Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 02 de xullo de 1996 Páx. 6.516

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da canteira Palacio, da provincia da Coruña.

En cumprimento do disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente do 3 de outubro de 1995 polo que que formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira de anfibolita nomeada Palacio, sita en terreos do termo municipal de Miño, provincia da Coruña, promovida por Manuel Rey Ruanova, que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 10 de xaneiro de 1996.

Juan Lizaur Otero

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa a adoptar polo órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto consiste na explotación dunha canteira de anfibolita co obxecto de producir e comercializar áridos para a construcción.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación.

O anexo II contén as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

O anexo III contén un resumo do plan de restauración e do plan de vixilancia ambiental, propostos no estudio.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 3º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 8 de marzo de 1995, someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Como resultado dela, non consta a presentación de alegacións ó devandito proxecto.

Consúltase, así mesmo, ás direccións xerais de Industria, Calidade Mediambiental e Urbanismo, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental.

O resultado das consultas realizadas está contido no anexo IV da presente declaración.

Completada a tramitación, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto de explotación da canteira de anfibolita nomeada Palacio, sita en terreos do termo municipal de Miño, provincia da Coruña, promovido por Manuel Rey Ruanova.

O órgano susbtantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e o órgano ambiental, a Comisión Galega do Medio Ambiente.

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e instalacións comprendidas dentro da área xeográfica definida nos planos do proxecto de referencia. Para outras zonas ou áreas a explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmósfera.

1.1. Dado que existen núcleos rurais (Campolongo e Buíña), nun radio de aproximadamente 800 m, e algunhas casas illadas nas proximidades da explotación a unha distancia mínima de 100 m, e co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre a poboación puidera te-lo pó xerado pola explotación adoptaranse as medidas necesarias de forma que nas edificacións mais próximas se cumpra:

-Os niveis de partículas sedimentables non superarán os límites establecidos polo Decreto 833/1975, para zonas habitadas, de 300 mg/m (concentración media en 24 h).

-As partículas en suspensión, medidas polo procedemento gravimétrico, non sobrepasarán os niveis impostos polo Real decreto 1321/1992 (300mg/m), e o seu valor medio anual non superará os 150 mg/m.

1.2. Así mesmo, e en canto á protección contra o ruído e vibracións, adoptaranse as preventivas seguintes:

-Os niveis de inmisión sonora, medidos a 2 m das fachadas da liña de casas mais próximas á zona de explotación (100 m), non sobrepasarán os 65 dB (A) leq, entre as 8 e as 21 horas, e os 55 dB (A) leq, entre as 21 horas e as 8 horas.

-As voaduras que se realicen deseñaranse e calcularanse de forma que garantan a non afección das edificacións mais próximas á zona de explotación.

-Salvo en casos excepcionais xustificados, as voaduras non poderán realizarse entre as 20 e as 8 horas.

2. Protección das augas.

Dada a posible incidencia que sobre a escorrentía superficial poderían te-los traballos de retirada da cuberta vexetal e os movementos de terra derivados da propia actividade extractiva e debido a que a dita escorrentía podería afecta-las augas superficiais, así como a capa freática subxecente, deberán adoptarse as seguintes medidas:

2.1. Os foxos proxectados na coroación dos taludes, así como a posible drenaxe da zona de acopios, conectarán cunha canle perimetral que recolla as augas de escorrentía así como os efluentes orixinados polo lavado das estructuras de maquinaria e regado de pistas e viais, as que serán conducidas a unha balsa ou balsas de decantación. Para a depuración e tratamento das augas procedentes do lavado dos áridos queda prohibida a utilización de balsas de decantación, debendo utilizar outros métodos, sempre en circuíto pechado, tales como tanques-espesadoras e filtros-prensa.

O vertido das augas procedentes da balsa de decantación deberá realizarse a través de conduccións axeitadas.

2.2. Tanto as canalizacións como a balsa de decantación realizaranse con materiais non contaminantes e que garantan a perfecta estanqueidade do circuíto.

2.3. Deberase asegura-lo axeitado funcionamento e estabilidade dos pozos de perda de velocidade e da balsa de decantación. O baleirado e limpeza de sedimentos da balsa de decantación realizarase cada vez que a profundidade, medida entre sedimentos e lámina de auga, sexa inferior a 1 m.

2.4. Os finos sedimentados poderán servir de estériles de recheo nas tarefas de restauración, prohibíndose de forma específica o seu vertido en terreos propios ou alleos á explotación así como en zonas de dominio público hidráulico (D.P.H.).

2.5. No caso de que co emprego do sistema de decantación previsto, a auga non saia suficientemente limpa, incumprindo o establecido na Lei de augas e outras disposicións legais relativas á calidade das augas residuais de efluentes hídricos procedentes de actividades industriais, deberase recorrer a outras técnicas ou instalacións de depuración que aseguren a calidade do vertido hídrico.

