asemblea na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade, non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco poderá presentarse, no caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción polo tempo que falte para concluí-lo período ordinario.

Sección cuarta

Órganoscomplementarios dos de goberno e representación

Artigo 30º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas sendo os seus membros designados e separados libremente polo presidente.

O número de membros no poderá ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros de súa xunta directiva un vicepresidente, que o será tamén da federación, quen sustituirá ó presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario que, a súa vez, o será da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas así como o tesoureiro. Tales cargos, en canto baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral, terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

Tódolos cargos serán honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas nomeará a un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Karate, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado, ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puideran derivarse, se é o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaria Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3. O tesoureiro da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas é o órgano de administración desta.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación.

Artigo 31º

Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral.

Artigo 32º

Os membros da xunta directiva cesarán:

a) Por vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nestes estatutos.

b) Demisión.

c) Morte ou incapacidade física o psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade.

e) Destituídos directamente polo presidente co cumprimento das comunicacións a que se refire o artigo 6º destes estatutos.

Artigo 33º

A xunta directiva como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias e exercerá por delegación, as que lle encomende o presidente que poderá avocar en calquera momento.

Artigo 34º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Capítulo III

Dos afiliados

Artigo 35º

Os clubs deportivos poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se atopen constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, debéndose comprometer a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materia da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, en que sexan de aplicación, rexerán para a integración na Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas dos deportistas, técnicos, entrenadores, xuíces e árbitros.

Artigo 36º

A integración na Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas implicará a integración automática e para tódolos efectos na Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas.

Artigo 37º

A integración na Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita concesión será acordada pola xunta directiva da federación galega. Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a comisión de recursos da asemblea xeral.

En todo caso, para participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión da licencia expedida pola Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Artigo 38º

Tódolos membros da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas teñen dereito a recibi-la tutela desta con respecto ós seus intereses deportivos comúns, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas teñen, á súa vez, o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que isto obste ó seu dereito de recorrer, ante as instancias federativas competentes e, se é o caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Artigo 39º

Os clubs deportivos, deportistas, técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, sen prexuízo de súa pertenza e afiliación directa á Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas poderán agruparse en asociacións deportivas, con ou sen personalidade xurídica propia, que a súa vez deberán estar integradas necesariamente na Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas. As asociacións deportivas constituidas ó amparo de este artigo terán como finalidade a promoción e práctica do karate en colaboración coa propia federación galega.

Capítulo IV

Do réxime económico

Artigo 40º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

Ó final de cada ano ou da tempada deportiva, o tesoureiro someterá, á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos e a memoria económica, así como o orza

mento para o ano seguinte, balance e orzamento que lle deberán ser notificados os órganos competentes da Xunta de Galicia.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos a desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e achegas segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo, os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea a disposición das persoas o entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles terá que entregar antes da celebración da asemblea.

Artigo 41º

Constitúen os ingresos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas lle poidan conceder, así como as provenientes, se é o caso, da Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares así como os premios que lle sexan otorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lle impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 42º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

Artigo 43º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará co seu asinamento, mancomunado co do presidente, ou co do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente, deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Capítulo V

Dos órganos técnicos e asesores

Artigo 44º

1. A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademáis das seguintes:

a) A Dirección Técnica Rexional.

b) O Tribunal Rexional de Graos.

c) A Escola Galega de Preparadores.

d) O Comité da Selección de Galicia.

e) Os comités de disciplina deportiva: comité de competición ou xuíz único e comité de apelación.

f) Comités de especialidades deportivas.

g) Comité de Recursos.

Tódalas comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada emanada da Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

2. No seo da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros, o presidente do cal será desinado polo presidente da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan o arbitraxe, para súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación, con excepción dos presidentes dos comités de especialidades deportivas que serán nomeados polos colectivos interesados. O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités sen voz e sen voto, salvo que fose membro dos mesmos.

Capítulo VI

Do réxime documental

Artigo 45º

O réxime documental da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs no que constarán a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódo-los órganos colexiados da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

Artigo 46º

O réxime documental da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas estará a cargo do secretario, a quen lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinalas co visto e prace do presidente, expedir certificacións e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

Capítulo VII

Do réxime disciplinario e xurisdiciconal

Artigo 47º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas en materia de disciplina deportiva ten potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva do karate e disciplinas asociadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma Galega.

Artigo 48º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un Comité de Competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un Comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no R.D. 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O Comité de Competición o xuíz único de competición estará integrado por un número de membros entre 1 e 3 nomeados pola asemblea xeral de entre membros da federación. O Comité de Apelación estará integrado por 3 membros, as mesmo nomeados pola asemblea xeral entre os membros da federación.

A duración do cargo coincidirá coa da asemblea xeral que os nomeara e durante o dito período só cesarán por renuncia ou demisión, morte, incapacidade física ou psíquica ou perda da condición de membro da federación.

Unha vez elixidos os membros do comité, estes designarán os seus presidentes nas primeras reunións que celebren.

A composición destes comités comunicarase á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 49º

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias, terán carácter defi

nitivo no ámbito da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e poderase recorrer contra elas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme á lexislación vigente.

Capítulo VIII

Da modificación dos estatutos e da disolución da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas

Artigo 50º

Os estatutos da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido no artigo 22º dos presentes estatutos.

Artigo 51º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada, nomeándose seguidamente por esta unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar á asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos deberá ser ratificada polos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Artigo 52º

A Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea xeral refrendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as Leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase os fins de carácter deportivo que determine o organismo competente da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

En todo o non expresamente previsto nos presentes estatutos, serán de aplicación, de maneira subsidiaria, os estatutos da Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas e lexislación autonómica e estatal pertinente.

5091