2.6 As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, deberán ser conducidos a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

2.7. Os residuos que se poidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaránselle a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. Previamente a calquera vertido de material deberá ser quitada toda edificación, vexetación e capa de solo nunha profundidade mínima de 1 m.

3.2. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e levados a vertedeiros autorizados, antes do comezo dos traballos.

3.3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

4. Plan de restauración.

Consideranse axeitadas as medidas correctoras e protectoras que se indican no estudio de impacto ambiental, xunto coas indicación xa recollidas anteriormente e as que seguidamente se expresan:

4.1. A execución do plan de restauración, deberase levar a cabo de xeito progresivo.

4.2. De acordo cun uso natural-forestal do terreo, con carácter xeral os taludes finais da explotación deberán ter unha pendente máxima 1.5(H):1(V), co fin de asegura-la continuidade e sucesión da cuberta vexetal dun xeito natural.

4.3. No caso de ser tecnicamente viable, remodelarase a topografía alterada de xeito que se axuste o máis posible á natural. Os entullos que se utilicen para a restauración deberán ser totalmente inertes.

5. Documentación adicional.

5.1. O promotor remitirá, a través o órgano substantivo, á Comisión Galega do Medio Ambiente, nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración, os seguintes documentos:

a) Mapa de concas visuais e definición axeitada das medidas correctoras propostas a fin de atenua-lo impacto paisaxístico.

b) Un informe, acompañado de planos de detalle, que describa:

-Forma, xustificación de dimensionamento e materiais de construcción da balsa de decantación así como a forma, trazado, xustificación de dimensionamento, materiais e características constructivas do sistema de drenaxe.

-Definición axeitada do sistema elixido para a depuración das augas procedentes do lavado dos áridos.

Así mesmo remitirase, cunha periodicidade semestral, outro informe sobre a calidade das augas procedentes do sistema de depuración baseado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado.

c) Un estudio sobre o rúido e as vibracións, que reflicta a situación e resultados tanto na fase previa á explotación, como na de funcionamento, no que se indicará alomenos:

-Tipo de aparello de medida, métodos de medición, unidades utilizadas, períodos de medición, condicións e puntos de medición.

-Confección dun mapa de ruídos sen funcionamento da actividade, coa distribución dos puntos de medición, e resultados obtidos. Dito mapa reflectirá o contorno da explotación e alcanzará ata as primeiras vivendas ou terreos alleos suceptibles de edificación.

-Confección dun mapa de ruídos que reflicta as condicións de funcionamento da actividade a pleno rendemento, e que abrangue o mesmo contorno có anterior.

-Estudio das transmisións de ruídos que se poidan producir nas edificacións existentes ou potencialmente construíbles.

-Medidas correctoras para reduci-las transmisións no caso de que os datos obtidos indiquen transmisións sonoras e vibracións superiores ós límites admisibles.

-Realización de enquisas entre os veciños próximos á canteira, e resultado delas.

-Para a determinación dos niveis sonoros das máquinas utilizadas na explotación, seguirase, preferentemente, a metodoloxía e notacións prescritas na Directiva do Consello da CEE, do 19 de decembro de 1978, referente á aproximación das lexislacións dos estados membros relativas á determinación da emisión sonora das máquinas e materiais utilizados nas obras de construcción (79/113/CEE), modificada pola directiva do 7 de decembro de 1981 (81/1051/CEE), e pola directiva do 11 de xullo de 1985 (84/405/CEE).

5.2. Así mesmo, e no mes de xaneiro de cada ano natural, un informe que conterá alomenos:

-Estado actual da actividade extractiva.

-Estado actual do cumprimento do plan de restauración.

-Reportaxe fotográfica que describa o estado da explotación e das accións de restauración levadas a cabo.

6. Condicións adicionais.

6.1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Esta aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

6.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Non embargantes, a empresa promotora, poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao á Comisión Galega do Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

6.3. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan as mesmas.

6.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo modificacións na actividade.

6.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 1995.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO DE EXPLOTACIÓN

A canteira Palacio atópase situada no lugar de Monte Palacios, Buíña, parroquia de Campolongo, termo municipal de Miño (A Coruña).

Accédese a ela pola estrada N-VI, desviándose en Campolongo cara a Perbes, tomando outra desviación a 1 km á dereita.

A explotación realizarase a ceo aberto, mediante bacos de 10 m de altura media, cun total de 3 frontes.

O arrinque realizarase mediante explosivos (Goma-2 e nagolita) polo método de grandes voaduras. A fragmentación dos bloques realizarase por medio de taqueo con explisivos ou utilizando martelo rompedor.

Posteriormente o material extraído trasladarase á machicadora secundaria para consegui-los seguintes áridos: morrillo (40/60 mm), saburra (todo-un), grava (12/25 mm), grava miúda (6/12 mm) e area (0/6 mm).

Preténdense explotar 100.000 m anuais e as reservas estimadas son de 1.000.000 m.

As intalacións a considerar son:

-Pistas de acceso ós diferentes bancos de explotación.

-Escavación e obra civil de apoio para a maquinaria de tratamento e clasificación.

-Maquinaria de trituración e clasificación.

-Edificio de servicios, vestiarios, caseta de transformación e oficinas.

ANEXO II

MEDIDAS CORRECTORAS PROPOSTAS NO ESTUDIO DE AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

1.1. Atmósfera.

Filtro captador de pó no carro perforador.

Reducción do tempo entre as fases de explotación e restitución.

Limitación da velocidade de circulación dos vehículos.

Axeitada posta a punto dos motores de combustión interna.

Humectación das pistas.

Transporte do material húmido ou cuberto con lonas.

Reducción da actividade en períodos de ventos intensos.

Creación de barreiras vexetais.

Tratamento na planta de clasificación en vía húmida.

1.2. Augas.

Creación de canles revestidas na coroación dos taludes e nas zonas onde a velocidade das augas poida producir erosións no solo.

Conducción das augas de escorrentía a pozos de perda de velocidade.

Lixeira pendente nas bermas cara ó interior da canteira.

1.3. Solo.

Retirada e acopia da terra vexetal das zonas ocupadas da explotación.

Tratamento axeitado do solo almacenado.

1.4. Riscos xeofísicos.

Canles na oroación dos taludes.

Plantación de árbores nas bermas.

Peche de seguridade ó longo do perímetro da explotación.

1.5. Morfoloxía e paisaxe.

Creación de barreiras vexetais.

Desmantelamento das instalacións unha vez finalizada a explotación.

ANEXO III

RESUMO DO PLAN DE RESTAURACIÓN E PLAN DE VIXILANCIA AMBIENTAL

-Restauración:

Ocultación o simulación da explotación durante o seu funcionamento.

Preparación das superficies ó térmo da explotación.

Retirada de instalacións.

Revesetación de acordo cun uso natural-forestal do terreo.

-Vixilancia ambiental:

Control da calidade dos materiais empregados nos labores de restauración de acordo co previsto no proxecto.

Verificación das operacións de modelado, preparación do terreo e implantación de vexetación deacordo co exposto no proxecto.

Visitas periódicas ás zonas restauradas para coñece-la evolución das sementeiras e plantacións realizadas.

Recollida de mostras de solo para a súa análise físico-química.

Controis dos niveis de ruído e das emisións do pó e gases.

Seguimento dos riscos xeofísicos co fin de previr inestabilidades.

Seguimento e control do éxito de implantación da cuberta vexetal.

Reparación e limpeza das canles e sistemas de canalización de augas.

ANEXO IV

RESULTADO DAS CONSULTAS REALIZADAS SOBRE O IMPACTO AMBIENTAL DO PROXETO

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Mediambiental e Urbanismo considera necesario que tódalas actuacións que se leven a cabo antes, durante e despois da explotación, así como as medidas corectoras e de restauración, se realicen de acordo coas condicións de protección da zona determinadas polas normas subsidiarias de planeamento vixentes no concello de Pontedeume.

A Dirección Xeral de Montes e MAN emite informe desfavorable sobre a realización do devandito proxecto, por considerar insuficientes as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio presentado.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable sobre o proxecto presentado establecendo adicionalmente as seguintes condicións:

-Protección da atmosfera: evita-lo retacado dos barrenos con detritus de perforación, regado de pistas, correcta posta a punto dos motores de combustión interna e limitación da velocidade de circulación a 15 km/h.

-Mantemento da vexetación exitente que sirva de pantalla visual e acústica.

-En canto ás pistas e viais, e en canto ás condicións ambientais, cumprimento do disposto na ITC 07.1.03.

-Prohibición expresa de depósito, acumulación ou vertido de residuos na zona de explotación, instalacións ou adxacentes.

A Dirección Xeral de Saúde Pública considera que no estudio se deberían introduci-las seguintes modificacións:

-O nivel sonoro nas vivendas próximas á canteira non debería sobrepasa-los 45 dB.

-Os aceites usados procedentes do mantemento da maquinaria deberán ser almacenados en recipientes apropiados e entregados a xestor autorizado.

-Considérase necesaria unha axeitada recollida e depuración das augas de escorrentía e residuais.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental non presenta obxeccións ó devandito proxecto dado que non consta catalogado ningún xacemento arqueolóxico dentro do perímetro da explotación.

4422